Os esquerdistas presentaron un extenso
documento no que propoñen a apertura dunha estrada entre a Xoán XXIII e o Monte
da Vila, a humanización da rúa Corgo, o traslado da parada de taxis á Avenida
Beiramar, a instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos, a posta
en marcha dun mapa metrominuto ou a creación dun parque infantil de tráfico.
A dotación de aparcamentos a través de
convenios cos veciños con solares sen urbanizar ou a dotación de accesibilidade
de numerosos pasos de peóns do casco urbano foron outras das demandas incluídas
no documento trasladado ao concello.
O Grove, 26 de setembro de 2019. Hai dúas semanas, os grupos municipais
reuníronse para valorar o documento que o goberno ten elaborado sobre o Plan de
Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Un documento formado por 42 propostas de
actuación, divididas en 20 obxectivos e 9 liñas estratéxicas –varias xa
executadas– que dende Esquerda Unida valoran como escasas ademais de consideralas
“unha simple declaración de intencións, xa que non se contemplan prioridades,
tempos de execución, nin contan con previsión orzamentaria”.
Segundo o seu voceiro, José Antonio Otero, “resulta incomprensible
que o documento volva falar da creación dunha mesa de mobilidade na que se
atopen os grupos municipais, técnicos de mobilidade e actores sociais
relacionados coa mobilidade, pois xa se contemplaba no documento inicial e
reclamamos a súa posta en marcha en repetidas ocasións durante anterior mandato.
“A día de hoxe non se puxo en funcionamento nin vemos intención de facelo”,
sentencia Otero. A pesar diso, o esquerdistas considera que, “agora cando menos
contamos cunha base na que traballar e por iso achegamos ao goberno un
documento cunha serie de propostas para complementar o PMUS”.
Entre
as propostas realizadas, os esquerdistas consideran prioritaria a apertura dunha
estrada que una o Monte da Vila coa rúa Xoán XXIII, “xa que suporía unha
fluidez e mellor acceso á sobresaturada zona do Monte da Vila” onde, tal e como
indican, se atopan tres infraestruturas deportivas, dúas culturais (logo da
futura construción do Auditorio), unha social, unha sanitaria e unha educativa.
“Esta estrada si é prioritaria e non a que pretende executar o goberno nas
Bouzas, ademais, atópase contemplada nas Normas Subsidiarias e no PXOM polo que
se pode iniciar a súa apertura” conclúe José Antonio Otero.
Outra das
cuestións que abordan é a necesidade de humanizar a rúa que transcorre por
detrás da Casa do Concello e que desemboca ao carón do Xulgado de Paz, “unha
rúa que no seu tramo medio conta con pouca accesibilidade e no tramo final está
nun estado lamentable e perigoso para os peóns” indica José Antonio Otero. O
traslado da parada de taxis á zona do Corgo, “tal e como leva reclamando o
colectivo dende hai anos” é outra das medidas que os esquerdistas entenden hai
que acometer, amais de sinalar que esa medida “permitiría usar a actual parada
como zona carga e descarga co propósito de reducir o tránsito de vehículos de
transporte pola Catorse”. Así mesmo dende Esquerda Unida tamén solicitan se faga
efectiva a posta en funcionamento dun punto de carga para vehículos eléctricos
na Avenida Beiramar, “tal e como se contemplaba no proxecto de desdobre desa
estrada”. Tamén fan referencia á necesidade de crear un mapa a semellanza do
Metrominuto que impulsou a cidade de Pontevedra e que xa foi copiada por
numerosos concellos e cidades de todo o estado, co propósito de fomentar os
desprazamentos sen vehículos; ou á creación dun parque infantil de tráfico, que
permitiría contar cun espazo seguro onde se poidan impartir clases de
seguridade viaria e os rapaces gocen dunha zona libre de tráfico onde moverse
con vehículos non motorizados con seguridade á par que aprenden as normas de
circulación.
No
documento trasladado ao concello, Esquerda Unida aproveitou para expoñer a
necesidade de aumentar os aparcamento dentro do casco urbano e para iso ofrece,
de forma gráfica, “as numerosas posibilidades que existen con bolsas de terreos
sen urbanizar que, previa negociación cos propietarios, se poden destinar para
cear zonas de aparcamento que contrarresten as prazas eliminadas tralas
peonalizacións”. Por último, os esquerdistas demandan unha actuación de
melloras de accesibilidade na zona urbana e para iso presentan un arquivo
fotográfico de “un gran número de pasos de peóns que non contan coas ramplas
correspondentes para que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder sen
impedimentos”.
O
voceiro de Esquerda Unida remata indicando que a “maioría destas cuestións xa
foron expostas na xuntanza que tivemos os voceiros, e o que facemos agora é
plasmalo nun documento para que non existan escusas, se valoren as propostas de
forma conxunta e se actúe”.
Gabinete de Prensa
Ningún comentario:
Publicar un comentario