xoves, 7 de marzo de 2019

Feminismo para mudalo todo
Manifesto da área de Muller de Esquerda Unida
8 de marzo de 2019
 
A centralidade do mundo está a cambiar. As milleiros de mulleres indias, arxentinas, estadestadounidensesnses ou chilenas que loitan xuntas contra unha situación insostible de precariedade, opresión, violencia e invisibilización, compoñen un movemento global imparable ao longo e ancho do planeta. Con lemas como “Nin unha menos” converten os sentimentos de rabia e inxustiza, en loita organizada, construíndo unha alternativa fronte ao capitalismo e o patriarcado que, do mesmo xeito que estes, quere abarcar todas as esferas da vida. 

O feminismo lanza unha mirada subversiva e estrutural ao neoliberalismo, e actúa colectiva e de forma solidaria contra o marco individualista e fragmentado que se instaurou nesta sociedade á vez global e dividida. En toda a nosa diversidade, as feministas recoñecémonos irmás e aprendemos e loitamos contra as diferentes opresións que sufrimos por cuestión de clase, raza ou orixe, diversidade sexual, identidade e/ou expresión de xénero, diversidade funcional ou idade. Todas xuntas polos dereitos de todas! 

O movemento feminista é o mellor exemplo de unidade popular que temos en Galicia e no Estado. É a posta en práctica do traballo colectivo desde abaixo, para construír -a partir do que nos une- unha forza transformadora. Os partidos políticos debemos aprender moito do movemento feminista para incorporar as súas estratexias e formas de traballo á nosa actividade política, organizativa e propositiva. En Esquerda Unida adquirimos ese compromiso, desde o convencemento de que a nosa organización política ten que verse transformada pola visión transversal do feminismo. 

O feminismo que se clama nas rúas é un feminismo anticapitalista, radical e subversivo que non deixa indiferente a ninguén. Vimos este ano moitas reaccións en contra da construción do mundo que queremos as mulleres. Pero á vez, novas capas de mulleres están a unirse á loita feminista, facendo dela un movemento masivo e internacionalista e isto tórnao perigoso para quen defende esta sociedade desigual e inxusta desde o medo e o odio. 

Neste contexto, as feministas lonxe de sentirnos acurraladas ou defendendo unha Lei Contra a Violencia de Xénero insuficiente e sen a dotación orzamentaria necesaria que, por exemplo, destina cantidades irrisorias aos municipios, avanzamos no noso camiño. Non nos desviaremos do noso obxectivo: querémolo todo. 

Desde Esquerda Unida non temos dúbidas, o feminismo non é só a loita das mulleres, é un prisma que amplifica as nosas loitas, interpelando directamente ás realidades materiais de quen máis sofren e creando alianzas e estratexias para cambiar as desigualdades que vivimos día a día as clases populares. 

Para iso necesitamos a forza de todas e de todos, tamén dos nosos compañeiros que, como aliados, teñen espazo na folga feminista e deben realizar un compromiso colectivo e mantido no tempo para repensar o seu rol na sociedade e de que forma poden achegar ao cambio social desde a súa vida diaria e a súa militancia, demostrando que outra masculinidade é posible. 

E é precisamente ese, un dos grandes logros do movemento feminista, elevar a conciencia colectiva para cuestionar as bases do sistema capitalista, patriarcal e colonialista. O feminismo é o exemplo de que é posible cambiar as cousas desde abaixo cunha alternativa transformadora para unha sociedade xusta, libre, solidaria e igualitaria. 

Compañeiras e compañeiros, neste proceso de acumulación de forzas, o 8 de marzo adquire un novo significado coa folga feminista: Feminismo para mudalo todo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario