Considera intolerable que o consistorio non informase aos afectados, deixando a numerosos veciños sen auga durante a pasada fin de semana
Pedirá explicacións ao respecto no vindeiro pleno, pois entende que o goberno local debe actuar con maior respecto cara á veciñanza e asumir os posibles prexuízos causados
O Grove, 23 de novembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia os cortes de auga que o Concello ten realizado nos últimos días a distintos domicilios sen emitir ningún tipo de aviso previo; deixando a numerosos veciños sen auga por sorpresa, e mesmo en plena fin de semana.
Esquerda Unida ve necesario que o goberno local dea explicacións sobre un proceder que a formación considera grave e intolerable. E é que se trata de cortes individualizados efectuados en domicilios concretos e producidos sen xustificación aparente, xa que afectaron a veciñas e veciños con todos os pagos dos recibos da auga ao día.
Segundo a información á que, a falta de explicacións oficiais, puido ter acceso EU, os cortes poden ter relación con problemas nos contadores da auga. En calquera caso, a formación entende que o Concello debe actuar con maior respecto nun futuro; dando parte á veciñanza antes de proceder a unha medida tan drástica sen ter remitido ningún tipo de notificación previa.
Esquerda Unida lamenta a falta de consideración amosada polo goberno do PSOE, ao que insta a dar explicacións detalladas e a asumir o os prexuízos que estes cortes poidan ter provocado; así como o custe das posibles avarías de electrodomésticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario