Denuncia o colapso que a medida ten xerado en rúas próximas como a Avenida de Portugal, e insta ao goberno local a avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade
Reclamouno no pleno, onde tamén solicitou un maior celo do control aos propietarios que non recollen as deposicións dos seus animais en rúas e camiños
O Grove, 25 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a convocar coa máxima urxencia unha xuntanza de traballo que permita avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade local e aporte solucións aos problemas xerados polos últimos cambios relacionados coa ordenación do tráfico no casco urbano. A formación lamenta o caos circulatorio que o peche dun carril en Alexandre Bóveda ten xerado en rúas próximas como a Avenida de Portugal, e denuncia a falta de planificación nesta materia. Unha deficiente xestión que evidencia tamén o inaceptable atraso que acumula a posta en funcionamento dos novos sistemas de control do tráfico en rúas peonís como a Catorse, onde case un ano despois da obra de humanización os pivotes móbiles continúan sen funcionar. Foi un dos temas que os concelleiros de EU levaron ao pleno deste mes de setembro. Unha sesión na que os edís esquerdistas debullaron ademais a longa lista de deberes pendentes que, a pesar dos reiterados rogos realizados pola formación ao longo de sucesivos meses, o Concello continúa sen atender.
Esquerda Unida urxe solucións, análise e traballo que permitan mellorar o mapa do tráfico da localidade, e lamenta que as palabras e compromisos do goberno local as leve o vento. E é que resulta inaceptable que, cando está a piques de cumprirse un ano da peonalización da Catorse, as tarxetas para residentes e usuarios anunciadas continúen sen estar en uso, e o pivote móbil permanentemente apagado.
Esquerda Unida lamenta a resistencia do goberno local do PSOE a ter en conta as aportacións e ideas que lle chegan dende as filas da oposición. Unha reticencia ao diálogo que perxudica, en última instancia, á cidadanía. E que se traduce nun inxente número de pequenos problemas do día a día pendentes de resolver que se prolongan no tempo.
Sen solucionar está o problema de iluminación no entorno de Rosalía de Castro que a veciñanza ten feito chegar aos concelleiros de EU, e que éstes trasladaron ao conxunto do pleno xa en xaneiro. Do mesmo xeito que continúa pendente a instalación de bolardos que impidan o estacionamento e favorezan a visibilidade no cruce da Fontegrande coa rúa da Igrexa, solicitados en febreiro.
A formación tamén aproveitou o pleno deste luns para volver lembrarlle ao grupo de goberno a necesidade dun paso de peón na saída de Entrehortas, entre a farmacia e a parada de taxis, que xa fora solicitado en maio. Así como o déficit de papeleiras en diferentes rúas grovenses, como Lepanto, Con do Gato ou Raposeira (neste caso, solicitado en marzo).
A formación incide ademais na mala imaxe e na falta de seguridade que provoca o estado da área de xogos infantís da Siradella. Un deterioro que Esquerda Unida xa ten denunciado en pleno en máis dunha ocasión, e en relación ao cal os concelleiros do grupo municipal de EU volveron solicitar ao Concello que se dirixa á Comunidade de Montes de San Martiño para pedir a retirada dos restos das randeeiras existentes antes de que éstas ocasionen algún accidente.
Esquerda Unida tamén aproveitou o pleno deste luns para volver reclamar ao Concello que solicite á Xunta a reposición da deteriorada sinalización viaria da estrada do istmo. E a Emgrobes a retirada da caseta informativa da Lanzada, pois son moitos os visitantes que paran alí pensando que está en funcionamento.
A formación lamenta ademais a resistencia do goberno local a facilitar información á oposición sobre distintos proxectos en marcha aínda a pesar de tela solicitado por rexistro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario