mércores, 29 de agosto de 2018

EU critica o desaproveitamento da antiga escola infantil do Monte da Vila e a paralización do Plan de Xuventude

Lembra que a creación dunha Casa da Xuventude nesas instalación foi aprobada en pleno en novembro, e insta ao goberno local a acatar os acordos da corporación
Antiga Escola Infantil no Monte da Vila. Foto: Todogrove
O Grove, 28 de agosto de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida critica a paralización do Plan Integral da Xuventude aprobado no mes de novembro, e insta ao goberno local a acatar os acordos plenarios e a dotar de contido a antiga escola infantil do Monte da Vila. A formación lamenta a inacción do goberno do PSOE a este respecto, e denuncia a falta de contido e a infrautilización dunhas instalación que os grupos acordaron destinar a usos sociais, culturais e deportivos relacionados coa xuventude.

Nove meses despois de que o pleno do Concello do Grove aprobase a proposta de Esquerda Unida para reconverter a antiga escola infantil do Monte da Vila nun espazo de encontro que fomentase a actividade e o ocio xuvenil, tanto a Casa da Xuventude como o Plan Integral participativo proposto para dotar a ese espazo de contido continúan a ser simples palabras sobre o papel.

O grupo municipal de EU lamenta a falta de compromiso e o ninguneo ao que o goberno de Cacabelos somete aos grupos e ás propostas da oposición. E lembra a oportunidade perdida en que o Concello está a incorrer ao non traballar para a posta en marcha da infraestrutura xuvenil aprobada.

A formación non entende que o goberno local prefira desatender os acordos plenarios en lugar de dotar de contido un edificio e unha parcela que ofrecen numerosas posibilidades; e que permitirían poñer en marcha iniciativas de interese para a mocidade grovense.

Así as cousas, a formación que dirixe José Antonio Otero insta ao Concello a acatar o acordo do pleno de novembro e a poñer en marcha as xestións para dar forma ao Plan Integral da Xuventude participativo acordado pola corporación local. Un plan baseado na participación e na autoxestión que inclúa unha campaña de asociacionismo xuvenil e recupere o Consello Local da Xuventude para dar forma a unha programación atractiva, acorde aos intereses das mozas e mozos da vila. 

A formación lamenta que o executivo do PSOE, coa complicidade do PGD, non teña en conta á mocidade no seu plan de traballo. Unha falta de compromiso con este sector da poboación que trasluce ás claras o orzamento anual do Concello, no que o goberno de Cacabelos non incluíu absolutamente ningunha partida destinada a esta fin. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario