05 abril 2023

EU pide ao goberno que municipalice os servizos de Axuda a Domicilio e Limpeza de Instalacións Municipais

 
Os servizos xestionados por Atendo Calidade SL e Clece SA remataron o contrato en 2018 e 2020 respectivamente e dende entón prestan o servizo de forma “irregular”.

Clece denunciou ao concello por non ter convocada unha nova licitación e o xulgado deulles a razón. EU quere que se aproveite a situación para prestar os dous servizos con xestión directa municipal.

O Grove, 5 de abril de 2023.- Foi xa en outubro de 2018 cando Atendo Calidade SL rematou o contrato que, a través da licitación pública, adquiriu co Concello do Grove para prestar o servizo de Axuda a Domicilio. Dende entón foron numerosas as ocasións nas que o grupo municipal de Esquerda Unida ten preguntado no pleno pola situación na que se atopa este demandado servizo e cando se procedería a unha nova licitación, facendo sempre fincapé na necesidade de procurar unha xestión pública do servizo, máxime tendo en conta as diferentes queixas que as traballadoras lles teñen trasladado sobre o trato que lles dá a empresa actualmente responsable do servizo. Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, "a resposta dende o goberno sempre foi a mesma, que estaban preparado os pregos e que, entre tanto, o servizo se seguía prestando dun xeito un tanto irregular en canto ao formato utilizado para continuar vinculando a relación contractual" e indica que ante a petición de que se procurase a remunicipalización do servizo, “dende o goberno recibíamos unha negativa absoluta”, cuestión que non lles era estraña, “pois só hai que ver como nos últimos 8 anos de mandato de Cacabelos o que se fixo foi todo o contrario, externalizar os servizos”. Otero indica que no último pleno, “o Alcalde asegurou contar cun informe que lles avalaba a continuidade do servizo de forma externalizada”, documento que xa ten pedido o voceiro esquerdista por rexistro, pois “dubida” da veracidade das palabras do Alcalde.

Así as cousas, dende Esquerda Unida seguen apostando pola xestión pública dos servizos que ten que prestar o concello aos seus veciños e, ao servizo de Axuda a Domicilio, suman agora a petición de recuperar o servizo de Limpeza de Instalacións Municipais, pois comprobaron que o contrato que concello ten con Clece SA tamén finalizou hai uns anos, concretamente en xuño de 2021, se ben a empresa xa pedira a finalización do mesmo logo do primeiro ano de prórroga no 2020, un ano antes de que rematase o tempo máximo da concesión. “Isto significa que, como mínimo, temos dous servizos externalizados que prestan o seu traballo para o concello de forma irregular pois, como mínimo tiñan que ter realizado unha nova licitación”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Para os esquerdistas, a diferencia entre a situación do servizo de Axuda no Fogar e o de Limpeza de Instalacións Municipais radica na denuncia que a propia empresa xestora da última, Clece SA, ten posto no xulgado ante a pasividade do goberno municipal, pois teñen reclamado a necesidade de realizar unha nova licitación do servizo.

Foi o 14 de novembro do 2022 cando o Xulgado do Contencioso-Administrativo número Un de Pontevedra ditou sentenza favorable a Clece SA e condenou ao concello a tramitar e aprobar, no prazo dun mes, un expediente de contratación e que se formalizara o contrato dentro dos tres meses seguintes, entendendo que, se era preciso que se seguira realizando a conservación e limpeza das instalacións municipais de forma externa, o concello tiña que licitar debidamente o servizo. O concello puxo recurso e este foi desestimado o 10 de marzo deste mesmo ano, condenando tamén ao concello a pagar as costas ata un máximo de 1.000 euros.

A pesar de que a sentenza segue sen ser firme, para Esquerda Unida esta é unha nova mostra “da nula capacidade de xestión do goberno municipal, que incumpre os procedementos administrativos e logo tenta solucionalos utilizando os recursos públicos en batallas xudiciais sen sentido”, denuncia José Antonio Otero, que lle pide ao Alcalde “que aproveite a circunstancia para traballar nunha recuperación do servizo e xestionalo de xeito público a través do concello”.

Sentenza Xulgado Clece SA


10 febreiro 2023

Esquerda Unida pregunta que está facendo o goberno local para evitar a proliferación de roubos no Grove

 

Comerciantes e veciñanza séntense desprotexidos ante o aumento continuo de roubos e os esquerdistas consideran que non se está a facer nada para evitalos.

Piden que o goberno convoque unha xuntanza de voceiros e a Mesa de Seguridade para procurar unha solución o máis axiña posible.

O Grove, 10 de febreiro de 2023.- Os amigos do alleo campan ás súas anchas polo Grove e o executivo local non fai nada para evitalo. Esa é a conclusión á que chegan na agrupación local de Esquerda Unida logo de ver como nos últimos meses os roubos nos diferentes comercios e vivendas particulares foron en aumento.

Os esquerdistas preguntan que está facendo o Alcalde e o Concelleiro de seguridade cidadá para paliar esta situación que en lugar de minguar colleu unha tendencia ascendente e está a provocar desesperación na cidadanía. "Cada día son máis os comerciantes que pechan as súas portas sen saber como atoparán o seu negocio na mañá seguinte", asevera o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, que indica que “séntense desprotexidos ante a falta de servizo nocturno da Policía Local e a escasa presenza da Garda Civil o que facilita as labores dos ladróns, que non dubidan en usar arquetas para romper escaparates ou forzar pechaduras para facerse con calquera tipo de botín". E non só os comerciantes están a sufrir a proliferación de roubos, pois son moitos os veciños e veciñas que aseguran ter padecido saqueos nas súas vivendas, incluso con eles dentro.  

Así, dende Esquerda Unida piden unha xuntanza de voceiros para coñecer os datos que manexa o executivo local e as medidas que se estiveron tomando dende a concellería responsable, pois “cremos que non se está a facer nada ao respecto ou se se fai algo está claro que non é efectivo pois levamos dous meses nos que os roubos van en aumento”, denuncia Otero. Do mesmo modo, o esquerdista considera que “é preciso que o goberno convoque a Mesa de Seguridade con urxencia e procure solucións o máis axiña posible para rematar con esta ondada de roubos”.

27 xaneiro 2023

Fitur e a promoción turística do Grove. Por Susana Millán

Foto: Mancomunidade do Salnés

A Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2023 pechou as súas portas a pasada fin de semana. Un encontro que está presente na axenda do sector turístico nacional e internacional, pero esta foi outra edición máis na que O Grove estivo ausente.

Atrevémonos a facer esta afirmación, porque aínda que o Alcalde estivo na feira foi para acudir á cita que tiña organizada a Mancomunidade do Salnés.

Facer unha presentación como alcalde dunha vila é unha das accións que se pode levar a cabo grazas ao espazo que facilitan os postos de Turismo de Galicia e Turismo Rías Baixas pero ten que ser un complemento á actividade de promoción para achegar a nosa vila aos profesionais e visitantes que acoden a FITUR para que nos visiten. O Grove como vila e destino turístico non foi quen de amosar un proxecto, un produto, un traballo colectivo de todos os "stakeholder" implicados no sector turístico do Grove.

E non foi quen de presentar nada porque nada se fixo.

No anterior mandato do PSOE decidiuse non acudir a Fitur coa mesma estratexia que se viña facendo nos últimos anos, baseada en presentar O Grove como unha "empresa de catering", algo no que a nosa formación tamén coincidía. Comprometíanse a buscar outra fórmula e traballar nela, porque non asistir a FITUR tampouco era unha solución.

Neste mandato, o mesmo PSOE, co Alcalde á cabeza como Concelleiro de Turismo, tivo unha oportunidade única para planificar a nova estratexia para ir á feira de turismo máis importante do estado. Unha oportunidade única porque, durante dous anos sen Festa do Marisco, tivo tempo e orzamentos para traballar na promoción, crear un produto e editar novo material, en papel ou dixital, para ofrecer aos visitantes e levar á feira. Algo excepcional ademais do tempo, é tamén a maioría absoluta da que goza nestes catro anos téndoo todo ao seu favor para traballar arreo e con liberdade.

Fitur é un escaparate que lle permite, a destinos turísticos do tamaño do Grove, amosar a súa oferta a clientes potenciais e chegar a outros mercados aos que é moi difícil chegar por outros medios.

Pero ademais, aprovéitase para facer entregas de premios como as Q de calidade, ou as declaracións de festas de Interese Turístico Internacional –Este ano o nomeamento foi para a Festa da Lamprea de Arbo–. Seguimos agardando que nalgún momento a Festa do Marisco acade o mesmo recoñecemento. Algo ao que tamén se comprometeu no seu día este goberno e no que din estar traballando, a pesar de que na última edición demostraron non estar a altura. Foi a primeira vez en anos que non houbo carpa de artesanía, nin posto de "merchandising". A carpa exposición apenas tivo actividade e tamén se botou en falta a programación durante a fin de semana, nas horas mortas entre a quenda de comidas e ceas, as actividades que se facían na zona de gradas  que propiciaban o ambiente festivo que mantiña á xente durante todo o día no recinto da festa ou arredores.

Non queremos esquecer dar os parabéns  aos premiados nesta edición de FITUR; a un hostaleiro da nosa vila que sempre está presente neste tipo de eventos recollendo galardóns que recoñecen o seu bo facer en calidade e sustentabilidade, tanto na feira de turismo de Londres como na feira de Madrid, e que poñen o nome da nosa vila ao nivel dos destinos máis importantes do estado.

O traballo da empresa privada en materia turística debería ir en concordancia coa inversión pública que se faga dende o concello en materia turística, pero por agora no Grove seguimos camiñando por separado.

Susana Millán
Responsable de Turismo de Esquerda Unida O Grove

19 xaneiro 2023

Os clubs non poderán cobrar as subvencións deportivas do 2022 ata o mes de abril

 

O retraso na publicación das bases obriga a intervención a demorar o pago das asignacións correspondentes a cada club, alega Esquerda Unida.

Os esquerdistas denuncian que a solución que ofrece o goberno é que os clubs pidan un crédito e o concello asuma os xuros.

O Grove, 19 de xaneiro de 2023.- A principio desta semana os clubs deportivos do Grove recibiron a noticia de que non poderán cobrar a contía correspondente á subvención deportiva do pasado ano ata o mes de abril. Foi o Concelleiro de Deportes e o propio Alcalde os que trasladaron esta decisión aos diferentes clubs alegando problemas con intervención derivados do retraso na publicación das bases.

Dende Esquerda Unida denuncian o que consideran “unha nova burla aos clubs deportivos, aos deportistas e en definitiva ao deporte local ao completo”. Lembran que non é a primeira vez que teñen denunciado o retraso na publicación das bases das subvencións deportivas, a última no pleno de novembro, e que teñen alertado de que esa situación podería derivar en problemas para os clubs por non cumprir prazos ou outras cuestións. “Levan tres anos ao límite e desta vez sucedeu, e agora que non teñen forma de culpar á oposición, lávanse as mans derivando as responsabilidades nos administrativos, pero a realidade é que nin coa súa maioría absolutista son capaces de realizar ben o seu traballo”, indica o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.

Segundo Otero “a solución aportada polo goberno municipal para diminuír os problemas económicos dos clubs é que estes  pidan un crédito, na entidade financeira coa que opera o Concello, en base á contía que lles corresponde pola subvención e que o propio concello se fará cargo dos xuros que xere”. O esquerdista considera que “esta é unha nova mostra da incapacidade e incompetencia do goberno do PSOE e por mor desta ineptitude, o Concello, e por conseguinte o conxunto da veciñanza, terán que asumir os gastos que xeren eses créditos, xa que está claro que sairán das arcas municipais e non dos seus petos“.

Os esquerdistas alertan que "esta opción obrigará aos clubs que non operen coa mesma entidade que o concello a abrir unha conta para solicitar o crédito, algo que non ten lóxica" indica José Antonio Otero que pide ao Concelleiro de Deportes e ao Alcalde "que deixen de menosprezar aos club locais e aos seus directivos, que bastante teñen co labor desinteresado que realizan en prol do deporte".