martes, 15 de novembro de 2022

EU pide que se repoña o servizo de sacos para a recollida de lixo mariño

 

A instalación de grandes sacos nos areais grovenses, para depositar o lixo mariño e posteriormente retirar e xestionar eses residuos, comezou a funcionar tras aprobarse unha moción de Esquerda Unida.

O servizo paralizouse na época estival e os esquerdistas piden que se volva poñer en marcha, pois era moi demandado polas persoas que visitan os areais no inverno e contribúe á recuperación do litoral e limpeza das praias.

O Grove, 15 de novembro de 2022. En agosto de 2020 aprobouse en pleno, a petición deEsquerda Unida, a instalación nos diferentes areais dun sistema de grandes sacos para depositar o lixo mariño que a veciñanza e visitantes recollían durante os seus paseos para logo proceder á súa retirada e posterior xestión deses residuos. Un servizo que finalmente o goberno puxo en marcha a inicios de2021 e que tivo unha excelente acollida. 

O sistema foi paralizado na época estival debido a que coa afluencia turística, os usuarios das praias  utilizábanos como colectores de lixo. O problema é que a día de hoxe non se volveu reactivar. 

É por iso que dende Esquerda Unida piden ao executivo local que volva instalar os sacos, pois considérano un sistema imprescindible para a xestión dos residuos que o mar deposita nas costas grovenses. "Cando nos trasladaron a proposta considerámola interesante e moi importante. Moitas persoas visitan as praias e zonas de costa en época non estival e neses paseos aproveitan para recoller os plásticos e lixo que o mar achega a terra. O problema residía en que ese lixo quedaba amontoado nun lado sen que ninguén xestionase a súa retirada e na maioría dos casos volvíase espallar polos areais. Con este sistema, o lixo queda resgardado nuns grandes sacos (utilizados habitualmente para escombro de obra) e logo o concello encárgase de recollelo e xestionar a súa reciclaxe. É por iso que presentamos a moción e, logo de ser aprobada por unanimidade, o concello puxo en marcha a medida, que resultou ser todo un éxito, así como pioneira", explica o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero. 

Logo de terse retirado o servizo durante o verán, o cal entenden "xa que nesta época, desgraciadamente non se respectaba o destino destes sacos e os usuarios das praias depositaban neles o lixo que xeraban, cando deberían levalo para a casa ou tiralo no colector adecuado", os esquerdistas piden agora que se retome o servizo "para continuar deste xeito colectivo e voluntario á contribución na recuperación do noso litoral e limpeza das nosas praias", indican. 

Dende Esquerda Unida agardan que o goberno e en especial a Concellería de Medio Ambiente atenda á súa petición e reactiven o máis axiña posible o servizo.

luns, 14 de novembro de 2022

Sobre a "privatización" de Moreiras - José Antonio Otero

É incrible como se tenta xustificar o inxustificable e aínda por riba tachándonos de mentireiros, cando non é así. Pensa o ladrón que todos son da súa condición. 

Primeiramente hai que ler antes. Claro que o museo da salga non se privatizou, faltaría máis. O que denunciamos é que se privatizou a súa xestión, a contratación de quen traballa alí. E non o inventamos nós, pono no Decreto de Alcaldía 2022-0768 do 28 de setembro "Contrato menor de colaboración na xestión de servizos do departamento de cultura". Isto non desvelaba para que era, e foi o propio Alcalde o que confirmou en pleno que se contratou a unha empresa (GESTCONVERT SL) para realizar o contrato da persoa que dirixe o museo. En definitiva, esa persoa non é dependente do concello, senón da empresa PRIVADA que presta servizo de "xestión" cultural, neste caso, no Museo da Salga. 


Quizais para o Alcalde esa formula é simplemente externalizar, e tal vez no ideario socialista é sinónimo de emprego público e de calidade e tenta que a sociedade o vexa así. Pero para nós non. Que un empregado municipal pase a ser contratado por unha empresa privada para prestar o mesmo servizo é privatizar, sexa temporal ou permanente. 


Por certo, a ninguén lle produce dúbidas que a empresa para axudar na xestión cultural esté vinculada co sector da construción e que teña realizado e realice obras municipais? 


É curioso, dende o anterior mandato levamos denunciando numerosas cuestións municipais, incluso a "privatización" do servizo de limpeza, do mantemento de parques infantís, do guindastre municipal ou das pistas de pádel (con autónomos en lugar de empregados) e non lle resultou complicado asumilo e pasar de respondernos, pero agora somos nós os que estamos en precampaña. Non será que o que está preto das eleccións é o PSOE e ve como se lle escapa a maioría absoluta pola súa pésima xestión? 


Lembrar que dende Esquerda Unida xa criticamos, no pleno de febreiro, a deixadez en canto a prever a xubilación do director do museo e pedimos que se acelerase o proceso para cubrir a praza, xa que provocaba que o espazo estivese pechado. Naquel entón a escusa era a falta de persoal para redactar as bases de contratación e tamén taxa de reposición, cuestión habitual nas fuxidas deste goberno, pero cabe recordar que a taxa de reposición volveu ao 100% no 2021 e 2022, e a xubilación produciuse a finais do 21. 


A cuestión é clara, este goberno socialista en lugar de crear emprego e procurar mellorar os servizos, dedicouse a traspasar competencias e privatizar/externalizar servizos. Unha situación que non mudará, pois así o dixo no pleno, amparándose en recomendacións da Unión Europea e técnicos.



José Antonio Otero González

Coordinador local de Esquerda Unida e voceiro do Grupo Municipal.


mércores, 9 de novembro de 2022

O goberno do Grove privatiza a xestión do museo da Salga en Punta Moreiras

Dende Esquerda Unida denuncian a contratación dunha empresa relacionada coa construción para xestionar o contrato da persoa que presta os servizos no Museo da Salga. Dende o pasado 28 de setembro, e ata o vindeiro 31 de decembro, persoal do museo non é contratado polo concello.

Critican que o Alcalde xustifique a privatización dos servizos amparándose na Reforma Laboral, cando a única razón é a deixadez na estabilización dos postos e a Lei Montoro. Os esquerdistas lémbranlle que a solución está na creación dunha Empresa Municipal de Servizos.

O Grove, 9 de novembro de 2022.- Desde o pasado día 28 de setembro, as instalacións do museo da Salga, sito no lugar de Punta Moreiras, está sendo xestionado por unha empresa privada. O goberno do Grove, presidido por José Cacabelos do PSOE, privatizou a xestión deste espazo museístico municipal unha vez finalizado o contrato das dúas persoas que atendían as instalacións dependentes do departamento de Cultura, competencia delegada na deputada provincial do PSOE, Noemí Outeda. O grupo municipal de Esquerda Unida vén de denunciar este feito, que consideran “unha nova privatización de servizos por parte do Partido Socialista”. Así mesmo, poñen en dúbida que a empresa concesionaria estea cualificada para prestar este servizo.

No pasado pleno do mes de outubro, o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, preguntou pola forma de xestión do Museo da Salga, logo de ter sospeitas de que estaba xestionado por unha empresa privada e ante a dificultade de atopar información ao respecto. O Alcalde, José Cacabelos, confirmou que o contrato da persoa que está actualmente a atender as instalacións de Punta Moreiras ata o 31 de decembro está a ser xestionado pola empresa GESTCONVERT SL, contratada directamente por decreto de Alcaldía. Unha empresa que realiza os seus traballos no ámbito da construción, compra-venda de fincas e instalacións eléctricas e de climatización, sendo adxudicataria de diferentes obras públicas do propio Concello do Grove.

Desde Esquerda Unida veñen a denunciar o que consideran “unha nova privatización de servizos” por parte do goberno socialista, algo que consideran xa unha tónica habitual na xestión de Cacabelos. Ademais, fan fincapé que a empresa adxudicataria da xestión do espazo museístico de Punta Moreiras non está relacionada coa xestión cultural pois “trátase dunha construtora que se pon a cargo dun espazo museístico”.

Denuncian tamén “a incapacidade deste goberno municipal para xestionar o concello” así como a deixadez das súas obrigas da “permanentemente ausente” concelleira de Cultura, Noemí Outeda.

Así mesmo, José Cacabelos xustificou no pleno esta decisión debido á reforma Reforma Laboral aprobada polo goberno de coalición. Non é a primeira vez que o Alcalde do Grove utiliza a Reforma Laboral para xustificar as críticas pola falta de persoal municipal e a externalización de servizos. Sen embargo, desde EU non comprenden esta situación, “por moito que buscamos, o señor Cacabelos é o único alcalde en toda España que se queixa da Reforma Laboral de Yolanda Díaz” e ven nesta xustificación “unha escusa ante a súa incapacidade de solucionar os graves problemas de plantilla do Concello do Grove, froito de máis dunha década de deixadez e da Lei Montoro”.

Ante esta deriva, desde Esquerda Unida propoñen a creación dunha Empresa Municipal de Servizos. Esta proposta non é nova, pois non é a primeira vez que aparece no programa electoral do grupo de esquerdas. “Cunha Empresa Municipal de Servizos teríamos unha ferramenta eficaz para a dotación de persoal aos diferentes servizos municipais, así como unha fonte de financiamento para investimentos públicos do Concello”. Engaden ademais que ante esta proposta, ou a falta de impulso da oferta pública de emprego do concello, o Partido Socialista “prefira solucións máis propias dun cacique de dereitas”.

luns, 5 de setembro de 2022

EU denuncia o caos producido polas obras de Alexandre Bóveda e o paseo de Lordelo

 

Consideran un grave erro ter iniciado as dúas actuacións ao mesmo tempo e alertan que non hai indicacións suficientes sobre a circulación e que se produciron cambios respecto ao anunciado e ao mapa elaborado pola Policía Local, provocando caos e desorientación entre a veciñanza. Tachan ao Alcalde de mentireiro por incumprir o anunciado.

Pedirán información sobre as dúas plataformas que se instalarán en sendas curvas do paseo de Lordelo para que circulen autobuses ao entender que será un perigo para os usuarios do carril-bici. Queren coñecer se existe un informe que avale tal circunstancia.

O Grove, 5 de setembro 2022. Hai pouco máis dunha semana, o Alcalde anunciaba o comezo, de forma conxunta, das obras da 3° fase da humanización da rúa Alexandre Bóveda e o asfaltado do paseo de Lordelo, cuestión que dende Esquerda Unida consideran un grave erro pois significa ter pechadas dúas arterias cunha importante circulación de tráfico, así como complicacións para un gran número de veciñas e veciños que teñen as súas residencias nas zonas afectadas. Do mesmo modo, os esquerdistas entenden que esta actuación supón o primeiro engano do Alcalde á veciñanza, pois meses antes afirmou que estas actuacións se desenvolverían por separado. 

Coas obras xa iniciadas, dende Esquerda Unida denuncian que non se está a cumprir o anunciado polo Alcalde e que o mapa que elaborou a Policía Local non ten nada que ver coa situación de circulación actual, "o que está a provocar un caos circulatorio e unha gran desorientación na veciñanza da zona e no resto dos condutores, sobre todo nos que nestes días seguen de vacacións no noso concello", aseveran. 

Falan os esquerdistas da zona de Lordelo que nun principio tíñase anunciado o asfaltado ata o edificio que alberga o SPAD, permitindo a circulación dende esa zona ata a avenida Irmáns Otero Goday, mantendo a rúa do serradoiro co sentido de circulación de sempre. A realidade que se atopan os veciños é que o asfaltado se prolongou a todo o paseo, atopándose cortada a circulación e vendo como a rúa do serradoiro cambiou o seu sentido de circulación sendo agora dende a Aguieira cara a avenida Irmáns Otero Goday. O mesmo sucedeu en Alexandre Bóveda, pois o Alcalde anunciou que o sentido permitido no comezo das obras sería de Terra de Porto cara Rosalía e resulta que é xustamente ao contrario. 

A falta dunha información clara nas diferentes rúas que tornaron o seu sentido, nas que se eliminou o acceso ou se restrinxiu un dos carrís é outro dos motivos criticados por Esquerda Unida que, segundo indican, está a provocar numerosas incidencias. Para os esquerdistas, "o ideal sería ter uns paneis informativos indicando a situación actual da rúa e informando das alternativas para evitar problemas e malestar". 

Así, dende Esquerda Unida tamén indican que, unha semana despois de comezar as obras, nas rúas que cambiaron de sentido seguen aparcados vehículos na dirección anterior, o que crea desorientación entre os usuarios e pode provocar accidentes cando queiran retiralos. 

Toda esta situación, din os esquerdistas, ten culpables "e non son outros que o Alcalde e o seu equipo de goberno, que incumpren co que anuncian e non son quen de facer as actuacións contando co resto dos grupos políticos e sobre todo coa colaboración da cidadanía". Por ese motivo, piden ao executivo "que se poñan as pilas e, xa que as obras aínda van durar un tempo, que fagan o que faga falla para minimizar o caos e a desorientación da veciñanza e que para futuras actuacións non se chegue a esta situación".

Por outra banda, dende Esquerda Unida tamén pedirán información sobre as zonas elevadas que se van a instalar en dous tramos curvos do paseo de Lordelo co propósito de que transiten autobuses, máxime cando non se contemplan no proxecto que saíu a licitación. Para os esquerdistas esta circunstancia supón un gran perigo para os usuarios do carril-bici, pois ao poñer ao mesmo nivel a estrada nesas zonas, os autobuses terán que invadir, sen apenas visibilidade, o carril de circulación destinado ás bicicletas e patinetes. “Queremos saber en base a que informes ou recomendacións se decidiu facer esta modificación do proxecto e quen será o responsable cando suceda unha desgraza nesa zona”, indican dende a agrupación de esquerdas.