12 agosto 2024

PLENO XULLO 2024

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 12 de agosto de 2024

▶ Intervención: minuto 1:44:39


🔗 Enlace ao vídeo

 Preguntas realizadas

🔻 Edificios en estado ruinoso

Preguntamos que medidas estaba adoptando o concello ante o risco de desprendementos.

🔻 Baños públicos da lonxa

Preguntamos polo motivo polo que permaneceron pechados durante un día de grande afluencia turística.

🔻 Festa do Marisco

Preguntamos que solución se daría ás actividades gastronómicas tras eliminar a carpa institucional.

🔻 Carpas de artesanía

Preguntamos polo emprazamento previsto para estas carpas.

🔻 Consello Local de Turismo

Preguntamos cando se convocaría este órgano.

🔻 Centralita telefónica do Concello

Preguntamos polos problemas de comunicación detectados ese día

Rogos e solicitudes

🔻 Paseo de Lordelo

Solicitamos instalar pivotes ou elementos para evitar que os vehículos invadan a beirarrúa.

🔻 Rúa Conchases

Solicitamos unha solución ao problema de circulación nesta rúa.

🔻 Veciñanza da Carballeira

Solicitamos facilitar a saída cara Terra de Porto mediante o cambio de sentido da rúa Conchases.

🔻 Rúa Xoán XXIII

Solicitamos instalar pasos elevados para mellorar a seguridade viaria.

🔻 Limpeza de finca en Alexandre Bóveda

Solicitamos realizar os trámites para obrigar á limpeza desta finca.

🔻 Parque canino do Monte Central

Solicitamos repoñer os elementos deteriorados.

🔻 Parque infantil do Redondo

Solicitamos reparar o parque e revisar o estado do resto de parques.

🔻 Cargador de vehículos eléctricos

Solicitamos reparar o cargador da estación da rúa Alexandre Bóveda.

🔻 Ruta Padre Sarmiento

Solicitamos limpar os camiños da zona da Siradella.

🔻 Paseo de Pedras Negras

Solicitamos reparar as táboas deterioradas do paseo.

11 agosto 2024

EU presenta unha moción para abordar a situación da vivenda no Grove

 

Poñen o foco na proliferación de vivendas de uso turístico, o incremento do alugueiro e a falta de oferta, como principais causas para o acceso a unha vivenda digna e accesible. 

Solicitan un estudo exhaustivo sobre a vivenda no concello, co obxectivo de abordar a problemática de acceso á mesma. Piden ademais a avaliación da necesidade de declarar zonas de mercado tensionado no Grove.

O Grove, 10 de agosto de 2024 - O grupo municipal de Esquerda Unida presentará no vindeiro pleno do Concello do Grove unha moción que busca abordar a crecente problemática do acceso á vivenda no municipio. A iniciativa pon o foco na urxente necesidade de realizar un estudo detallado sobre a situación da vivenda no Grove, co obxectivo de adoptar medidas efectivas para solucionar un escenario que consideran crítico.

Esquerda Unida sinala que o acceso á vivenda converteuse nun dos problemas máis urxentes e complexos para a veciñanza. Destacan que unha das causas desta situación é debido á proliferación de vivendas de uso turístico que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, no Grove sufriu un incremento do 109,6% dende o 2020, o que está a provocar un impacto negativo no acceso a vivendas de alugueiro e na evolución dos prezos, complicando cada vez máis a posibilidade de acceder a unha vivenda digna.

A moción insta ao goberno municipal a levar a cabo un estudo detallado sobre a situación da vivenda no Grove. Este estudo deberá incluír un censo das vivendas de uso turístico, tanto rexistradas como non rexistradas, un rexistro das vivendas baleiras e as dispoñibles para alugueiro ou compra, e unha análise dos expedientes pendentes de aprobación para novas construcións. Ademais, o estudo deberá avaliar o impacto que está a ter a proliferación das vivendas de uso turístico na poboación residente, así como determinar a necesidade de declarar zonas de mercado tensionado segundo as recentes normativas estatais e autonómicas.

Para garantir un enfoque participativo e rigoroso, Esquerda Unida tamén propón a creación dunha comisión de traballo que integre a todos os grupos municipais e a técnicos especialistas na materia, co propósito de buscar solucións baseadas na información recadada. A moción subliña a importancia de manter un compromiso de transparencia e de comunicación activa coa veciñanza ao longo de todo o proceso, garantindo que as medidas que se implementen sexan coñecidas e discutidas con todos os sectores afectados.

Este movemento de Esquerda Unida busca, en definitiva, poñer sobre a mesa unha problemática que afecta a un número crecente de veciños e veciñas do Grove, e ofrecer ferramentas para abordala de xeito eficaz, garantindo o dereito a unha vivenda digna para todos.

[ver/descargar moción]