Os esquerdistas entenden que o intercambio de competencias demostra que os/as responsables das áreas non realizaron o traballo satisfactoriamente e que Cacabelos os responsabiliza da baixada de votos.
Preguntan se a sanidade xa non ten importancia no actual mandato, pois fulminaron a concellería coa saída do concelleiro delegado. Lembran que o Centro de saúde está na mesma situación que nos últimos anos.
O Grove, 23 de xuño de 2023.- Esta semana, o Alcalde realizou a delegación de competencias das diferentes áreas entre os concelleiros que o acompañan no goberno. Son varias as áreas que mudan de mans neste novo mandato, destacando a Concellería de Deportes, que ostentaba Santi Meis e que agora dirixirá Quito Parada e o intercambio de competencias entre Noemi Outeda e Pili Galiñanes. Así, a concellería de Cultura pasa agora a Galiñanes, namentres Noemi se fará cargo de Educación.
Esquerda Unida ve neste movemento de áreas un castigo ao traballo realizado nos últimos catro anos en tres das áreas nas que houbo máis queixas por parte dos colectivos, “nalgúns casos pola falta de implicación das súas responsables e noutros polas formas nas que se trataba aos propios colectivos, como no caso de Deportes”, asevera o voceiro esquerdista José Antonio Otero, que lembra que o seu grupo foi quen trasladou en diferentes ocasións esas críticas ao goberno municipal e que “este aseguraba que non era certo, pero isto demostra o contrario”. Ademais, Otero entende que este novo reparto “é un modo de responsabilizar a estes edís pola perda de votos nas pasadas eleccións”.
Aínda así, os esquerdistas agardan que “estes trocos, sumado ao novo panorama político, no que teñen minoría, supoña un cambio nas actitudes e na forma de gobernar”, indica Otero.
Para Esquerda Unida si que lle resulta incomprensible a eliminación da área de Sanidade, máxime cando, a pesar de non ser de competencia municipal, o Alcalde facía gala desta área, tanto na Pandemia como na loita pola mellora das condicións do Centro de Saúde. “Que pasa, que agora xa non é importante? Xa se solucionaron os problemas do Centro de Saúde?” pregunta Otero, que agarda que o Alcalde dea explicacións ao respecto.
A quen nos queredes está claro. 4 anos con eles?
ResponderEliminar