venres, 21 de maio de 2021

EU cree que a pésima xestión do goberno é a única razón para non organizar a ludoteca de verán

 

Os esquerdistas lembran que a partida orzamentaria para a ludoteca atópase baleira logo de eliminala no 2020 e non ter as contas aprobadas do presente exercicio, polo que consideran que a Covid é tan só unha escusa cando o motivo real é outro.

Entenden que se outros concellos e entidades privadas poden organizalos, O Grove tamén, polo que piden ao goberno que reconsideren a súa postura negativa e organicen a ludoteca para que a veciñanza poida conciliar nunha época de maior actividade laboral. 

O Grove, 21 de maio de 2021. O pasado venres 14 as redes sociais do Concello do Grove sorprendían coa noticia de que a “ludoteca de verán” non ía organizarse debido á pandemia. O goberno socialista escudábase na situación sanitaria para descartar por segundo ano consecutivo a celebración desta actividade estival, moi reclamada polas familias do Grove xa que axuda a conciliar nunha das épocas de máis actividade laboral, que á vez coincide coas vacacións educativas. 

Esta decisión non convence a Esquerda Unida, pois entenden que ese non pode ser impedimento para realizar esta actividade, cando outros concellos e incluso entidades privadas locais si están traballando na realización destas ludotecas-campamentos. Segundo o seu voceiro, José Antonio Otero, “a única explicación que atopamos atende exclusivamente á pésima xestión deste goberno, pois a día de hoxe non teñen aprobado –nin está na axenda a curto prazo– o orzamento do presente exercicio, e estanse rexendo por unhas contas prorrogadas do 2020, nas que anularon a partida de 15.000€ destinadas a esta actividade”.

Otero recorda que en outubro de 2020, cando o executivo local someteu as contas á aprobación do pleno, el mesmo xa advertiu de que isto podería pasar, “pois ao aprobarse as contas a escasos dous meses de rematar o exercicio, ese orzamento sería o que rexería o seguinte ano se non se aprobaba un novo a principios do 2021”. Outro dos puntos que tamén o voceiro esquerdista puxo en dúbida naquel pleno, “o habitual no goberno de Cacabelos, dende que é alcalde é presentar as contas pasado o primeiro semestre, en lugar de facelo antes de comezar o ano ou como moi tarde no primeiro trimestre e isto débese á súa pésima xestión”.

Dende Esquerda Unida recordan que Cacabelos dixo no propio pleno que iso non sucedería, anunciando que ían traballar para presentar as contas como moi tarde en febreiro, pero “a realidade é que estamos en maio e, convocadas xa as comisións do pleno, o Orzamento non se vai debater neste mes”, sentenza Otero.

Por este motivo, os esquerdistas denuncian “as continuas mentiras e escusas utilizadas polo goberno do PSOE para tapar a nefasta xestión que están a realizar”. Para José Antonio Otero, “a pandemia en canto a desculpas, foi o mellor que lle puido pasar ao PSOE, pois xa son numerosas as veces que utilizou a Covid como pretexto, incluso para cuestións que tiñan que estar realizadas antes do comezo desta pandemia”. 

Así mesmo, Esquerda Unida pide ao executivo local que reconsideren a súa postura, procuren partida orzamentaria e organicen a Ludoteca adaptándose á nova normalidade e cumprindo coas medidas sanitarias e de seguridade esixidas, co propósito de ofrecer á veciñanza unha solución á necesaria conciliación que moitas familias do Grove precisan nunha época estival na que é presumible que aumente a actividade laboral e na que os nenos e nenas se atopan nas súas vacacións educativas.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove


INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA:

Vídeo extracto do vídeo do pleno de outubro de 2020 onde o voceiro de EU fai referencia ao que sucedería coa ludoteca se non se aproban os orzamentos 2021 e continúan prorrogados os do 2020.


Vídeo extracto do vídeo do pleno de outubro de 2020 onde Cacabelos indica que querían traer os orzamentos do 2021 como moi tarde en febreiro.

 

Extracto da publicación no facebook do Concello do Grove o 14 de maio de 2021.

https://www.facebook.com/192621247423294/posts/4285066571512054/

A PANDEMIA IMPIDE A ORGANIZACIÓN DA ‘LUDOTECA DE VERÁN’

A situación sanitaria provoca que, por segundo ano consecutivo, non se leve a cabo esta actividade co modelo habitual de presencialidade.

O Concello do Grove leva xa varias semanas realizando as correspondentes consultas e valoracións de cara á recuperación realización da habitual “ludoteca de verán” na que participaban numerosos nenos e nenas da vila nos meses do verán. A pesar dos bos datos con respecto á incidencia da pandemia no municipio, a esixencia de medidas de seguridade relativas a capacidades, distancias de seguridade e uso de máscara e desinfectantes seguen estando vixentes e impiden o desenvolvemento desta actividade coas características previas á pandemia.

Tendo en conta estas circunstancias e a peculiaridade desta iniciativa, na que o fundamental é a interacción dos pequenos e pequenas contando ademais con espazos concretos e limitados, a busca de garantías de seguridade fai necesario non convocar a ludoteca e seguir traballando en medidas que, como esta, poidan contribuír á conciliación laboral das familias. Agárdase que esta complexa decisión contribúa a seguir mellorando no relativo á expansión do virus e que o vindeiro ano se poida recuperar a normalidade nesta e en todas as actividades educativas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario