sábado, 7 de marzo de 2020

Feminismo en Loita - Manifesto 8M


FEMINISMO EN LOITA



Cúmprense 110 anos da proposta de saír á rúa o 8 de marzo para conmemorar o día internacional da muller.

Despois de tanto tempo, o legado de feministas socialistas como Clara Zetkin lémbranos que o feminismo debe continuar en loita. Cada ano, as mulleres de todo o mundo saímos ás rúas o 8M para esixir unha alternativa a este sistema que pon en perigo as nosas vidas e o noso planeta. É moi importante que xa en 1910 as nosas compañeiras entenderon que só estando xuntas e loitando por resolver os problemas das mulleres do mundo podemos conseguir transformalo. Cada 8 de marzo seguimos fortes e xuntas enchendo as rúas, reflexo dese feminismo en loita constante que vai facéndonos avanzar como sociedade, soñando revolucións e construíndo resistencias.

Desde Chile ata a India, desde Palestina a Filipinas, as mulleres loitamos por un mundo sen violencias machistas, contra a división sexual do traballo e a mercantilización dos nosos corpos, polos dereitos reprodutivos e a liberdade das orientacións sexuais e identidades de xénero. O feminismo igual que o internacionalismo, cuxa pedra angular é a solidariedade, o respecto e a xustiza social, só pode valer se é para todas e en todas partes. Esa potencia subversiva fainos estar no punto de mira de quen se beneficia da nosa explotación, que están organizados nunha ofensiva patriarcal que tamén está a ser global.

O auxe do autoritarismo e a extrema dereita mostra o ataque dos poderes económicos aos nosos dereitos, mentres baleira de contido as democracias, que xa non se esforzan en manter un verniz de servizos públicos e sociais para convencernos do progreso.

Convértenos en obxectos cos que se comercia neste mercado global xerador de grandes beneficios baseados nunha salvaxe explotación das persoas. Desde Esquerda Unida dicimos BASTA á mercantilización dos nosos corpos e das nosas vidas.

As mulleres non imos permitir que este mundo se precarice a costa das máis vulnerables, nin que o odio, o racismo, o machismo, a xenofobia e a LGTBIfobia sexan a resposta de quen está dirixindo o planeta cara á guerra, a desigualdade e o colapso. Defendemos o acceso aos recursos necesarios para cubrir as nosas necesidades en condicións de igualdade e de sustentabilidade ambiental. Vidas dignas para todas as persoas en todas as partes do mundo!

En Esquerda Unida sabemos que non se pode transformar o mundo se non poñemos no centro das loitas a quen está no centro da explotación capitalista, patriarcal e imperialista. A centralidade do mundo só pode cambiarse desde ese “todas xuntas” e desde o entendemento de que os nosos retos como feministas son os mesmos que temos como sociedade. Por iso desde EU defendemos un feminismo antimilitarista, pola paz e a dignidade dos pobos e entendemos que debemos loitar coas compañeiras e compañeiros que loitan pola vivenda, as pensións, as políticas sociais, os servizos públicos, o dereito á terra e a auga, os dereitos de quen migran e polo traballo digno.

Este sistema económico necesita uns traballos de coidados aos que afoga, invisibiliza e fai recaer en nós. En Esquerda Unida reivindicamos a universalización dos traballos de coidados desde a corresponsabilidade cos homes e o Estado e desde a interdependencia e a ecodependencia.

Desde Esquerda Unida témolo claro, o feminismo a demais da loita das mulleres, é un prisma que amplifica as nosas loitas, interpelando directamente ás realidades materiais de quen máis sofren e creando alianzas e estratexias para cambiar as desigualdades que vivimos día a día a clase traballadora.

Este 8 de marzo volvemos saír ás rúas porque todas esas loitas son as nosas e o inimigo é o mesmo que hai 110 anos, cando en Copenhague un grupo de mulleres revolucionarias decidiron que debían saír todas xuntas a cambiar o mundo.

Porque o mundo é noso e imos mudalo.

FEMINISMO EN LOITA

Ningún comentario:

Publicar un comentario