domingo, 5 de abril de 2009

Trinta anos de inconfundible intensidade na democracia local

Prensa:
Trinta anos de inconfundible intensidade na democracia local
REPORTAXE DE XOSÉ E. VICENTE
Unha exposición lembra desde onte os trinta anos de Concello democrático no Grove, dentro dos actos organizados pola Asociación pola Memoria Histórica, que tamén reuniu aos representantes da primeira corporación nunha mesa redonda.

O resultado das primeiras eleccións democráticas no Grove tivo algo de profético, ao irromper no Concello moitas siglas distintas, especialmente no campo da esquerda.Máis de douscentos arquivos, entre fotografías e documentos, lembran na Casa da Cultura a intensidade da política na vila meca desde que os veciños tiveron a oportunidade de expresarse por medio das papeletas, xeralmente para obrigar aos partidos a vivir entre a tensión intermitente dos pactos e a ameaza máis ou menos permanente das mocións de censura.
Os veciños mecos marcaron un estilo propio desde o comezo. Sen as contemporizacións da maioría dos municipios galegos, O Grove pasou da corporación franquista a escoller un dos poucos alcaldes do Partido Comunista que tería Galicia, Xaquín Álvarez Corbacho. Por avatares da súa biografía persoal, Corbacho rematou convertido nun dos maiores expertos en municipalismo por Galicia debido ao seu paso polo Consello de Contas, desde onde denunciou unha e outra vez a precaria situación económica dos Concellos fustigou aos alcaldes que aspiran a tolerar o fraude fiscal e multiplicar as subvencións de outras administracións; unha análise tan vixente como desoída que fai evidente que non é profeta na súa terra.
Outra das características senlleiras da democracia meca foron as tensións dentro dos gobernos e as dificultades para formar maiorías e manter a súa estabilidade.
Así, de episodios convulsos estivo sobrada a experiencia de Miguel Taboada, que foi edil da xa extinta UCD e despois chegou a rexidor como independente tras outro episodio ben significativo, a detención de Bea Gondar por narcotráfico tras convertirse na lista máis votada, e non por primeira vez. Por outra parte, faise difícil pensar que a cuestión puidese ter máis actualidade, xa que Esquerda Unida denunciou esta mesma semana que se perderon dous anos sen alcanzar obxetivos e instou aos seus socios a revisar de forma urxente o pacto.
Participaron tamén no debate, para explicar as diferencias de onte a hoxe, dous representantes das sensibilidades maioritarias no goberno local na actualidade : Jesús González, que fora edil polo PSOE, e Xosé Fuentes, concelleiro do BN-PG, candidatura do nacionalismo previa á conformación do actual BNG.
Tres décadas despois, O Grove non perdeu toda a efervescencia política que caracterizaba á epoca (ao contrario que a maioría das institucións galegas, onde predomina un claro tripartidismo), e, para ben ou para mal, a pluralidade e a tensión política parecen aseguradas para moitos anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario