venres, 6 de marzo de 2026

EU denuncia que o goberno deixou perder a garantía do local social de Reboredo e as reparacións deberán pagarse con cartos públicos

A formación alerta de que o Concello non obrigou á empresa construtora a reparar unhas deficiencias que eran evidentes desde a inauguración e que co paso do tempo se agravaron. 

Piden explicacións e responsabilidades tras coñecerse que a empresa adxudicataria foi extinguida en setembro de 2025, o que deixa practicamente sen efecto calquera reclamación económica.

O Grove, 6 de marzo de 2026.- Esquerda Unida denunciou a neglixencia do goberno municipal na xestión das deficiencias do local social de Reboredo, unha obra que apenas tres anos despois da súa apertura presenta graves problemas construtivos e desprendementos na fachada. 

O inmoble foi adxudicado en outubro de 2020 á empresa Sodein Soluciones Integrales SL por un importe de 152.157,50 euros e incluía unha mellora que ampliaba o prazo de garantía ata os tres anos. A última certificación da obra foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o 30 de decembro de 2021, polo que a garantía remataría a comezos de 2025. 

Segundo lembra Esquerda Unida, xa no ano 2022, case un ano antes da apertura do local, a formación advertira publicamente das primeiras deficiencias detectadas no edificio, entre elas gretas na pasarela de acceso e sinais de deterioro no inmoble. Naquel momento, a propia concelleira responsable recoñeceu en pleno que a empresa construtora debía facerse cargo das reparacións. 

Porén, malia as reiteradas advertencias realizadas por Esquerda Unida nos anos seguintes, o goberno municipal limitouse a ofrecer respostas evasivas. Xa en maio de 2024 indicouse que a arquitecta municipal debía revisar o edificio, sen que se adoptase ningunha medida efectiva para obrigar á empresa a reparar os danos. 

A situación agravouse co paso do tempo. En xuño de 2025 o propio alcalde, tras preguntas de Esquerda Unida, recoñeceu en pleno que no edificio “están caendo cascotes e parte da fachada”, o que evidencia que as deficiencias da obra non só persistían senón que se estaban agravando. 

A pesar diso, Esquerda Unida lembra que durante todo este tempo o Concello non informou de ningún procedemento formal para esixir responsabilidades á empresa construtora nin para executar a garantía da obra. 

Ademais, segundo consta no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, a empresa Sodein Soluciones Integrales SL foi declarada en concurso voluntario o 30 de abril de 2025 e o procedemento concluíu o 8 de setembro dese mesmo ano por insuficiencia de masa activa, o que implica que a sociedade carece de bens para facer fronte ás súas obrigas. 

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que o sucedido é “un exemplo claro de falta de dilixencia na defensa dos intereses públicos”. “O Concello sabía desde hai anos que había deficiencias graves nesta obra e, aínda así, deixou pasar o tempo sen obrigar á empresa a reparalas dentro do período de garantía. Agora atopámonos cunha empresa que entrou en concurso e que xa non ten bens para responder”, sinala. 

Para Otero, o máis preocupante é que esta situación pode acabar tendo consecuencias económicas para o propio Concello. “Se finalmente se confirma que non se fixo ningunha reclamación formal nin se executou a garantía da obra cando correspondía, estaremos ante unha neglixencia política moi grave. O que non se pode permitir é que por falta de xestión agora teñan que pagalo os veciños e veciñas con cartos públicos”, afirma. 

Por este motivo, e ao abeiro do afirmado polo alcalde no pleno do pasado luns, onde asegurou que a arquitecta municipal estaba elaborando un informe e que debían revisar a situación para comprobar se aínda era posible reclamar, Esquerda Unida presentou un escrito por rexistro no Concello solicitando información sobre se se realizou algún requirimento formal á empresa construtora, se se iniciou algún expediente administrativo para reclamar as deficiencias da obra ou executar a garantía e que actuacións se levaron a cabo dende o Concello ante esta situación. 

Dende Esquerda Unida teñen claro cal será a resposta, pois os feitos apuntan a que non se realizou ningunha actuación. Por iso consideran imprescindible aclarar o sucedido e depurar responsabilidades políticas se se confirma que non se actuou a tempo. 

“Alguén terá que explicar por que o Concello non fixo nada durante anos sabendo que a obra tiña problemas e que a garantía estaba en vigor. Defender os intereses públicos significa actuar cando toca, non cando xa é demasiado tarde”, conclúe Otero.