31 xaneiro 2025

Esquerda Unida denuncia que O Grove segue sen estratexia turística mentres o alcalde só fala da taxa

 

Para a concelleira Susana Millán, a presenza do Grove en FITUR 2025 volveu depender da iniciativa privada e do liderado doutros concellos ou administracións, evidenciando a falta dunha estratexia turística propia.

Critican que o goberno municipal siga sen impulsar proxectos reais mentres centra todos os seus esforzos en reclamar unha taxa turística.

O Grove, 31 de xaneiro de 2025. Un ano máis, o Grove careceu dunha presenza propia e diferenciada en FITUR, a maior feira de turismo do Estado. A participación da vila limitouse a unha iniciativa externa, a que supuxo a promoción da Festa da Centola levada a cabo pola asociación empresarial Emgrobes, e a unha compartida, como foi á presentación da media maratón "Entre Rías" que transcorre entre o Grove e o Concello de Sanxenxo.

Sobre este evento, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, denuncia que o goberno municipal non foi capaz de reclamar para O Grove o protagonismo que lle corresponde na organización desta proba deportiva. "O compromiso inicial era que cada ano a carreira alternase o inicio e final entre os dous concellos, pero nin sequera isto foi quen de defender con forza o noso alcalde”, lamenta Millán, que á vez afirma que “acoller a chegada suporía un impulso importante para a hostalería local, pero teremos que conformarnos con ser saída por segundo ano consecutivo, o que demostra o pouco peso político de Cacabelos ante o seu homólogo e Sanxenxo”.

Desde Esquerda Unida tamén critican que a única prioridade do Alcalde, que á vez é o concelleiro de Turismo, sexa a implantación dunha taxa turística. "En agosto do pasado ano, Cacabelos declaraba que o turismo supón un gasto de máis de medio millón de euros para o Concello. O que nos preguntamos é de onde vén este afán recadatorio, sobre todo cando ten dende 2023 dous millóns de euros da Unión Europea para a Gastromeca e aínda non foi capaz de executar máis que o 32%. Nin tan sequera sacou a concurso a contratación da consultora necesaria para desenvolver todo o proxecto", denuncia Millán.

A edil de EU tamén lembra que o goberno municipal segue sen aprobar normativas esenciais para a xestión turística da vila, como a ordenanza de caravanas ou a de terrazas, ou crear unha mesa de traballo para procurar unha solución á proliferación das vivendas turísticas, tal e como acordaron ao inicio do mandato. Ademais, están pendentes compromisos como as bases para as Centolas de Ouro, a actualización do material promocional ou a recuperación dunha páxina web turística propia.

Por último, Esquerda Unida considera que os fondos europeos Next Generation deberían destinarse a crear un produto turístico sólido, que beneficie ao empresariado local e que poida ser levado a FITUR como unha aposta propia do Concello. "Hai oito anos coincidiamos en que o modelo de promoción en FITUR non era o axeitado, pero Cacabelos prometera buscar unha nova fórmula adaptada ás demandas actuais do sector. O problema é que, desde entón, nada se fixo", conclúe Millán.

27 xaneiro 2025

PLENO XANEIRO 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 27 de xaneiro de 2025

▶ Intervención: minuto 46:17


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Estación de carga de vehículos eléctricos da rúa Alexandre Bóveda

Preguntamos ata cando continuaría sendo gratuíto o seu uso e cal era o custo para o concello.

🔻 Consellos sectoriais municipais

Preguntamos cando se convocarían os consellos sectoriais acordados co noso grupo municipal.

🔻 Local do CR Mecos

Preguntamos polo estado da obra de adaptación do local.

🔻 Obra da rúa Oscura

Preguntamos cando se remataría esta obra.

🔻 Muro de Entrehortas

Preguntamos polos motivos do retraso no retranqueo do muro.

🔻 Pavillón de Conmeniño

Preguntamos cando comezarían as obras de reforma.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se modificaría para incluír as dúas horas sen música nas atraccións de feira.

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Preguntamos polo estado das bases de licitación.

🔻 Aula de estudo nas Monxas

Preguntamos polo motivo polo que non se habilitou durante o Nadal.

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se licitarían os locais e bancadas.

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado das cesións dos terreos necesarios para executar a obra.

🔻 Camiño da praia de Con Roibo

Preguntamos polo estado do expediente de recuperación deste camiño público.

🔻 Baldosas nas rúas peonís

Preguntamos pola situación das numerosas baldosas levantadas.

🔻 Ordenanza de Ruídos

Preguntamos pola situación desta ordenanza paralizada dende 2016.

🔻 Empresa redactora da Ordenanza de Ruídos

Preguntamos se se seguían pagando as medicións e traballos de redacción.

Rogos e solicitudes

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Solicitamos instalar a placa co nome oficial na nova localización da escola.

🔻 Sinalización viaria

Solicitamos o pintado de pasos de peóns e sinalizacións horizontais.

🔻 Alumeado público

Solicitamos solucionar a falta de iluminación en diferentes rúas, especialmente na Aguieira.

🔻 Barrio de Campos

Solicitamos instalar máis puntos de luz pública.

🔻 Marquesiñas de Ardia e Balea

Solicitamos a reposición das marquesiñas retiradas tras accidentes de tráfico.

🔻 Rúa Conchases

Solicitamos unha solución á problemática do tránsito de vehículos pesados.