venres, 28 de xuño de 2013

Esquerda Unida ante a expulsión do pleno do noso concelleiro Xan Lamelas

NOTA DE PRENSA

O Grove, 28 de xuño de 2.013.- Desde que o goberno tripartito que dirixe actualmente O Grove tomara posesión hai agora dous anos, vén sendo unha constante en todas as sesións plenarias o desprezo e o entorpecemento do labor dos concelleiros da oposición. O alcalde Pérez e algúns membros do seu goberno, como o señor Bea ou o señor Callón, teñen por costume interromper as intervencións dos concelleiros que realizan a súa función fiscalizadora do goberno e a presentación de propostas e iniciativas que consideran oportunas para os intereses dos veciños e veciñas d’O Grove.

Realizouse o primeiro Acollemento Civil no Grove

No pleno do 31 de maio do 2012, Esquerda Unida presentou unha normativa reguladora para que o Concello do Grove puidera levar a caboAcollementos Civís. Logo de seis meses no caixón do Concello, o Goberno decidiu levar a normativa (sen apenas modificacións sobre a que presentamos) a súa aprobación inicial no pleno do mes de novembro, que foi aprobada por todos os concelleiros da corporación coa excepción de Carlos Otero que preferiu absterse.

Unha iniciativa de Esquerda Unida que non tardou en dar os seus froitos, xa que o pasado domingo 24 de xuño cando os pais do pequeno Jairo Benavides fixeron uso desta normativa para realizar o primeiro acollemento civil do Grove e da comarca do Salnés. 



xoves, 20 de xuño de 2013

A Galería Besada acolle este sábado a estrea dun libro colectivo sobre Lueiro Rey.

Prensa. Todogrove.com.- Medio cento de autores participan cos seus textos en Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, un libro de Edicións Xerais coordinado polo profesor e crítico literario Ramón Nicolás que este sábado ás 20.00 horas será presentado na Galería Besada. 

mércores, 19 de xuño de 2013

Comunicado conxunto EU-Anova respecto das obras no CEIP Rosalía de Castro d'O Grove.


Desde as asembleas locais de Esquerda Unida e Anova Ogrobe, queremos denunciar a actitude do alcalde Miguel Ángel Pérez respecto das obras que a Xunta de Galicia se comprometera a realizar no CEIP Rosalía de Castro. Pérez amósase neste caso como un anano político, incapacitado para representar os intereses do pobo d'O Grove. Se hai un par de semanas asumía como propia xunto ao resto de grupos políticos da corporación a solicitude da ANPA para que se realizaran as obras da terceira fase no CEIP Rosalía de Castro, observamos atónitos como a semana pasada se plegaba sen fisuras ao discurso da Xunta do PP de non realizar estas obras, incluso xustificando esta decisión política da administración autonómica.

martes, 4 de xuño de 2013

Rogos e preguntas no Pleno do mes de maio.

No pleno do mes de xuño, a nosa agrupación formulou unha serie de rogos e preguntas ao goberno local. Interesámonos polo estado do parque de Terra de Porto, que estivo pechado ao público tralas denuncias por supostas descargas eléctricas. Tamén nos preocupamos polo estado do pavillón tralo torneo de dardo, no que se serviu alcohol sobre a pista. A polémica intersección da Avenida Portugal e o Punto limpo tamén foron obxecto das nosas preguntas, así como a situación da concellería de Cultura que dirixe Carlos Otero, ao cal lle formulamos unha serie de cuestións relacionadas coas súas declaracións na prensa. A maioría foron contestadas polo executivo local e incluso o concelleiro de Cultura se dignou a responder, aínda que parece que se esqueceu de moitas das preguntas realizadas.