luns, 30 de abril de 2018

1 DE MAIO. VIDA E CURRO DIGNO




O 2018 ten ensinado ao conxunto da clase traballadora e á esquerda política e social que os ciclos electorais teñen que ter analogamente procesos de mobilización e tensión social ante os conflitos reais que afectan á nosa clase. Seguramente se os procesos electorais das eleccións xerais e autonómicas se enmarcasen neste 2018 cun escenario de mobilización ampla e sostida como o protagonizado polo movemento feminista, o colectivo de traballadoras e traballadores da xustiza, os e as pensionistas, as plataformas en defensa da sanidade pública e as mobilizacións masivas contra a reforma da Lei de Saúde, etc… o escenario electoral sería sensiblemente distinto e o proceso de desgaste (con recarga vía opción Ciudadanos) do bipartidismo sería outro. Cómpre entón non esquecer esta premisa para o futuro máis próximo que é as eleccións municipais e europeas onde nos xogamos moito.

As contradicións do sistema capitalista afóndanse pero analogamente o rearme ideolóxico e organizativo da esquerda ten un desenvolvemento máis lento. Certo é que temos conseguido convencer a amplos sectores da sociedade galega que a unidade popular, non exenta de dificultades e tensións, é o único camiño para que o sistema trema. Ninguén en Galicia causou tanto medo como a recuperación para o común das alcaldías e espazos municipais, contra as que os medios de comunicación, poderes económicos que parasitan os servizos públicos municipais, dereita ultramontana e demais sectores do inmobilismo téñense conxurado. Neste 2018 o noso esforzo ten que ser para afondar neste municipalismo unitario, novidoso e que é a expresión máis completa do país e sociedade que temos por gañar.

Un 2018 cheo de mobilizacións esperanzadoras, dende a ampla dignidade dos pensionistas e xubiladas fartas das demolicións controladas do sistema público de pensións, ate a difícil loita sindical do colectivo de traballadoras e traballadores da xustiza, pasando polo abrumador grito das mulleres do noso país o pasado 8 de marzo e o pasado 26 de abril ante unha sociedade e xustiza machista e desvergonzada; un novo ciclo de loitas aberto, plural e multipolar obriga ás organizacións da esquerda a tomar nota e encarar o tempo político coas mesmas premisas de loita na rúa e nas institucións de maneira coordinada e secuenciada.

Este primeiro de maio ten que ter punto de partida dunha correspondencia entre a esquerda política e social e o clamor popular na rúa, da mobilización e a corresponsabilidade nos centros de traballo, nas escolas e nos parlamentos e concellos con ese mandato cidadá de cambio e unidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario