sábado, 29 de xuño de 2019

Esquerda Unida móstrase molesto por non ser convidado ao izado da bandeira representativa do colectivo LGTBIQ e pregunta que ten feito o goberno no seu favor nestes últimos anos



Onte conmemorouse o 50 aniversario das revoltas de Stonewall en New York en 1969. O colectivo LGTBIQ leva dende entón defendendo os seus dereitos e loitando para que a orientación sexual e as diferenzas de identidade de xénero deixen de ser un estigma social. As súas reivindicacións están de actualidade máis que nunca por mor dos discursos homófobos das formacións políticas de dereitas que fomentan todo tipo de mentiras e prexuízos sobre este colectivo.

En maio de 2016 o grupo municipal de Esquerda Unida O Grove levou a pleno una moción que foi aprobada por unanimidade e na que instaba ao goberno local a adquirir a partir dese momento un compromiso cos veciños do Grove para que a nosa vila sexa un lugar libre de discriminación por orientación sexual, diversidade de xénero e diversidade familiar.

A día de hoxe non sabemos que ten feito o goberno neste senso alén de colgar a bandeira representativa do colectivo no balcón do Concello á media mañá do día da celebración do Orgullo LGTBIQ. Nesa moción, ademais de pedir que se colgase a devandita bandeira en apoio ao colectivo, instábase a que o Concello fomentara o asociacionismo LGTBIQ reivindicativo para lograr o seu fortalecemento e crecemento, promover o coñecemento e compromiso coa loita contra a LGTBIfobia entre o persoal laboral da administración local e sobre todo das forzas e corpos de seguridade a través de cursos de formación, apoiar e difundir as convocatorias dos colectivos LGTBIQ, promover charlas nos institutos da campaña da FedLGTB “escolas sen armarios”,... Dende Esquerda Unida temos o convencemento de que hai que seguir traballando para eliminar todo tipo de discriminación cara este colectivo e queremos recordarlle ao goberno que os compromisos adquiridos son para cumprilos porque é unha obriga que temos coa veciñanza.

A LGTBIfobia debe ser combatida por todos nós e polas administracións públicas. Cunha lexislación que fomente a igualdade e liberdade, que defenda unha da sociedade plural e respectuosa con todas as persoas, e que garanta unha vida digna ao colectivo LGTBIQ.

Así mesmo, dende Esquerda Unida mostramos o noso malestar polo que consideramos unha falta de respecto á nosa organización e aos membros da oposición en si, ao non ser convidados ao izado da bandeira representativa do movemento LGTBIQ no día de onte. Unha circunstancia que xa se ven dando nos últimos dous anos. O alcalde no acto de investidura resaltou a importancia do acto de gobernar fronte ao de mandar, destacando o traballo das 17 persoas que forman a corporación. Que os grupos da oposición tivesen presenza no acto de colocación da bandeira arco iris no balcón do concello puido ser una boa forma de demostra que non eran solo verbas. Sobre todo porque a moción que dou lugar ao acto de hoxe presentouna o noso grupo municipal de Esquerda Unida.

Puntos de acordo aprobados por unanimidade no pleno de maio de 2016

1- Contribuír, nas competencias que lle son propias a este Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.

2- Fomentar as condicións de posibilidade para o fortalecemento e o crecemento do asociacionismo LGTBI reivindicativo, entendendo a este como un protagonista clave na loita contra a homofobia, transfobia, bifobia e lesbofobia.

3-  Promover o coñecemento e o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral da administración local, especialmente entre os corpos policiais, a través de campañas de sensibilización e cursos de formación desenvolvidos polos propios colectivos.

4- Apoiar e difundir as convocatorias contra as agresións que realizan os colectivos LGTBI en todos os espazos que competen á administración local, especialmente nos lugares de lecer, educativos, asistenciais, administrativos e de transporte.

5- Garantir atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

6- Recoñecer a determinante contribución de todas aquelas persoas e colectivos que veñen defendendo durante décadas os dereitos de lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais.

7-  Estender, durante o día 28 de xuño, día internacional do orgullo gai, unha ensina coas cores da bandeira arco iris, representativa do colectivo LGTB, na fachada principal do edificio do concello, xunto ao resto de bandeiras institucionais.

8- Instar á Xunta ao cumprimento das 5 recomendacións urxentes da Valedora do Pobo. Así, urxe a existencia dun documento transitorio de identidade para os maiores de idade no que se recolla o seu nome elixido sen ter que esperar ata “dous anos” para ese cambio; así como cambiar no nome nos cartóns sanitarios de menores transexuais. Maior pedagoxía en escolas; aumentar a formación de profesionais da educación, sanidade e administración; e desenvolvemento dun protocolo de Atención Primaria no Sergas para asistir de “forma certa e segura”. Paso previo dunha lei galega de igualdade e diversidade.

9- Convidar a FELGTB, ou no seu caso galega, a realizar charlas nos institutos da súa campaña “Escuela sin armarios” (www.escuelasinarmarios.com)

xoves, 20 de xuño de 2019

Esquerda Unida solicita a documentación actualizada do PXOM



José Antonio Otero indica que o Alcalde comprometeuse en campaña a entregar a documentación corrixida do Plan Xeral á oposición e subila á web.

Dende Esquerda Unida recordan que o publicado na páxina do Concello e en diversos locais públicos non se corresponde coa planimetría real do PXOM.

O Grove, 20 de xuño de 2019.- Esquerda Unida afirma que o pasado 17 de maio, en plena campaña electoral, un medio comarcal publicou unha entrevista realizada ao candidato do PSOE e Alcalde do Grove, José Cacabelos, onde indicaba que neses días se estaban aplicando as correccións de mais de 150 erros detectados polos veciños e veciñas e aseguraba que ía mandar á oposición toda a documentación cos erros xa corrixidos e que nos días vindeiros –á realización da entrevista– se ía subir á web para que se puidese consular por toda a veciñanza.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero declara que “Non sabemos cantos días corresponden no calendario de Cacabelos a vindeiros, pero xa contando dende a publicación da entrevista (17 de maio) pasou un mes e nin a oposición temos a documentación, nin a veciñanza ten coñecemento de si as súas reclamacións foron atendidas ou non, pois o PXOM que segue colgado na web segue a ser o mesmo que contiña os erros”.

Esta é unha situación á que, segundo Otero, os ten habituado o Sr. Cacabelos, “pois no mandato que rematou foi constante o número de veces que anunciou datas para innumerables asuntos e logo non se cumpriran os tempos ou simplemente non se facían”. “E vendo este novo incumprimento, esta vez tralo anuncio en campaña electoral, entendemos que sufriremos esta situación outros catro anos máis”, subliña o voceiro esquerdista.

Para Esquerda Unida, xa non valen as escusas, pois “si non o tiña listo non debería ter anunciado datas, e si realmente está xa corrixido e listo para amosar, non sabemos a que agarda. Non nos vale a escusa das eleccións, pois salvo que siga de resaca electoral, o goberno non cambiou e non foi preciso unha adaptación como sería habitual si houbese un novo equipo ao mando”.

Por ese motivo, os esquerdistas solicitan que se lle entregue a nova planimetría cos erros xa corrixidos e se publique canto antes na web para que os veciños poidan comprobar que os cambios foron realmente realizados.

Gabinete de Prensa

venres, 14 de xuño de 2019

Esquerda Unida rexeita o depósito dos lodos do dragado do Lérez nas proximidades de Sálvora


A agrupación local de EU amosa o seu apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa na súa manifestación en contra da decisión de Portos de Galicia.

Instan a Cacabelos a reunir ás concelleiras e concelleiros trala conformación da nova corporación para facer unha declaración institucional opoñéndose ao depósito dos lodos do dragado do Lérez na boca da ría.

O Grove, 12 de xuño de 2019.-  Trala noticia dos últimos días na que se indicaba que Portos de Galicia autorizaba a depositar os lodos, que se retirarán do dragado do río Lérez, nas proximidades da Illa de Sálvora, Esquerda Unida mostra o seu rexeitamento a esta medida que consideran prexudicial para os intereses da ría de Arousa.

Os esquerdistas non entenden que o órgano dependente da Xunta de Galicia tome esta medida logo de que as confrarías de Pontevedra se opuxeran ao depósito dos lodos preto de Tambo, que era a primeira opción. Entenden que si é prexudicial para a ría de Pontevedra, máis o será para a de Arousa que é unha das máis produtivas do estado e instan á Consellería do Mar a valorar, de forma consensual cos sectores implicados, unha alternativa que non prexudique aos sectores produtivos, ao medio ambiente e ás rías galegas.

Esquerda Unida mostra o seu apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa nas súas reivindicacións e insta a Cacabelos a que a primeira medida que tome trala conformación da nova corporación e a toma de posesión como Alcalde, sexa a de convocar a todas as concelleiras e concelleiros para realizar unha declaración institucional apoiando as reivindicacións da PDRA, das confrarías e das asociacións de produtores da Ría de Arousa en contra desta decisión polo risco que este ataque ao noso medio natural supón para os recursos pesqueiros e a economía da zona.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

luns, 3 de xuño de 2019

Oposición construtiva e estar ao lado da veciñanza, comenda da militancia aos concelleiros e á organización.



A pasada semana, a coordinadora local reuniuse coa candidatura e a militancia para analizar os resultados emanados do proceso electoral do pasado 26 de maio e marcar a liña de traballo para o novo mandato. Dende Esquerda Unida queremos compartir as nosas conclusións;

Os resultados acadados pola nosa formación foron óptimos, logramos mellorar lixeiramente o número de apoios e mantemos as dúas actas que posuíamos.

Certamente o noso obxectivo era sumar máis actas, máxime cando no 2015 quedamos a escasos trinta e nove votos de obter a terceira. Desta volta, a pesar de baixar a participación (2,44 puntos menos) e termos subido lixeiramente en apoios, non logramos o aumento de representación, quedando novamente a escasos votos de acadar esa terceira acta.

Fomos a única forza da catro que formábamos a oposición que no tanto de perder apoios, logramos aumentalos. Isto non se produciu por inercia, senón polo traballo realizado estes catro anos como grupo referente da oposición, levando propostas e sendo fiscalizadores do traballo do goberno. Un traballo que, a pesar de consideralo bo, non logramos que chegara a toda a veciñanza –así nolo transmitiron–, polo que non podemos máis que considerar óptimos os resultados obtidos.

Por outro lado, dende Esquerda Unida entendemos o ascenso do PSOE derivado de tres factores. O primeiro debido á tendencia a alza producida polas eleccións xerais –sucedeu o mesmo no 90% dos concellos do estado–, en segundo lugar polo seu traballo de marketing e visualización dende o goberno, a pesar de que os feitos non son reais, e en terceiro lugar, polo descenso dos demais grupos da oposición. No caso do Partido Popular, que contaba con catro concelleiros e pasou a 3, non fixo oposición ningunha estes catro anos, polo que non só non foi quen de recuperar o electorado que perdera no 2015 a raíz do PXOM, senón que aumentou considerablemente esa perdida de votantes. O mesmo sucedeu con BNG e PGD. A partir de agora agárdanos un panorama complexo, pero non moi diferente ao vivido estes dous últimos anos, pois o PSOE xa contaba con maioría absoluta –co apoio cegado do PGD–.

A militancia e simpatizantes márcannos unha ruta pola que o grupo municipal e a organización se debe rexer estes catro anos; realizar un traballo de oposición construtiva, fiscalizadora e aportando propostas que melloren os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza; e estar máis na rúa, ao lado das veciñas e veciños, colectivos, asociacións... manter un contacto máis constante e ser a súa voz si así o requiren. Dende a agrupación local asumimos, como non pode ser doutro modo, ese mandato e porémonos a traballar dende xa.

Ao goberno pedímoslle transparencia, diálogo e traballo. O primeiro é que faciliten a documentación do PXOM á oposición e que lla mostren á cidadanía, tal e como anunciou en campaña. Tras isto que aprobe o documento urbanístico neste ano. Non ten escusas para levalo adiante, aínda que tampouco as tiña antes, pois ningún grupo da oposición puxo impedimentos na labor do goberno.

Instamos tamén ao goberno a poñer en marcha a construción do Centro de Día e o seu funcionamento cunha xestión pública, así como a cesión dos terreos á Xunta de Galicia para que se comprometan á construción do Centro de Saúde. Por outro lado este goberno debe pechar a negociación da RPT e sacar a oferta pública de emprego, cubrir os postos da policía local e poñer a funcionar o servizo 24 horas,... en definitiva, cuestións que a pesar de poder ter realizado sen ningún problema durante os pasados catro anos, deixou de lado e incluso acusou á oposición e outras administracións de ter paralizado.

A Coordinadora Local de Esquerda Unida O Grove