mércores, 18 de agosto de 2021

Esquerda Unida denuncia unha nova privatización dun servizo público

Os esquerdistas fanse eco das palabras do concelleiro de Seguridade Cidadá na prensa anunciando a contratación dunha empresa privada para operar coa grúa dende esta semana ata o mes de outubro. Denuncian que con esta xa son catro as externalizacións de servizos públicos efectuadas polo goberno socialista.

Reclaman, por enésima vez, que se poña en marcha o servizo de guindastre durante todo o ano e cunha xestión pública, tal e como se comprometeu nas negociacións dos orzamentos do 2016.

O Grove, 18 de agosto de 2021.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida móstrase sorprendido polas declaracións do concelleiro de Seguridade Cidadá, reflectidas nun medio de comunicación o pasado luns, anunciando a posta en marcha do servizo de guindastre a través dunha empresa privada. 

Os esquerdistas denuncian así a privatización dun novo servizo municipal, “algo que se está convertendo en habitual no goberno de Cacabelos”, indica o seu voceiro, José Antonio Otero, que recorda que nos seis anos de mandato do PSOE “este e o cuarto servizo público derivado a mans privadas pois, primeiro externalizaron o servizo de limpeza de edificios públicos, logo tocoulle ás pistas de padel, en abril deste ano ao mantemento de parques infantís e agora será o guindastre municipal”.

Dende Esquerda Unida indican que a posta en marcha do servizo de guindastre municipal é unha demanda histórica da súa agrupación e que no 2016 chegou a ser un dos acordos co goberno socialista para favorecer a aprobación dos orzamentos nese exercicio, “acordo que Cacabelos nunca cumpriu e, de feito, ese incumprimento constante foi unha das razóns para non apoiar os orzamentos deste ano”, indica o voceiro esquerdista.

Segundo Otero, “reclamamos a posta en marcha do servizo de guindastre porque é unha demanda da veciñanza, pero tamén porque é un dereito das veciñas e veciños que pagan a taxa de vaos, como así se recolle no artigo 10 da ordenanza” e indica que “mesmo a Policía Local ten emitido un informe no 2017 mostrando a necesidade de contar con este servizo”.  

A pesar de que o goberno pon en marcha o servizo de guindastre, Esquerda Unida non admite que este sexa a través dunha xestión privada e tampouco entenden a que atende a contratación da grúa dende esta semana ata o mes de outubro, como sinalou o concelleiro de Seguridade Cidadá na prensa pois, “a necesidade do guindastre é anual, xa que son moitas as veciñas e veciños que ven obstaculizados os seus garaxes sen que se lle dea unha solución”, indica o voceiro esquerdista. 

Dende Esquerda Unida piden ao goberno que renuncie á idea da privatización e traballen para dotar O Grove dun servizo de guindastre durante todo o ano e cunha xestión municipal. “É moi doado gobernar cando os servizos se prestan a través de externalizacións, para iso non é preciso un Alcalde nin concelleiros, o complicado é xestionar os recursos municipais para prestar uns servizos públicos de calidade e este goberno non sabe facelo”, sostén José Antonio Otero.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

luns, 16 de agosto de 2021

EU considera un erro non procurar alternativas seguras para celebrar a Festa do Marisco

Comensais nunha das edicións da Festa do Marisco. Foto Faro de Vigo

Entenden que a suspensión, por segundo ano consecutivo, da Festa do Marisco supón un duro revés para o sector turístico do Grove e arredores.

Os esquerdistas denuncian que non se traballou de forma conxunta para procurar alternativas seguras e piden que, coa implicación da restauración, se valore realizar o evento adaptado ás circunstancias.

O Grove, 16 de agosto de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida lamenta as declaracións do Alcalde o pasado venres anunciando que este ano non se celebrará a Festa do Marisco. Os esquerdistas consideran que esta suspensión por segundo ano consecutivo do evento gastronómico, supón un duro revés para a hostalería e o sector turístico do noso concello e da comarca do Salnés. 

Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “unha vez máis queda demostrada a falta de interese e de iniciativas deste goberno para o desenvolvemento turístico da nosa vila”. “En setembro do 2020 o alcalde comprometíase a traballar co Consello Local de Turismo para preparar a tempada 2021, pero tardou 9 meses formalizar a reunión, e non foi ata xullo deste ano cando convocou o CLT, demostrando as poucas ganas de traballar e de sentarse co sector para buscar alternativas”, indica Otero.

“Nese consello falábanos da posibilidade de facer a festa pero xa nos adiantaba que aínda non tiñan unha decisión firme e que o tempo xa era xusto para sacar a concurso a licitación para postos e carpas”, indica Otero, que polos argumentos esgrimidos polo Alcalde nese CLT, ”xa sospeitamos que este ano tampouco habería festa, porque o único que si nos deixou claro foi que en xullo aínda estaba todo por facer e que só contemplaba facer a festa se se realizaba coas dimensións de sempre”.

Dende Esquerda Unida indican que xa no 2020 propuxeron a realización dunha Festa do Marisco diferente, “adaptada á era Covid, con outro formato, máis reducido, que puidese facer partícipe a toda a restauración e a outros barrios do Grove”. Unha cuestión “que se ten falado moitas veces e que nesta ocasión brindaba a oportunidade de ver se era posible”, indica Otero. Segundo os esquerdistas, para o alcalde a Festa do Marisco só pode ser como foi ata o de agora, e así o ten indicado en declaracións públicas e no mesmo pleno.  “O goberno négase a traballar en outro formato a pesar de que todos os concellos do Salnés buscaron alternativas para evitar que os seus festexos e as datas importantes desaparezan do calendario, porque supoñen unha fonte de emprego e ingresos para a poboación local”, sentenza Otero.

Os esquerdistas cren que volver ao formato multitudinario da festa, como se fixo ata o de agora, vai resultar complicado, “pois todo indica que dunha maneira ou outra vamos ter que convivir coa Covid e, por conseguinte, con restricións sanitarias de algún tipo, polo que é preciso darlle un xiro á festa e traballar diferentes plans co propósito de que chegado o momento se aplique un ou outro en función das circunstancias”, sinala o seu voceiro, que entende que “para isto é preciso traballalo de forma conxunta e con tempo, e dende Esquerda Unida é o que vimos reclamando continuamente, pero a nosa proposta choca coa visión que Cacabelos ten da festa: ou se fai coma sempre ou non se fai”. Para Otero, o resultado é claro, “iso non vai a suceder en moito tempo polo que, con esa forma de pensar, a festa non se fará en moitos anos co conseguinte prexuízo para o sector turístico do concello e arredores”. 

Por ese motivo dende Esquerda Unida piden ao goberno que reúna ao Consello Local de Turismo e aos sectores implicados para procurar todas as alternativas que, con todas as garantías sanitarias, permitan manter a Festa do Marisco no calendario de eventos e alongar a tempada turística no noso concello e arredores.

martes, 3 de agosto de 2021

Esquerda Unida volve trasladar as súas propostas de accesibilidade e seguridade para a Festa do Marisco

A representante no Consello Local de Turismo lembra que no 2019 EU trasladou unha serie de actuacións en beneficio das persoas con mobilidade reducida que non foron executadas naquela edición da festa. Agarda que este ano poidan ser implantadas.

Dende a Área de Muller de Esquerda Unida volven pedir a instalación dun punto morado contra a violencia machista, esta vez dotado de persoal cualificado. Reclaman a solicitude de reforzos para o control do aforamento, distanciamento e uso das mascaras.

O Grove, 2 de agosto de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida rexistrou esta semana unha serie de propostas de accesibilidade e seguridade de cara a súa implantación nesta edición da Festa do Marisco. A representante dos esquerdistas no Consello Local de Turismo, Susana Millán, lembra que o 90% das propostas “xa foron realizadas no 2019 co propósito de que foran implantadas nesa edición, pero finalmente a gran maioría quedaron sen executar”.

Millán indica que, logo de ver como a Covid evitou que se puidera celebrar a edición do 2020 e ante a previsión de que este ano se recuperará o evento gastronómico, decidiron recordarlle ao goberno que “as nosas propostas están enriba da mesa dende hai 2 anos e que, naquel entón, o Alcalde vía con bos ollos as iniciativas aportadas polo noso grupo”. Por ese motivo, e ante a falta de convocatorias do Consello Local de Turismo, os esquerdistas decidiron recuperar aquel documento para, con algunha aportación a maiores, presentalo por rexistro co propósito de que, a dous meses de comezar o evento gastronómico, “non teñan desculpa para levalas a cabo”, dando así cumprimento ao anunciado polo voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida no pleno da semana pasada durante o punto de rogos e preguntas.

Unhas propostas que, na súa maioría, están encamiñadas a facilitar a accesibilidade ás persoas con problemas de mobilidade. Así, dende Esquerda Unida instan aos organizadores da festa a que instalen, como mínimo, unha caixa a nivel do chan, co propósito de que as persoas con cadeiras de rodas ou mobilidade reducida poidan retirar os seus tíckets de comida con maior facilidade pois, o sistema actual impide o acceso a estas persoas. Así mesmo, solicitan que poñan persoal a disposición destes usuarios co propósito de axudarlles na recollida dos pratos nos diferentes soportais, pois para eles resultan inaccesibles. Para completar esta proposta dirixida ás persoas con cadeiras de rodas, os esquerdistas propoñen que se habiliten mesas adaptadas, xa que as actuais resultan demasiado altas para quen sufre esta problemática.

O acercamento dos baños públicos ao recinto da festa –agora atópanse detrás da lonxa– ou a habilitación dun espazo con cadeiras para que as persoas con problemas se poidan sentar durante o xantar, ou a recuperación da carta de produtos en braille, son outras das peticións que os esquerdistas realizaron no 2019 e que repiten para esta edición.

Por outro lado, dende Esquerda Unida insisten na necesidade de reforzar a seguridade do evento, polo que volven reclamar que, durante esas datas, o goberno municipal solicite axuda a outros concellos para que envíen axentes co propósito de velar pola seguridade dos asistentes. Os esquerdistas son conscientes de que este ano non será un evento das dimensións doutras edicións, pero a celebración en época de Covid obriga a unha maior vixilancia en canto a medidas de prevención (aforamentos, distanciamentos, uso da máscara facial...), co que este reforzo está máis que xustificado.

Por último, dende a Área da Muller que dirixe a concelleira Ana Cristina Domínguez, lembran que hai aprobada unha moción na que o goberno se compromete á instalación de Puntos Morados conta a violencia machista nos eventos multitudinarios, e solicita que nesta edición da Festa do Marisco se faga efectivo. Domínguez pide que non se cometa o erro do 2019 e que, desta vez, o Punto Morado conte con persoal cualificado que, ademais de informar á cidadanía, poida realizar a primeira atención e activar os protocolos correspondentes en caso de que algunha muller sufra algún tipo de violencia machista no transcurso da festa gastronómica. 

Tanto Susana Millán como Ana Cristina Domínguez, agardan que esta vez o goberno atenda as peticións esquerdistas e aplique as medidas encamiñadas a que “todas as persoas que nos visitan poidan disfrutar da Festa do Marisco en igualdade de condicións, obtendo as maiores facilidades e, sobre todo, se sintan seguras”.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

DESCARGAR/VER DOCUMENTO  PRESENTADO POR REXISTRO COAS PROPOSTAS

luns, 2 de agosto de 2021

EU denuncia que a Casa da Cultura de San Vicente segue pechada pola ineptitude do goberno municipal e pide celeridade nunha solución

Segundo os esquerdistas, o goberno achacaba o peche á falta de persoal, pero o proceso selectivo rematou o pasado 25 de xuño, logo de case 2 anos, e o persoal segue sen contratarse.

Esquerda Unida, que volveu preguntar por esta situación no pasado pleno, insta ao goberno a reabrir con celeridade as dependencias de San Vicente para dotar a parroquia dunha maior actividade cultural e evitar que perigue a subvención da Xunta e outras posibles subvencións no que queda de ano.

O Grove, 2 de agosto de 2021.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida mostra o seu malestar e denuncia a situación que se está a producir coa Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder e a súa Axencia de Lectura, que leva pechada ao público dende xaneiro. Os esquerdistas culpabilizan desta situación á ineptitude da Concellería de Cultura e, por extensión, do goberno municipal, ao non ser quen de dotar de persoal o departamento de Cultura para ofrecer este servizo á veciñanza da parroquia de San Vicente. 

Esquerda Unida lembra que a Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder leva pechada ao público dende o mes de xaneiro. Unha das desculpas esgrimidas polo executivo local escudábase na falta de persoal pois, o encargado da súa apertura derivouse a outras funcións no edifico administrativo polo que, a solución quedaba a expensas de que se constituíse a bolsa de emprego de Auxiliar de Cultura que tiña iniciado o seu proceso en setembro de 2019.

Para os esquerdistas, o proceso da bolsa de emprego “é unha mostra da ineptitude deste goberno pois, iniciouse hai case dous anos e tras completarse o pasado mes, seguen sen contratar a ninguén”, indica o seu voceiro José Antonio Otero. E é que, tal e como relatan, o 9 de setembro de 2019 foi cando a Xunta de Goberno Local aprobou as bases para a creación dunha bolsa de emprego de Auxiliar de Cultura, co propósito de ter persoal cando houbese carencias no departamento. 

Un proceso que se alongou demasiado no tempo pois, trala apertura de inscricións, non se publicou a listaxe provisional de admitidos e rexeitados ata o 12 de xaneiro de 2021, un ano e tres meses despois do seu inicio, sen chegar a publicarse a listaxe definitiva que abría o proceso selectivo, sinalan dende Esquerda Unida, que alertaron desta situación no pleno do pasado mes de marzo, cando o seu voceiro denunciaba a paralización do proceso e pedía que se procurase canto antes unha solución.

Foi a raíz desta denuncia no pleno, indica Otero, cando o proceso volveu avanzar, ata que o pasado 25 de xuño, logo dos exames pertinentes, o tribunal selectivo aprobou as cualificacións e con iso a lista de agarda da devandita Bolsa de Emprego de Auxiliar de Cultura. 

Pero, tal e como denuncian dende Esquerda Unida, a día de hoxe, a Casa da Cultura de San Vicente e por conseguinte a súa Axencia de Lectura, seguen pechadas ao público pois “non se botou man da bolsa para realizar a contratación precisa para reverter esta situación”. 

Namentres, a veciñanza de San Vicente segue sen poder facer uso do punto de lectura ou gozar dunha programación cultural máis ampla como si sucede na Casa da Cultura Lueiro Rey, co que se ven abocadas a ter que desprazarse ata o centro do Grove. Ademais, segundo se denota do informe municipal sobre a necesidade do nomeamento dunha auxiliar de cultura, o peche desta dependencia pon en perigo a subvención da xunta por falta de actividade así como a programación cultural e outras posibles subvencións no que resta de ano.

Por ese motivo, Esquerda Unida que volveu preguntar por esta situación no pleno de xullo, sen ter resposta por parte do executivo local, insta a Concelleira de Cultura e ao Alcalde a solucionar esta problemática e que as dependencias culturais de San Vicente reabran as súas portas con celeridade.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove