luns, 30 de marzo de 2015

O tripartito do autobombo


O Grove, 30 de marzo de 2.015.- Nestes últimos días estáse a observar un incremento de actividades por parte do tripartito gobernante no Grove nunca antes coñecido: cursos, inauguracións, regalos, presentacións, carteis de obras sen orzamentar... E así o vén a denunciar a agrupación local de Esquerda Unida, para quen o tripartito "pretende enmendar catro anos de parálise nas que a inversión e dinamización estiveron ausentes nas políticas do PP e compañía". Aínda que para a organización de esquerdas o goberno local non estivo sempre en letargo, pois segundo eles "no tripartito andiveron finos á hora de poñer servizos públicos en mans privadas, baleirar os petos dos veciños con políticas sancionadoras, contratar a amigos e tentar 'pelotazos' como o PXOM, o CICRI ou a explotación do novo ximnasio".
E en referencia a esto último, Esquerda Unida propón unha auditoría municipal no caso de chegar a gobernar despois das eleccións de maio. "Despois dos catro anos de goberno do tripartito o Concello do Grove precisa dunha auditoría das súas contas, pois hai cousas que cheiran moi mal, sobre todo nas áreas de Igualdade e Servizos Sociais e Seguridade e Emerxencias". Este é un dos puntos que forman parte do programa electoral que Esquerda Unida continúa a elaborar e que está aberto a aportacións de colectivos e veciñanza. Sobre este punto, os esquerdistas engaden que "unha auditoría cidadá é precisa, porque debemos saber a quen e a que empresas se estivo beneficiando con diñeiro público e este goberno foi campión en trasladar os cartos de todos a mans privadas".

Unha pousada que ninguén pediu
Dentro de esta campaña de autobombo que denuncian desde EU, está a presentación esta mesma tarde dun libro promocional da Deputación de Pontevedra da Pousada da Lanzada que se realizará na Sala das Cunchas do Concello. "Utilizan recursos públicos para promocionar unha pousada que ninguén pediu, e contra a cal se manifestaron centos de veciñas e veciños do Grove". Así de contundentes se amosan desde o grupo de esquerda, para quen é preciso poñer as mans do PP lonxe dos intereses do Grove "sexa Miguel Pérez ou Rafael Louzán, os intereses dun pobo de clase traballadora como O Grove non pode estar nas mans de personaxes coma estas".

Asemblea local de Esquerda Unida

sábado, 28 de marzo de 2015

A Asemblea de Esquerda Unida ratifica aos cinco primeiros candidatos ás Eleccións Locais de Maio

A Asemblea de Esquerda Unida ratifica aos cinco primeiros candidatos ás Eleccións Locais de Maio

A asemblea local de Esquerda Unida O Grove ven de ratificar o primeiro tramo da candidatura coa que a formación de esquerdas concorrerá ás vindeiras Eleccións Locais do 24 de maio. 

Xan Lamelas encabezará unha candidatura na que tamén estarán José A. Otero, Sonia Gondar, David Gondar e Ana Viso.


 Na tarde noite do venres, os afiliados e simpatizantes de Esquerda Unida estaban chamados a unha asemblea na que a formación esquerdista presentaba aos candidatos e candidatas que formarán o primeiro tramo da lista electoral coa que concorrerán aos vindeiros comicios, o 24 de maio. Unha lista que obtivo o respaldo da totalidade dos asistentes e que contará con actual concelleiro Xan Lamelas Alfonso ao fronte da mesma. Tras Lamelas estarán José Antonio Otero González, Sonia Gondar Gondar, David Gondar Prieto e Ana Isabel Viso Vázquez, que completarán de forma respectiva os cinco primeiros postos da candidatura.

O resto da lista quedará perfilada nas vindeiras semanas, toda vez que rematen de falar cos militantes e simpatizantes así como con veciños e persoas de outras organizacións políticas que nos últimos meses se achegaron co propósito de participar dun proxecto común de esquerdas.

Programa electoral

Por outro lado, Esquerda Unida segue traballando na elaboración do programa electoral e nas vindeiras semanas reunirase cos diferentes colectivos sociais co propósito de trasladarlle as propostas da agrupación e recoller as inquietudes e demandas destes.



Información dos candidatos:

 Juán Lamelas Alfonso 
(O Grove, 33 anos)
Traballador da Hostalería. Coordinador de Esquerda Unida O Grove. Actualmente concelleiro na corporación grovense. Encabezou a candidatura de EU no 2007, sendo concelleiro electo e formando goberno. Ostentou as concellería de Formación e Emprego, Persoal e Xuventude. Vinculado ao Partido Comunista participa en diversas loitas sociais dende que iniciou a súa militancia no movemento estudiantil.


José Antonio Otero González 
(O Grove, 35 anos)
Técnico Electrónica de Consumo, actualmente en paro. Participa en  Esquerda Unida dende o ano 99. Colabora activamente no tecido asociativo da localidade traballando no ámbito xuvenil, cultural, deportivo e educativo. É directivo do Club Baloncesto O Meco e da ANPA Lagoa de Rons.


Sonia Gondar Gondar 
(O Grove, 31 anos)
Socióloga e investigadora. Licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Posteriormente realizou o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP). Ten un Máster en Migracións Internacionais con especialización en Políticas Migratorias e outro Máster en mediación Intercultural. Doutoranda en socioloxía pola UNED. Traballou en diferentes organizacións sociais; Asociación de Empresarios de Hostalería do Grove, Federación Provincial de Comercio, Hostalería, Turismo e Xogo de UGT Coruña, Fundación Ronsel e Rede Europeia Anti-Pobreza do Distrito de Viseu en Portugal.

David Gondar Prieto
 (O Grove, 31 anos)
Traballador da Hostalería dende hai quince anos, ostentando cargos de responsabilidade; metre de hotel ou xefe de restauración. Ligado a movementos sociais e culturais.


Ana Isabel Viso Vázquez 
(Ourense, 60 anos)
Reside no Grove dende o ano 71. Dedicouse ao pequeno comercio durante trinta anos. Actualmente ama de casa e desenvolve a súa afección á pintura dentro da Asociación Artegrove da que é Secretaria. Realizou varias exposicións individuais e colectivas tanto no Concello do Grove como noutras vilas e cidades de Galicia.



mércores, 25 de marzo de 2015

Esquerda Unida califica de "vergoña" o madrugador pleno de mañá

“Un pleno de vergoña” así é como califica Esquerda Unida o pleno que se celebrará o vindeiro xoves pola mañá na Casa do Concello do Grove, e que ten entre os seus puntos de orde do día a aprobación do Plan Especial do Porto do Grove e da Toxa.


O Grove. 24 de marzo de 2015. Esquerda Unida califica de “pleno de vergoña” a vindeira sesión plenaria a realizar no Concello do Grove. Entre as súas críticas ao goberno municipal están o cambio de horario non consensuado (a convocatoria será ás 9 da mañá) e non informado aos grupos na comisión informativa, a negativa do goberno triparito a incluír na orde do día o debate sobre a retirada dos semáforos con radar, o incremento da aportación municipal ás obras eternas do pavillón polideportivo e a inclusión a última hora e por vía de urxencia do Plan Especial do porto do Grove e a Toxa.

Nova odenación do Porto do Grove
Sobre este último punto é sobre o que se centran as maiores críticas, pois segundo a agrupación de esquerdas trátase “dun pelotazo que non vén a resolver ningún dos problemas dos usuarios do porto do Grove e que dá vía libre para edificar a Praza do Corgo e os seus xardíns”. De feito, este é o paso previo que precisa o goberno municipal para poder comezar as obras en zona portuaria (nos actuais xardíns do Corgo) do cacareado centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) unha obra que Esquerda Unida califica como “o pequeño Gaiás de Miguel Pérez”.

Estado actual do Porto do Grove
“Nin centro de día, nin novo centro de saúde, colexios que precisan de inversión e choiva dentro da gardería, pero a prioridade do tripartito é unha obra de 2,5 millóns de euros en terreos portuarios (non municipais) e para a cal non se teñen os cartos”, critican contundentemente desde EU. Engaden ademáis que se trata dunha aberración urbanística que acabaría por destruir a xa maltratada fachada marítima do Grove, ademais de supoñer unha hipoteca para as arcas municipais, pois só se conta con 1/3 da financiación necesaria para a obra, “e aínda así pretenden comezala”.

O certo é que o goberno tripartito precisa de algo que vender á cidadanía tras catro anos de goberno nos que as promesas electorias foron incumpridas e un PXOM que lles estoupou na cara. Así o entenden tamén desde EU “achéganse as municipais e queren ter algo que amosar aos poucos potenciais votantes que lles poidan quedar”.

Asemblea local de Esquerda Unida

venres, 6 de marzo de 2015

O TRABALLO DIGNO PARA AS MULLERES É IGUALDADE!

Comunicado do Partido Comunista de Galicia ante o Día Mundial da Muller Traballadora.

Desde o PCG este 8 de marzo chamamos á mobilización porque entendemos que non pode haber paz social sen unha saída social da crise e non pode haber saída social da crise sen o recoñecemento dos dereitos das mulleres. Por iso é imprescindible o empoderamento e a incorporación das mulleres de forma activa para construír a alternativa anticapitalista e antipatriarcal que necesitamos.

Sen a incorporación das mulleres non será posible avanzar cara á ruptura democrática por un novo modelo de sociedade que se constrúa sobre os cimentos da igualdade, nun novo escenario de relacións de poder entre homes e mulleres.

Entendemos que un proceso revolucionario e de cambio non poderá darse sen contar co 51% do pobo. Por iso é fundamental a paridade nos espazos de decisión, porque sen as mulleres neste proceso e sen o feminismo non será.
Desde o PCG insistimos en que a paridade debe contemplarse como unha liña vermella intransferible para toda a esquerda transformadora en tanto que a súa ausencia non pode nin debe xustificarse tras unha orde de prioridades.

A emancipación e a liberdade das mulleres están en xogo cos gobernos do bipartidismo monárquico, antes o PSOE e agora o PP que obedecen ás políticas da Troika, rebaixándonos os salarios e as condicións de traballo coas sucesivas reformas laborais, ocasionando o incremento progresivo da desigualdade salarial entre mulleres e homes.

Hoxe as mulleres traballadoras vivimos situacións de extrema precariedade laboral. A maioría conformamos o último elo da cadea, sufrindo a sobreexplotación en condicións infrahumanas e cada vez máis desprotexidas dos abusos empresariais.

A taxa de ocupación das mulleres no estado español é do 50,3%, 9 puntos por baixo da dos homes. Co engadido de que o 25,3% das mulleres é a tempo parcial, mentres que o dos homes representa o 7,8% (Eurostat). É unha forma máis de discriminación indirecta.

A media do salario das mulleres, supón no sector privado o 19,3% menos que o salario dos homes e no sector público o 10,1% (Eurostat).

Simultaneamente a ocupación feminina corresponde ao 68% da poboación asalariada con ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional.

Non é casual tampouco que os sectores de actividade con salarios máis baixos e con maior brecha salarial son xeralmente sectores feminizados.
No estado español aínda existen convenios colectivos que continúan discriminando ás mulleres, polo escaso control de complementos retributivos que axudan a aumentar a brecha salarial e porque aínda se admiten categorías en feminino.

Por todo iso, porque as mulleres queremos un traballo digno, imos responder o 8 de marzo nas rúas para esixir os nosos dereitos, porque queremos que a traballo de igual valor, igual remuneración. Porque queremos a repartición do traballo. Porque queremos máis emprego público de calidade, en sanidade, educación e dependencia. Porque queremos igualar os permisos de maternidade e paternidade. Porque queremos acabar coa economía mergullada. Porque a falta de traballo digno é un xugo que escraviza ás mulleres, que as fai máis vulnerables ante a violencia machista e, na súa forma máis extrema, a prostitución. Porque queremos ser libres e vivir en igualdade.

Por todo iso esiximos leis que garantan a creación de emprego garantido e digno para as mulleres.