venres, 26 de abril de 2019

EU denuncia ante a Xunta Electoral que o PSOE empregue a alcaldía con fins electorais

A formación reclama a adopción das medidas oportunas ante o acto convocado por Cacabelos para facer propaganda da xestión municipal

O Grove, 25 de abril de 2019.- Esquerda Unida ven de presentar ante a Xunta Electoral de Zona de Cambados unha reclamación polo uso electoralista das institucións municipais que pretende realizar o PSOE. A formación denuncia que o goberno local socialista empregue o Concello como un instrumento de propaganda. E reclama a adopción das medidas oportunas ante a convocatoria dun acto co que o alcalde está a saltar de xeito obvio e descarado o Réxime Electoral Xeral. 

Esquerda Unida solicita que a Xunta Electoral actúe ante a charla anunciada polo alcalde para falar do PXOM, o auditorio e o centro de día. A formación denuncia un evento co que o goberno de Jose Cacabelos incumpre o artigo 50.2 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, de Réxime Electoral Xeral. Punto onde se indica textualmente que “desde a convocatoria das eleccións e ata a celebración das mesmas queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusión ás realización ou logros obtidos”. 

Habida conta de que a convocatoria de eleccións foi publicada no BOE o pasado 2 de abril, Esqueda Unida denuncia que o PSOE pretenda saltar a lei nalgo tan obvio e de xeito descarado. “Se con isto actúa deste xeito, que non se terá feito na opacidade do despacho do alcalde, por onde Cacabelos mandou desfilar a todo veciño preocupado polo PXOM”, critica a formación. 


EU entende que a nomeada charla non é outra cousa que un mitin con intencións electoralistas. Un acto co que o PSOE pon de manifesto a súa visión das institucións como un instrumento que empregar en beneficio propio en lugar de ao servizo da veciñanza. 

domingo, 21 de abril de 2019

EU presenta a súa candidatura para impulsar no Grove “un goberno social que escoite á xente”














O Grove, 20 de abril de 2019.- Esquerda Unida Esquerda Unida vén de aprobar en asemblea a que será a súa candidatura nas vindeiras eleccións municipais do 26 de maio.

A lista, tal e como aprobara a agrupación de esquerdas hai varios meses en primarias, será liderada polo actual concelleiro da corporación municipal José Antonio Otero González. Seguiráo na lista a responsable local da Área de Muller de Esquerda Unida Cristina Domínguez. Quen desenvolve a súa actividade social no movemento feminista, ademais de participar tamén no tecido cultural local a través de Paradanda-Mecos.

O tamén actual concelleiro da agrupación Juan Lamelas ocupará a terceira posición da candidatura. Quen encabezara a lista de Esquerda Unida hai catro anos continúa a súa actividade política arroupando ao candidato José Antonio Otero, quen xa o relevou non soamente na cabeza de cartel dos esquerdistas senón tamén como coordinador local de EU.

A técnico en turismo Susana Millán e o sindicalista de CCOO Antonio Gondar completan os cinco primeiros postos da candidatura de Esquerda Unida.

Desde a organización de esquerdas salientan que esta lista que presentan ás eleccións municipais é a candidatura que mellor representa a sociedade do Grove. "Esta é unha candidatura de traballadoras e traballadores, de xente que vive e traballa no Grove e coñece a realidade do noso Concello"."Saímos a gañar. Esquerda Unida presentámonos a estas eleccións municipais como alternativa de goberno para O Grove en contra do despotismo e a imposición do PSOE”, asegura a formación.

Os esquerdistas poñen en valor a súa oferta política fronte aos valores e o modelo de xestión que representan o PP e o PSOE. “No Grove son o mesmo can con distinta cadea”, critica EU. Que enfronta as eleccións municipais de maio coa intención de ser a alternativa para formar "un goberno que escoite á xente, un goberno social, que fomente a creación de emprego, con políticas sociais e polo bo funcionamento dos servizos públicos".

Unha vez feita pública a lista electoral para os comicios de maio, nos vindeiros días Esquerda Unida irá dando a coñecer o seu programa electoral á venciñanza.
Lista completa:

 1- JOSE ANTONIO OTERO GONZALEZ
 2- ANA CRISTINA DOMINGUEZ DOMINGUEZ
 3- JUAN LAMELAS ALFONSO
 4- SUSANA MILLAN PROL
 5- JOSE ANTONIO GONDAR TRIÑANES
 6- MARIA ISABEL MONTENEGRO FONTOIRA
 7- DAVID GONDAR PRIETO
 8- PATRICIA VILAR PEREZ
 9- JUDIT TRIÑANES LOIS
10- EDUARDO GARCÍA IGLESIAS
11- SONIA GONDAR GONDAR
12- ANA ISABEL VISO VAZQUEZ
13- FRANCISCO MIGUEZ GUILLAN
14- AMELIA SOUTULLO FIGUEIRO
15- JOSE ANTONIO TABOADA MAGDALENA
16- MARIA CARMEN GONDAR TORRES
17- MARIA LEONOR SOILAN CALVO

S1- JOSE MANUEL BOULLOSA PRIETO
S2- ELVIRA VARELA GONDAR
S3- GONZALO BEA MONTENEGRO