A formación reclama un PMUS exhaustivo, que teña en conta as achegas de expertos e axentes sociopolíticos e que permita trazar unha folla de ruta clara para o conxunto do casco urbano
Critica as decisións unilaterias e sen fundamento do goberno local, así como os problemas de tráfico xerados por peonalizacións e cambios de sentido impulsados sen ter en conta as característias do conxunto da rede viaria
O Grove, 21 de marzo de 2019.- Esquerda Unida denuncia a continua improvisación do PSOE no que a mobilidade e tráfico se refire, e insta ao goberno local a actuar con responsabilidade e a impulsar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible que O Grove precisa. A formación denuncia os problemas circulatorios causados polas ideas inconexas do grupo de Jose Cacabelos, que continúa amosando a súa incapacidade de impulsar un PMUS rigoroso e con visión de conxunto e apostando por parches e solucións a salto de mata para solventar problemas que el mesmo creou.
EU insta ao goberno local a deixar de lado a improvisación e a dar forma a un Plan de Mobilidade Urbana realista e ben fundamentado, que teña en conta as características do conxunto da rede viaria grovense e que realmente permita rematar cos problemas de tráfico que esta padece. Moi lonxe de avanzar nesa dirección, e a pesar das continuas reclamacións do grupo de Esquerda Unida ao respecto, o alcalde continúa anunciando cambios illados e decididos de xeito unilateral. “O goberno local estase escudando nun Plan de Mobilidade Urbana Sostible para realizar peonalización e cambios de sentido e solicitar subvencións, cando en realidade non se ten avanzado nada dende a aprobación hai dous anos do documento base. Un documento que indicaba como primeiro paso para o avance do PMUS a participación tanto cidadá como política, coa creación de grupos de traballo onde estean representados os partidos e representantes sociais, económicos, laborais e medio ambientais. Así como unha comisión composta por técnicos en materia de transporte e urbanismo, medio ambiente, integración social e representantes do transporte público. Todo isto contando coa implicación do público, representado por diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, pois a cidadanía é a clave en todo o proceso de elaboración, implantación e seguimento do PMUS”, explica o responsable local de EU.
Moi lonxe de avanzar nesa senda, o alcalde anuncia agora a súa intención de invertir o sentido de circulación no Paseo de Lordelo para solucionar un problema que el mesmo provocou. “Estamos ante unha nova decisión de Cacabelos ao tun tun, que atende á un intento de solventar un problema ocasionado pola súas decisións sen planificación”, indica José Antonio Otero, que lembra as advertencias que Esquerda Unida xa realizou no pasado en relación ao incremento do tráfico e os problemas que o peche dun sentido de circulación no primeiro treito de Alexandre Bóveda ía ocasionar en ruelas da contorna como Sol, Raposeira, Dornas, Horta do Río ou Avenida de Hortos. Rúas estreitas que non estaban preparadas para acoller a densidade de tráfico provocada polas ocorrencias do PSOE. “Daquela non se nos fixo caso, e mesmo se nos tentaba atacar por esas advertencias. Agora é o propio alcalde o que tenta xustificar o cambio de sentido do paseo de Lordelo para reducir o tráfico nesas mesmas rúas que, como xa dixemos, el mesmo provocou”.
Chegamos a este punto, Esquerda Unida advirte das consecuencias desta nova decisión apresurada, “pois derivar a circulación cara ao Corgo vai provocar continuos caos na zona portuaria, máxime en días de mercado e peches da praza por festas como o Carme e o Marisco. E todo isto por non traballar o Plan de Mobilidade de forma consensuada e tomar as decisions en base a unha planificación organizada”.
Esquerda Unida insta ao goberno local a actuar con rigor e a impulsar a posta en marcha do PMUS. “Levamos dous anos solicitando as devanditas xuntanzas e atopándonos con continuas escusas dende o executivo local. E o que é peor: con modificacións e anexos ao PMUS e, como se está vendo neste último ano, propostas de modificacións de rúas e estradas impulsadas sen tan sequera ter reunido a políticos e veciños previamente”.
A formación considera imprescindible elaborar canto antes un plan de mobilidade no que participen técnicos de mobilidade, Policía Local, Garda Civil e servizos de emerxencias, así como actores sociais e partidos politicos. “Que sexa eleborado en conxunto, en consenso (un factor moi importante, pois dará lugar a que todos estaremos implicados e calquera goberno futuro continuará traballando sobre esa mesma base). E, sobre todo, que estea orzamentado. Unha elaboración global que “vai a marcar o camiño a tomar e sobre todo por onde comezar para non crear un caos circulatorio. Non sucede isto agora, cando foi aprobado un plan que marcaba esas pautas, pero que se usou para que o goberno movera e queira seguir movendo direccións. Para penalizar rúas a golpe de ocorrencias, ocasionando caos circulatorio e prexuizos para a veciñanza”, denuncia EU, que anima a traballar en colaboración coa veciñanza e cunha programación clara.