A formación alerta do grave problema que o feito de non cumprir cos prazos estipulados pode ocasionar ás arcas municipais
Denuncia as “chantaxes” empregadas no seu día polo alcalde para aprobar un crédito que, finalmente, o goberno local está empregando noutras actuacións diferentes
O Grove, 29 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a actuar coa máxima dilixencia e responsabilidade para evitar que O Grove teña que devolver o millón e medio de euros concedido pola Deputación de Pontevedra para a construcción do Auditorio-Escola de Música. A formación ve con preocupación o importante e cada vez maior atraso que acumula a posta en marcha dunha obra que deberá estar rematada antes do 30 de xuño se o Concello non quere verse na obriga de reembolsar a aportación económica do goberno provincial.
A pesar das présas, presións e chantaxes empregadas polo alcalde cando, hai xa máis dun ano, instaba á oposición a respaldar un crédito de 4,5 millóns de euros para a construcción do auditorio, os meses pasan e no Monte da Vila todo segue igual. Unha parálise que Esquerda Unida observa cada vez con maior preocupación, pois o feito de non rematar a tempo esta obra podería supoñer un gravísimo problema para as contas do Concello do Grove.
A mesa de contratación reuniuse o 27 de xullo para proceder á apertura dos sobres A e B. Sen embargo, os meses pasan, o remate do ano vaise achegando e o proceso de licitación atópase paralizado dende aquel momento.
A obra do auditorio-escola de música conta cun prazo de execución estipulado de 8 meses, polo que o feito de “non tela licitada nestas datas ocasiona que os prazos para a execución da obra sexan cada vez máis xustos. Tendo en conta que se pide tela rematada antes do 30/06/2019 para tela xustificada antes do 30/09/2019 estamos a 9 meses da primeira data e a 12 da segunda, cando queda aínda por licitar a obra, así como o período de reclamacións, a sinatura do contrato e o comezo dos traballos; algo que pode demorarse ata un mes dende que se coñeza a empresa que gaña a licitación”, explica o responsable local de Esquerda Unida.
Así as cousas, a preocupación nas filas da formación local vai en aumento. E é que, tal e como indica José Antonio Otero, se O Grove non cumpre cos prazos establecidos o Concello veríase na obriga de solicitar un novo crédito para poder devolver o millón e medio de euros da subvención da Deputación.
Esquerda Unida lamenta que o tempo veña darlle a razón e corrobore a mala xestión que o goberno de Jose Cacabelos ten realizado en relación a este asunto. Un proxecto estrela que o rexedor local quixo sacar adiante anunciándoo a bombo e platillo e con demasiada presa; sen ter en conta nin tan sequera a realidade da parcela en cuestión. E é que, cabe lembrar que o proxecto acumula xa antes de comezar un importante sobrecusto, consecuencia dos cambios que foi preciso efectuar nel para adaptar á realidade do terreo un deseño que o rexedor local presentou publicamente antes de ter definidos os límites da parcela municipal na que se realizará a obra.
Esquerda Unida insta ao goberno local a actuar coa máxima responsabilidade para que ese sobrecuste non se incremente aínda máis e para que o proxecto poida materializarse e non se convirta nun estrepitoso fracaso. E é que, tal e como lembra o voceiro de EU, unha vez que a Deputación anunciou a concesión de 1,5 millóns de euros para a construción do auditorio, o alcalde decidiu cambiar o destino da mesma cantidade do crédito de 4,5 aprobado a mediados do 2016 co apoio do PGD. Así as cousas e chegados a este momento, se o Concello non puidera cumprir cos prazos de execución estipulados O Grove atoparíase sen auditorio e con dous créditos. O de 4,5 millóns que o alcalde propuxo no seu día como a única solución para que a localidade puidese contar cun auditorio (e que lle ten dado carta branca para sacar adiante distintos proxectos sen necesidade de contar coa oposición); e o de 1,5 millóns que se vería na obriga de solicitar a maiores para devolver os fondos da Deputación.
“Todo isto volve amosar que estabamos no certo cando no seu día denunciábamos a mala xestión do goberno neste asunto”, indica Otero, que lamenta as “chantaxes e presións públicas empregadas por Cacabelos para forzar á oposición a aprobar un crédito que finalmente está utilizando para outros asuntos de modo absolutamente electoralista”.