xoves, 29 de abril de 2021

EU denuncia unha nova privatización de servizos por parte do goberno local

 

O servizo de mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a mans privadas tal e como anunciou o concelleiro de limpeza no pleno do luns.

Os esquerdistas denuncian que esta nova externalización, sumada á da limpeza dos edificios públicos e á semi-privatización das Pistas de Padel, supón un detrimento dos servizos públicos municipais e preguntan cal será o seguinte.

 O Grove, 28 de abril de 2021.- No pleno do pasado luns, o concelleiro de limpeza e mantemento de espazos públicos anunciou, durante a quenda de rogos e preguntas, que o mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a ser realizado por unha empresa privada. Este servizo, que se atopa dende o pasado mércores 21 aberto á presentación de ofertas, conta cun orzamento de licitación de 29.040 € e terá unha duración de 2 anos prorrogables a outros dous. A apertura de ofertas terá lugar o primeiro xoves de maio. 

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “esta é unha nova mostra do que este goberno leva facendo en detrimento dos servizos públicos do noso concello dende que tomaron as rendas do noso municipio, externalizando o maior número de servizos”.

Segundo indica Otero, “as privatizacións comezaron no pasado mandato cando o servizo de limpeza de edificios públicos pasou a mans dunha empresa externa, unificándose ao da limpeza dos centros educativos (que xa estaba externalizado)”. “Este ano atopámonos cun formato de privatización encuberto nas Pistas de Padel, cando en lugar contratar persoal, ou formalizar as prazas, pasaron a prestar o servizo a través de autónomos”, continua o esquerdista. “Agora tócalle ao servizo de mantemento de parques infantís e elementos biosaudables, pero auguramos que non será o último”, asevera Otero.

José Antonio Otero incide en que “no tanto de recuperar servizos como o da limpeza dos edificios educativos, ou o de axuda no fogar, tal e como lle instou Esquerda Unida en innumerables ocasións, este goberno segue externalizando servizos”.

“Dende Esquerda Unida denunciamos esta situación e preguntamos ao executivo local cal será o seguinte servizo en privatizar; o de augas?, limpeza das rúas ou o da recollida do lixo?” sentenza Otero a vez que recorda que no mandato do cuatripartito (2007-2011) “o servizo de recollida de lixo estivo a piques de ser privatizado, pois o PSOE concordaba co PGD na súa externalización e foi a oposición tallante do concelleiro de EU (Juan Lamelas) á que logo se sumou o BNG, a que evitou esa privatización”.

Así mesmo, a agrupación de esquerdas recorda que o goberno local do PSOE ten paralizada a Oferta de Emprego Público que eles mesmos aprobaron, e que a RPT do concello segue sen aprobar desde que fora impulsada por EU cando participou no goberno cuadripartito. Segundo Otero “estas son dúas ferramentas fundamentais para a dotación de persoal e poder ter uns servizos públicos de calidade, cuestión totalmente abandonada por Cacabelos e o seu goberno”.

Esquerda Unida “lamenta a asunción do programa neo-liberal por parte da agrupación local do PSOE do Grove e os seus representantes no concello” e indican que desde a chegada de Cacabelos á secretaría local do seu partido, este “ocupou o espazo político do PP e converteuse no referente da dereita política no Grove”.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove


xoves, 15 de abril de 2021

Foto denuncia EU - Inseguridade no Camiño Escolar Seguro de Rosalía de Castro

📣 No pasado pleno volvemos alertar da inseguridade que existe nun dos tramos do “Camiño Escolar Seguro” ao CEIP Rosalía de Castro e pedimos ao concello que actúe con celeridade.
👪Son moitas as familias, que cada día pasan por esta rúa camiño da escola, as que denuncian o risco que supón para os peóns o estado desta obra. Reclaman que o Camiño Escolar Seguro debe ser iso; seguro.
👉Dende Esquerda Unida facémonos eco da problemática e solicitamos ao concello que procure unha solución antes de que se produzan danos persoais que poidamos lamentar.

mércores, 14 de abril de 2021

14 DE ABRIL - Horizonte República. 90 aniversario

 
 

O día de hoxe, 14 de abril de 2021, é unha data importante para a cidadanía demócrata do noso país. Cúmprense 90 anos da proclamación da Segunda República, un proceso histórico que constituíu un avance incalculable en termos de democracia e xustiza social. O noso país segue tendo materias pendentes que non esquecemos, como o pleno recoñecemento de quen loitou pola liberdade e a democracia fronte ao fascismo, pero hoxe a República é sinónimo de futuro e esperanza. Futuro ante a decadencia dun réxime incapaz de satisfacer as súas propias expectativas e esperanza fronte ao odio de quen quere levarnos ao pasado e o medo aos avances de quen se conforma coa situación actual.

É o momento de traballar por un país republicano que poña a vida das familias traballadoras no centro. Para iso, é necesario construír un horizonte compartido entre todos e todas, debuxando un novo imaxinario transformador que se comprometa cos actuais retos sociais, culturais, políticos e institucionais. Falar de República é falar dun país ecoloxista, feminista e plural que fai da xustiza social a súa bandeira. Falar de República é falar de dereitos sociais e de condicións de vida dignas para a clase traballadora e os sectores populares. Falar de República é falar de xustiza, democracia e liberdade.

Loitamos por un país ecoloxista que aposte por un modelo económico responsable co medio ambiente e o planeta, un país feminista que acabe coa secuela do machismo e garanta igualdade na diversidade, e un país plural que vexa na súa complexidade cultural e nacional unha riqueza que debe ser coidada. Loitamos por un país con xustiza social no que os dereitos dos traballadores e as traballadoras estean por encima dos intereses das oligarquías afeitas a mandar sen presentarse ás eleccións.

O noso proxecto de país e modelo de Estado deben ser construídos de maneira participativa, pois a República é un proxecto popular de maiorías que conecta coas preocupacións cotiás da cidadanía. A monarquía carece de lexitimidade non só de orixe, senón pola súa corrupción e o seu papel estrutural como ligazón entre os poderes económicos e os poderes políticos e mediáticos. Monarquía é sinónimo de pasado e decadencia. Con todo, a República é un proxecto integral e renovador de país que abarca o conxunto de problemas, inxustizas e anhelos da cidadanía, máis aló do ámbito institucional. Desde estas coordenadas facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía demócrata e progresista para que se sume á construción colectiva do republicanismo.

Desde Esquerda Unida reafirmamos, nunha data tan importante para a tradición democrática e  emancipatoria no noso país como a de hoxe, a nosa firme aposta por seguir construíndo, xuntos e xuntas, un país máis xusto, máis democrático e máis fraterno.

Por seguir construíndo, xuntos e xuntas, Horizonte República.