venres, 20 de decembro de 2019

Foto denuncia EU - Solución ao pavimento da Rúa Gandariña


📣aA A veciñanza da Rúa Gandariña reclama unha mellora no pavimento da zona.`


🚧Este camiño conduce a varias empresas da zona e polo tanto é unha vía moi transitada que necesita unha mellora urxente.






venres, 13 de decembro de 2019

EU tacha de incompetente ao goberno por non informar á veciñanza dos cortes de auga



Os esquerdistas consideran impropio que ante uns cortes de auga programados non se informe á veciñanza para que se poida organizar.

Advirten que esta actuación converte ao concello en responsable subsidiario ante calquera dano nos electrodomésticos ou prexuízos aos negocios.

O Grove, 12 de decembro de 2019. Esquerda Unida mostra o seu malestar coa xestión que o goberno municipal está a realizar nas obras da rúa Alexandre Bóveda e os cortes no subministro de auga potable desta semana.

Os esquerdistas entenden os inconvenientes e problemáticas que se suceden como consecuencia das obras, pero consideran que a falta de información e sobre aviso polos cortes que esta semana deixou por sorpresa en tres ocasións a numerosas vivendas sen servizo de auga durante longas horas do día "son a mostra da incompetencia do grupo de goberno". O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, non concibe que "ante uns cortes programados, pois déronse durante tres días seguidos nas mesmas horas, non foran postos en coñecemento da veciñanza, para que esta se puidese organizar nos seus fogares e negocios".

Otero advirte que esta incompetencia pode ocasionar graves prexuízos á veciñanza e supor un desembolso económico para o concello, pois entende que o ente municipal “será responsable subsidiario ante posibles danos nos electrodomésticos, caldeiras, termos... ou ante os prexuízos ocasionados aos negocios por non por en sobre aviso destes cortes de auga”.

"Antes das eleccións o Alcalde informaba nas redes sociais practicamente ao minuto de calquera corte de auga, fose programado ou ocasionado por unha avaría, agora coa maioría absoluta amarrada non dan chío", indica Otero que ironiza coas situacións que se teñen dado no anterior mandato. "Teñen posto a megafonía a percorrer o pobo para anunciar os plenos para que acudise a veciñanza co propósito de presionar á oposición, pero para avisar a estas veciñas e veciños dos cortes de auga non o consideran preciso".

É por isto que os esquerdistas pide máis rigor e seriedade ao goberno e que, calquera situación que poida crear prexuízo á veciñanza e negocios locais, sexa advertida utilizando todos os medios posibles para evitar o maior dano posible.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove


xoves, 12 de decembro de 2019

Foto denuncia EU - Solución a inundacións na rúa Cortiñas


☝️A veciñanza da Rúa das Cortiñas trasládanos o seu malestar pola falta de arquetas para a recollida de pluviais🌧.


⚠️En días de choiva, coma o de hoxe, a auga corre pola rúa e acumúlase dificultando o paso das persoas e impedindo aos residentes entrar nas súas vivendas. Unha situación que a veciñanza xa puxo en coñecemento do concello, pero que continúa sen solucións.









xoves, 5 de decembro de 2019

EU trasladou a través do Grupo Común da Esquerda as súas emendas ao Orzamento da Xunta



Os esquerdistas lamentan que a Xunta de Galicia rexeite as propostas para o noso concello. Reclamaban a administración autonómica que incluíra no Orzamento 2020 tres millóns de euros de inversión directa no concello e 13,5 millóns de inversión indirecta.

Reclamaban orzamento para un novo Centro de Saúde, para a ampliación do dique de abrigo do porto de Porto Meloxo, para o desdobre da Vía Rápida VG-4.1 e para a renovación da tubaxe que subministra a auga potable ao Grove.

O Grove, 22 de novembro de 2019.  A agrupación local de Esquerda Unida dou traslado a través do grupo parlamentario Grupo Común da Esquerda as emendas ao Orzamento da Xunta de Galicia para o 2020 referentes ao Grove.

En total foron catro ás peticións realizadas polos esquerdistas, das cales dúas eran de inversión directa no propio concello e as outras dúas, a pesar de non ser no entorno grovense, si repercutían de forma indirecta na localidade.

A agrupación que lidera José Antonio Otero quería “que a Xunta de Galicia dera un paso adiante e se comprometa dunha vez por todas co noso concello, pois levamos anos sen contar con inversións importantes”. E por iso que decidiron canalizar as súas peticións a través dos seus representantes no Parlamento de Galicia.

A primeira das peticións ía directamente á Consellería de Sanidade á cal lle pedían que contemplase entre 1,5 e 2 millóns de euros, nas súas partidas, para o proxecto e construción dun novo Centro de Saúde, unha das maiores demandas do Grove que volveu reivindicarse con forza nas últimas protestas celebradas diante do actual Centro de Saúde durante o mes de abril. Os esquerdistas son conscientes que un dos problemas que se atoparían á hora de presentar esta solicitude é a da falta dun terreo para albergar esta construción, pero entendían que si prosperaba, sería o concello o que se vira no compromiso de poñer este a disposición do ente autonómico, e para elo o goberno municipal tería por diante un ano. “Deste xeito, a construción retrasarase, pois teremos que agardar como mínimo ata os orzamentos da Xunta do 2021” indica José Antonio Otero.

A ampliación do dique de abrigo do porto de Porto Meloxo é outra das peticións de inversión directa que Esquerda Unida reclamaba á Xunta. Desta volta a Portos de Galicia, pois entenden que son os encargados de poñer en marcha dita obra. En referencia a isto, José Antonio Otero “considera unha burla que os orzamentos en vigor reflictan preto de 1,2 millóns de euros para investir en Porto Meloxo en tres anos, contemplando 50.000 para a primeira fase –2019– dos cales non se gastou un só euro e no Orzamento 2020 se eliminase toda a partida e tan só se propuxeran 30.000 €”. Os esquerdistas recordan que o proxecto leva paralizado varios anos por mor dunha emenda da Confraría de Pescadores grovense ao ver perigar os bancos marisqueiros máis próximos ao eliminarse as correntes da zona. Neste senso, José Antonio Otero recorda que “aprobamos recentemente unha moción na que solicitabamos desatascar esta situación procurando que Portos estudase unha medida para que o dique de abrigo permitise o paso de correntes que non afectase aos bancos marisqueiros”. E por iso que Esquerda Unida quería que se contemplaran eses preto de 1,2 millóns de euros no Orzamento 2020.

Xa nas inversións indirectas, pois a pesar de non realizarse directamente no concello –son obras fora do municipio– supoñen unha repercusión positiva no Grove, os esquerdistas pedían como primeira medida que se realizase o desdobre da Vía Rápida do Salnés (VG-4.1), no tramo que vai dende a Lanzada ata o enlace coa Autovía en Sanxenxo. Unha demanda que se ven realizando dende que no 2006 comezaran as obras de desdobre do tramo entre Curro (Barro) e Sanxenxo e que aflora cada ano durante a época estival cando se producen diariamente atascos quilométricos.

Esquerda Unida solicitaba que se contemplasen como mínimo os 12 millóns de euros que no 2010 prevía a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que se procurase unha solución para non prexudicar medioambientalmente a zona.

Por último os esquerdistas enfocaron a súa cuarta petición directamente sobre Augas de Galicia, pois consideran que teñen que acometer “dunha vez por todas” a substitución da tubaxe que subministra a auga potable ao concello grovense. Segundo Esquerda Unida, O Grove recibe a auga da planta instalada en Vilanova de Arousa a través dunha tubaxe, instalada a finais dos 80, que tras chegar a Vilalonga (Sanxenxo) sotérrase baixo o mar ata o municipio grovense. José Antonio Otero recorda que “En xullo do 2018, Augas de Galicia recoñecía o mal estado da tubaxe e as consecuencias nefastas que suporía para o noso concello unha rotura da mesma, e por iso comprometíase a rematar un proxecto de substitución a finais de 2018 e comezar as obras durante este ano, para elo ían contemplar no orzamento 2019 unha partida de 1,5 millóns de euros”, pero a día de hoxe “non se coñece o proxecto nin tampouco se incluíron eses cartos no orzamento do 2019 e tampouco no proxecto do 2020”, sentencia Otero.

O voceiro esquerdistas indica que a situación non pode agardar máis, “pois no presente ano a tubaxe xa rachou por dúas ocasións no tramo da Lanzada e solucionouse relativamente axiña porque sucedeu nunha zona na que as condicións permitiron que os operarios realizasen o traballo con rapidez.

Aínda que sen moitas esperanzas, Esquerda Unida agardaban que a Xunta de Galicia recapacitase e que antes de pechar os Orzamentos do 2020 contemplasen estas catro demandas, “pois son importantes para O Grove e a súa veciñanza”. Recordan que “estamos as portas dun proceso electoral autonómico e as veciñas e veciños do Grove son plenamente conscientes do abandono ao que estivo sometido o noso concello por parte da administración que dirixe Feijoo”.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

venres, 29 de novembro de 2019

Foto denuncia EU - Solución a inundacións no Camiño Rasoeiro

  
☔️Coas choivas das útlimas semanas algúns dos camiños do casco urbano atópanse totalmente anegados.



🚣‍♀️Os veciños do Camiño Rasoeiro e da Tafona tamén quixeron amosarnos a situación de abandono dun camiño moi coñecido e transitado tanto pola veciñanza como polo alumnado do CEIP Rosalía de Castro.



🗂Dende Esquerda Unida O Grove, aproveitamos o pleno desta semana para trasladarlle ao goberno en forma de rogo a urxencia de actuar neste lugar e rematar coa lamentable situación na que se atopa.






xoves, 28 de novembro de 2019

O PLENO APOIA A DEFENSA DA EDUCACIÓN PÚBLICA COMO GARANTE DO DEREITO UNIVERSAL Á EDUCACIÓN EN CONDICIÓNS DE IGUALDADE


O Pleno do Concello do Grove aprobou por maioría a moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida en defensa da Educación Pública como garante do dereito universal á educación en condicións de igualdade.

A moción, defendida polo noso voceiro, José Antonio Otero, contou con 14 votos favorables (EU-PSOE-BNG) e 3 abstencións (PP)  seguinte proposta de acordos:


Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia aos seguintes puntos:

  1. Que se garantan prazas públicas suficientes nos novos desenrolos urbanísticos, mediante a cesión de solo público para a creación e apertura de centros escolares de titularidade e xestión pública
  1. Que se revise a normativa sobre concertos educativos de modo que, namentres subsistan, estes teñan carácter estritamente subsidiario
  1. Que, nos procesos de renovación de concertos vixentes, se supriman todos aqueles que non se xustifiquen por existir prazas públicas vacantes. Estableceranse os mecanismos normativos e protocolos administrativos para que non se produza o peche de liñas de escolas públicas naquelas zonas onde simultaneamente se manteñan concertos coa ensinanza privada
  1. Que adopten as medidas oportunas para lograr unha rede única de centros públicos educativos, a través da supresión progresiva dos concertos educativos ata a súa completa desaparición, mediante a integración voluntaria e negociada dos centros privado-concertados que ocupan solo público
  1. Que, namentres se suprimen os concertos, para que en ningún caso se poida destinar solo municipal para centros escolares privados de ningún tipo. O solo público só para o ensino público
  1. Que se elimine automaticamente o concerto educativo a todos os centros que segreguen por sexo, establecendo normativas específicas para que ningún tribunal poida amparar a segregación e a desigualdade.
  1. Que se asegure como prioridade a existencia dun ensino público con recursos e de calidade en todos os ciclos e que cubra todas as necesidades dende os 0 anos.
  1. Que haxa procesos de escolarización transparentes, democráticos e que conten coa participación dos axentes sociais. Estableceranse mecanismos normativos e sistemas de inspección educativa que os apliquen dende as Direccións Provinciais, a través de comisións de escolarización centralizadas (por municipios ou distritos escolares), que organicen unha adecuada i equitativa escolarización, prestando especial atención á escolarización do alumnado con necesidades educativas específicas e de comprensión educativa, tanto nos centros públicos coma nos privados concertados, mentres existan.
  1. A eliminación do distrito único naquelas poboacións onde exista, pois aumenta as desigualdades nos sistemas educativos ó aglutinar en centros á poboación por status socioeconómico ou por criterios ideolóxicos afíns ó ideario do centro, impedindo o exercicio, en condicións de igualdade, do dereito á educación.
  1. Que, namentres se suprimen os concertos, se estableza a obrigatoriedade de solicitar en primeira opción de matriculación polo menos un centro público educativo para as familias que desexen que os seus fillos ou fillas estuden nun centro da rede sostida con financiamento público.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Constitución española, no seu artigo 27, declara o dereito universal á educación, así como o carácter obrigatorio e gratuíto da ensinanza básica (27.4), establecendo, no seu punto 5, que “os poderes públicos garanten o dereito de todas á educación, mediante unha programación xeral da ensinanza, coa participación efectiva de todos os sectores afectados e a creación de centros docentes”.

Así pois, de acordo co mandato institucional, corresponde ós poderes públicos a obriga de garantir o dereito universal á educación non só mediante á correspondente planificación da ensinanza, coa participación da comunidade educativa, se non tamén a de crear centros docentes públicos que permitan facer efectivo o mencionado dereito.

Recóllese tamén no artigo 27.1 da CE a “liberdade de ensinanza”, recoñecendo ás persoas físicas e xurídicas “a liberdade de creación de centros docentes, dentro do respecto ós principios constitucionais” (27.6). Queda así exposta a posibilidade de creación de centros privados, con arranxo a unha normativa estatal, para o recoñecemento e homologación das súas actuacións.  Pero de ningún modo se contempla na nosa Constitución, nin no dereito comparado, a obriga de financiar con fondos públicos a creación ou funcionamento de centros escolares privados, nin moito menos o pretendido “dereito a escoller centro” por parte das familias.

Como se dixo anteriormente, o texto constitucional establece que a ensinanza básica é obrigatoria e gratuíta, pero non indica que o Estado estea obrigado a outorgar a gratuidade á educación en centros privados polo simple feito de que as familias elixan un centro distinto do creado polos poderes públicos. Así o deixou asentado o Tribunal Constitucional na sentenza 86/1985, do 10 de xullo, ditada pola súa Sala Segunda: “...sendo de todo claro que o dereito á educación – á educación gratuíta na ensinanza básica- non comprende o dereito á gratuidade educativa en calquera centro privado, porque os recursos públicos non acudirán incondicionalmente, alá a onde vaian as preferencias individuais”. Queda claro pois que, para o Tribunal Constitucional, a liberdade educativa non implica en absoluto que os centros privados deban ser financiados con fondos públicos nin que o pretendido dereito a escoller centro sexa algo máis que unha mera preferencia particular.

A Educación Pública, de titularidade e xestión pública, é, e debe ser, polo tanto, garante da equidade e a cohesión social, en tanto que asegurará o exercicio do dereito universal á educación en condicións de igualdade e democracia, “sen discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social” (artigo 14 da CE)

A “liberdade de elección de centro” reclamada por determinados sectores sociais é de facto “preferencia de selección”, como mostran reiteradamente as investigacións máis recentes. Preferencia de aqueles centros que queren ter unha clientela “escollida” e que serven ás clases máis acomodadas para afastarse de alumnado inmigrante, con maiores necesidades ou de clases máis baixas, á vez que con esa selección o centro asegúrase estar en mellores postos nos rankings de centros, para seguir sendo demandado pola futura clientela “selecta”. Preferencia de selección tamén daquelas familias que non queren ver mesturados ós seus fillos e fillas cos que non son da súa mesma clase social. Buscan dese modo “contactos” sociais e compañeiras/os de aula que poidan influír en mellores resultados educativos e no futuro socio laboral dos seus fillos e fillas. O resultado é a segregación escolar.

A obriga social dos poderes públicos debe ser garantir o dereito á mellor educación posible en todos e cada un dos centros públicos, favorecendo a escolarización máis preto ó domicilio familiar do alumnado. Por elo e para elo todos os municipios e barrios deben contar con prazas públicas suficientes en centros dotados con todos os recursos necesarios para posibilitar que así sexa. Isto non só é máis xusto e equitativo, se non que preserva ante todo a función social da educación, e iso só se pode garantir con unha rede pública educativa única, que non derive recursos públicos a financiar opcións privadas.

A existencia dunha ampla rede de colexios concertados, auspiciada e impulsada por sucesivos gobernos do PSOE e do PP ó longo das tres últimas décadas, xerou unha dobre rede de centros educativos financiados con fondos públicos que, ademais de contribuír de maneira crecente á segregación escolar, dou pé a unha confusión interesada: preténdese confundir o dereito a crear centros privados co das familias a recibir axuda pública para escollelos, o que, de ningún modo, como xa se dixo, está na nosa Constitución nin no dereito comparado.

Hai que dicir ó respecto que España constitúe unha anomalía dentro do panorama europeo, dada a alta proporción de centros que, sendo de titularidade privada, reciben financiamento público a través de importantes subvencións (segundo datos do Consello Escolar do Estado, a escola concertada recibe anualmente máis de 6.300 millóns de euros). Somos o terceiro país de Europa neste tipo de centros, só por detrás de Bélxica e Malta. En todos os demais países, segundo datos da OCDE, a educación é fundamentalmente pública (89,2% en educación primaria e un 83% en secundaria na UE-28, fronte a un 67,3% en España).


A elo engádese que a educación concertada segrega: A dobre rede de centros converteuse nestes anos en garantía de desigualdade. O 82% do alumnado inmigrante, de minorías e con maiores necesidades educativas está escolarizado na escola pública, mentres que só o 18% é admitido en centros concertados, a pesares de recibir financiamento público. Con elo atopámonos ante un círculo vicioso de segregación social que de continuar, aboca a unha importante diminución da equidade e a cohesión social a través desta dobre rede educativa.

En definitiva, o sistema (que non dereito) de “elección de centro” basease na lóxica individualista da “ética do máis forte” e non na lóxica igualitaria da pluralidade e a convivencia. Así entendida, a liberdade de elección é un privilexio e non un dereito, ademais dunha estratexia para situar a educación dentro do proceso de privatización do mercado. Aínda sendo comprensible que as familias poidan ter preferencias á hora de escolarizar ós seus fillos e fillas, non se pode equiparar a manifestación dunha preferencia con un dereito fundamental, nin as preferencias particulares poden prevalecer sobre a planificación educativa ou unha escolarización equitativa. Se a educación é un ben público non pode tratarse como un negocio privado. O estado debe velar polo ben común e non fomentar un mercado educativo con rankings de colexios, onde as familias compitan para conseguir a mellor oferta, como se dun gran supermercado se tratase.

Foto denuncia EU - Mellora accesibilidade dun camiño da Carretera do Conde


🗣No pleno desta semana trasladamos en forma de rogo unha petición que nos chegou a través do correo electrónico.

🙋‍♀️🙋‍♂️Desta volta a petición é da veciñanza da Estrada do Conde, que solicitan o acondicionamento dun camiño moi transitado polos residentes da zona.

👋Agradecen que o concello faga as labores de limpeza do lugar, pero gustaríalles contar cun firme que lles facilitase o tránsito a pequenos e maiores.











xoves, 21 de novembro de 2019

Esquerda Unida O Grove súmase e chama a participar nas mobilizacións contra o Golpe de Estado en Bolivia e de apoio ao pobo boliviano


Esquerda Unida O Grove súmase e chama a participar nas mobilizacións contra o Golpe de Estado en Bolivia e de apoio ao pobo boliviano


Dende Esquerda Unida O Grove sumámonos e chamamos a participar na mobilización de apoio ao pobo boliviano, a prol da lexitimidade do partido Movimiento Al Socialismo (MAS) e do goberno lexítimo de Evo Morales como presidente que terá lugar hoxe ás 20.30 horas na praza de Galicia (Vilagarcía).

Denunciamos e condenamos o Golpe de Estado en Bolivia, reclamando o cese inmediato da violencia e a represión. Tras este golpe, están os intereses dunha dereita vinculada e dirixida pola oligarquía tradicional e grupos integristas relixiosos, que non tiveron ningún reparo en desatar unha tremenda violencia no país para lograr a dimisión de Evo Morales e impedir a continuidade da democracia.

Ante a gravidade destes acontecementos, expresamos a súa firme condena ao Golpe, así como a persecución, violencia fascista e asasinatos que están a levar a cabo os golpistas e esixe o cese inmediato da represión e da violencia. Por iso, chamamos a encher as rúas e participar na Concentración de Vilagarcía. 


Mobilización contra o Golpe de Estado:

Hora: 20.30 horas.
Data: Xoves, 21 de novembro.
Lugar: Praza de Galicia (Vilagarcía)



mércores, 20 de novembro de 2019

Esquerda Unida denuncia os sobrecustos do skate park do Corgo

Imaxe da actual reforma do Skate Park. Foto: Concello do Grove
José Antonio Otero e Ana Cristina Domínguez indican que o skate park xa supera en máis de 15.000 € o orzamento de adxudicación e que pode seguir aumentando. Queren coñecer o gasto real da obra.


O Grove, 19 de novembro de 2019.  O grupo municipal de Esquerda Unida, formado polos concelleiros José Antonio Otero e Cristina Domínguez, vén de denunciar a situación do skate park do Corgo. Nestes últimos días, a veciñanza puido comprobar como por enésima vez volve a estar en obras esta instalación lúdica inaugurada entre cables, escombros e plantas de estramonio polo alcalde José Cacabelos.

Con esta nova actuación a obra xa non ten nada que ver co proxecto que fora adxudicado en decembro do pasado ano, o que, segundo os concelleiros esquerdistas, “vén a demostrar que con ou sen maioría, este goberno do PSOE non sabe que é o que quere para O Grove: gobernan desde a improvisación.”

Esta falta de planificación denunciada por Esquerda Unida supón unha nova inxección de partidas orzamentarias a este espazo que o goberno de Cacabelos intenta agochar baixo unha imaxe de mellora de espazos públicos. Segundo declara José Antonio Otero: “Non entendemos que logo de realizar un proxecto, se executarse coas complicación que levou, agora se estea modificando a cada paso”. Os esquerdistas recordan que a obra sufriu dificultades na súa execución por problemas coa empresa adxudicataria, así como por modificacións propostas coa obra iniciada, o que retrasou a súa inauguración. Unha inauguración que tamén consideran se fixo “ás presas, xa que o espazo estaba sen rematar e foron visibles os cables e tubos aflorando polos xardíns durante varios meses”, cuestión que xa denunciaron os esquerdistas nas redes sociais.

Así mesmo, Otero e Domínguez recordan que a obra foi adxudicada en decembro de 2018 a Degalle Construcións S.A logo dunha oferta económica de 57.109,34 € que incluía como melloras a xardinería e rego, así como a iluminación. Desde Esquerda Unida, en base ao que recollen as actas de xunta de goberno, aseguran que a empresa chegou a cobrar 1.710,65 € a maiores do ofertado (cadro 1), sen ter realizado as melloras prometidas, pois a iluminación foi contratada a maiores en xullo deste ano por 3.555,95 € (Digamel) e o rego e axardinado en setembro a Bata por 9.990 € o que, a falta de coñecer o orzamento da actual reforma exterior, o Skate Park xa suma un total de 72.365,94 €, máis de 15.000 € por riba do orzamento inicial.


Esquerda Unida solicitou por rexistro que se lles indicase o custo da actual obra, aínda que son conscientes de que terán que agardar a recibir a acta da xunta de goberno correspondente, pois xa teñen solicitado esta mesma información no verán e non se lles facilitou. A maiores Otero e Domínguez solicitaron tamén o proxecto da reforma e información sobre a adxudicación da mesma.

Os edís de Esquerda Unida pídenlle ao Alcalde que “deixe de enganar as veciñas e veciños vendendo melloras cando a realidade é que están solucionando as obras mal feitas por precipitados”.


ADXUDICACIÓN
17-12-18
Adxudicar o contrato de obras de “Construción dun parque de Skateboard, BMX e Roller Vert Wall na Avda. de Beiramar" á empresa DEGALLE CONSTRUCCIONES, S.A. (CIF: A94140977) por un importe de adxudicación de 47.123,42 € sen IVE e de 57.019,34 € con IVE, coas melloras estipuladas na súa oferta, consistentes en xardinería e rego, e iluminación, segundo constan nos pregos de condicións aprobados
     57.019’34 €
PAGOS DA OBRA
23-04-19
Expediente 2068/2018. APROBACIÓN FACTURA E CERCIFICACIÓN Nº 1
      28.728’24 €
19-08-19
Expediente 2068/2018. APROBACIÓN FACTURA E CERTIFICACIÓN Nº 2
  20.614’76 €
09-09-19
Expediente 2068/2018. PROPOSTA APROBACIÓN CERTIFICACIÓN Nº 3 E FINAL E FACTURA 
    9.386’99 €
PAGOS REALIZADOS POLA OBRA

INCREMENTO PAGADO Á EMPRESA SOBRE ADXUDICACIÓN
    58.729’99 €
 -  57.019’34 €
   = 1.710’65 €
OBRAS A MAIORES
08-07-19
Expediente 943/2019. Contratacións Subministración de columnas e proxectores para iluminación da pista de skate. (Digamel)
    3.555’95 €
02-09-19
Expediente 1553/2019. Contrato menor de obras instalación de rego e axardiñado do entorno da pista de skateboard na Praza do Corgo
    9.999’00 €
??-??-10
Expediente XXX/2019. ????
??????? €
TOTAL OBRAS A MAIORES

SOBRECOSTE DA OBRA SOBRE A ADXUDICACIÓN
 13.554’95 €
+  1.710’65 €
=15.265’60 €



Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove