mércores, 29 de abril de 2015

Esquerda Unida entrega por rexistro mil sinaturas contra o Cicri

Juan Lamelas fixo entrega esta mañá, acompañado de varios membros da candidatura, das mil sinaturas que Esquerda Unida leva recollidas contra o Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira e o Plan Especial do Porto do Grove e a Toxa. Ademais, o concelleiro esquerdista solicitou a retirada do punto da orde do día no que se pretende aprobar a obra do Cicri.

Esquerda Unida denuncia que a documentación do expediente que se debatirá no pleno foi completada no día de hoxe (mércores), polo que non consta no informe xurídico nin no económico a valoración completa do expediente. Denuncian ademais, que o que pretende facer o Tripartito é unha cafetería valorada en 900.000 €, que é para o único que teñen cartos.

NOTA DE PRENSA
O Grove, 29 de abril de 2014. No día de hoxe Esquerda Unida presentou no rexistro do Concello as mil e unha (1.001) sinaturas que leva recollidas de momento en contra da construción do Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira na praza do Corgo.

O grupo político representado na corporación por Juan Lamelas presentou as sinaturas solicitando a retirada da orde do día do pleno de mañá do punto no que se debatirá o inicio dos trámites para a construción do CICRI en zona portuaria, ás que se engadirán as sinaturas que se continúen recollendo para a presentación dunha iniciativa cidadá para debatir as necesidades de inversión que ten o concello e as prioridades que se debe marcar o goberno municipal.

Denuncian tamén as formas coas que o goberno tripartito municipal está a realizar os trámites, pois a documentación do expediente que se debatirá no pleno foi aínda completada no día de hoxe, non constando polo tanto no informe xurídico nen no económico a valoración completa do expediente. Sinala Lamelas que "os informes técnicos realizados pola secretaría e intervención municipais son negativos" e dubidan da viabilidade legal do proxecto. "En todo o expediente non aparece a palabra auditorio por ningures, pois saben que Portos de Galicia non cederá os terreos para ese fin ao non ter relación cos usos portuarios definidos no Plan aprobado por eles mesmos".

Esquerda Unida califica a obra como unha desfeita para o Concello, pois segundo eles "o Concello non conta con financiación, nen propia nen en forma de subvención, para custear o total da inversión" e sinalan ademais que O Grove ten outras necesidades prioritarias como un centro de día para o que si existe financiación municipal, un novo centro de saúde ou melloras nos diferentes centros educativos.

"Pretenden construir unha cafetería de 900.000 € en solo portuario e actualmente zona verde con cartos públicos, porque é para o único que teñen cartos".

Segundo os esquerdistas isto é o que será realmente o CICRI, unha cafetería, pois a primeira fase da obra e única que conta con financiación é a cafetería.

Cabe recordar tamén que o tripartito, se se aproba en pleno o proxecto, destinará partidas normalmente destinadas aos diferentes barrios do Grove á construción do CICRI.


Recordan desde Esquerda Unida que continúan coa campaña de recollida de sinaturas.

domingo, 26 de abril de 2015

Esquerda Unida, BNG e PSdG-PSOE tachan de estrataxema idigna a hora do pleno

Os tres partidos da oposición consideran que a hora da celebración do pleno atende a un ocultismo por parte do goberno tripartito que intente, entre outras cousas, aprobar o expediente de contratación do CICRI sen que os veciños poidan mostrar o seu rexeitamento.
Asi mesmo, entenden como indecente que no derradeiro pleno do mandato, o tripartito pretenda hipotecar á futura corporación e as arcas municipais con unha obra de 2,5 millóns de euros, chamada a ser "o pequeno gaiás" de Miguel A. Pérez e Rafael Louzán,  cando o Grove segue sen centro de día e un novo centro de saude.
NOTA DE PRENSA ÍNTEGRA
O Grove, 25 de abril de 2015. Esquerda Unida (EU), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista Obreiro Español (PSdG-PSOE) denuncian o intento de ocultismo por parte do goberno tripartito e en particular polo alcalde Miguel Ángel Pérez, ao convocar novamente unha sesión plenaria ás nove da mañá. Un pleno onde, entre outros asuntos, se debaterá e previsiblemente se aprobará por parte do goberno do Partido Popular, Partido Galeguista Demócrata e Alternativa Meca a apertura do expediente de contratación para a obra do “Centro de Interpretación, Desenvolvemento e Divulgación da Carpintería de Riberia (Cicri)”.
Os tres partidos que forman parte da oposición consideran que, tras as mobilizacións contra o PXOM e a asistencia masiva nos últimos plenos do concello, este novo horario atende a unha estrataxema indigna por parte do goberno tripartito, que pretende evitar a asistencia da cidadanía ao pleno e que esta mostre o seu rotundo rexeitamento a esta aberración urbanística.
Ademais, EU, BNG e PSdG-PSOE cren indecente que sexa no derradeiro pleno do mandato cando unha obra valorada en máis de dous millóns e medio de euros poida ser aprobada, hipotecando así á nova corporación que sairá nas urnas en pouco menos dun mes. Namentres o centro de día e o centro de saúde seguen sendo unha ilusión no concello, o goberno pretende aprobar unha obra que está chamada a ser “o pequeno Gaiás” de Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán. Unha obra inútil que non demandan os veciños e veciñas e que hipotecará as arcas do concello de O Grove.

Juán Lamelas Alfonso.
Voceiro de EU no concello Grove

Heládio Outeiro Padim
Voceiro do BNG no Grove

José Antonio Cacabelos Rico

Voceiro do PSdG-PSOE no Grove

mércores, 22 de abril de 2015

Esquerda Unida continúa coa campaña de recollida de sinaturas en contra do CICRI

Esquerda Unida intensifica a campaña en contra do CICRI e a reforma portuaria ampliando os establecementos nos que os veciños poden asinar. Tamén se pode descargar o documento dende a web www.euogrove.es ou recoller na copistería Copyman. O venres volverán ao mercado municipal.

Nunha semana, máis de 500 veciños mostraron a súa oposición a unha obra que pretenden vender como auditorio, pero que non deixa de ser unha sala multiusos. Os esquerdistas solicitarán a retirada dos puntos que traten sobre o CICRI da orde do día do último pleno do mandato.



Cando aínda non transcorreu unha semana dende o comezo da campaña de recollida de sinaturas en contra da construción do Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) e do Plan Especial do Porto do Grove e A Toxa, Esquerda Unida xa contabiliza máis de 400 sinaturas na rúa e máis dun centenar no portal Change.org.

A campaña seguirá aberta e a agrupación esquerdista amplía e seguirá ampliando os locais nos que os veciños e veciñas poderán mostrar a súa oposición a unha obra que non soluciona os problemas reais e que non deixa de ser unha sala con cadeiras de plástico, a imaxe da que existe na Casa da Cultura, a pesar de que este goberno o vende a “bombo e platillo” como un Auditorio.

Esquerda Unida anima a todos os veciños a mostrar o seu rexeitamento asinando as follas que poderán atopar nos máis de 30 establecementos da localidade. Ademais, os veciños que así o desexen, poden descargar o documento da páxina web www.euogrove.es ou recoller unha copia na copistería Copyman. Cando a teñan completa poden entregala no local de Esquerda Unida (Rúa Luís Casais, 1. 2º esquerda) os lúns a partir das 19 horas. Por outro lado, os membros da candidatura de Esquerda Unida-Son volverán achegarse o venres ao mercado municipal para recoller sinaturas e explicar a postura da agrupación sobre o CICRI.

Aínda que os puntos da orde do día do derradeiro pleno non están concretados, todo indica que o goberno tripartito levará a esta derradeira sesión do mandato os tramites precisos para deixar encamiñada a construción do CICRI en terreo portuario antes das eleccións. É por iso que Xan Lamelas solicitará a retirada da orde do día de todos os puntos que traten sobre este asunto, deixando o debate para a corporación que resulte electa tras o proceso electoral do vindeiro 24 de maio.


martes, 21 de abril de 2015

EU-Son presenta unha candidatura comprometida e decidida a traballar polo Grove

Esquerda Unida-Son presenta unha candidatura con xente nova, ambiciosa, preparada, comprometida e decidida a traballar en prol dos intereses veciñais.


O Grove, 20-04-2015.- Tras dar a coñecer aos cinco primeiros membros da candidatura hai unhas semanas, Esquerda Unida O Grove presenta a lista completa coa que concorrerán as vindeiras eleccións locais do 24 de maio baixo o nome de ESQUERDA UNIDA-SON.

Neste novo proceso electoral Esquerda Unida apostou por unha candidatura renovada, integrada por nove mulleres e na que a metade dos integrantes son independentes, aínda que ligados dunha ou outra maneira á organización esquerdista. Unha lista que conta con moita xuventude, o 75% da mesma non superar os 40 anos, ambiciosa, ilusionada, preparada, comprometida e decidida a traballar en prol dos veciños e veciñas do Grove. Unha mestura de xuventude e veteranía, con experiencia en diferentes eidos como o turismo, cultura, xuventude, educación, sanidade, deporte, emprego, medio ambiente...

Unha aposta forte por acadar o maior número de apoios para lograr gobernar, no que a premisa non sexan promesas de obras inservibles e innecesarias nestes tempos de crise, apostando por demandas reais dos veciños (centro de día, novo centro de saúde e arranxo dos centros educativos), servizos primordiais e para o que nalgún dos casos o concello xa conta con partida orzamentaria. Poñer fin ao clientelismo e o caciquismo destes catro anos de  goberno tripartito, no que as contratacións a dedo estiveron ao orde do día; rematar co abandono continuo ao que teñen sometido a diferentes barrios e rúa, aos que lles dan solucións só en época electoral; abrir o concello aos veciños e veciñas a través da participación e a transparencia son as pautas primordiais deste grupo que encabeza Juan Lamelas Alfonso. A candidatura foi configurada acorde ao decidido na última asemblea, na que se presentou aos cinco primeiros candidatos, onde se apostaba pola xuventude, reservando os postos de suplencia para os veteranos. Uns postos que encabeza o anterior candidato José Antonio Taboada Magdalena ao que a agrupación lle agradece o compromiso co partido dende sempre.
  
CANDIDATURA ESQUERDA UNIDA-SON

sábado, 4 de abril de 2015

EU denuncia a pre campaña electoral do PP agasallando a veciños co libro “O Grove foron outros tempos”

A desesperación do Partido Popular do Grove e en particular a de Miguel Ángel Pérez por evitar a perda de votantes, tras catro anos de clientelismo e inactividade, que rematou cun desastroso PXOM, parece non ter límites. Logo de colgar carteis anunciando obras sen adxudicación e financiamento, un sen fin de actividades programadas para as semanas previas a campaña electoral e o desembolso de cartos dende a Deputación para parchear rúas, agora o Sr. Pérez dedícase a utilizar a institución e ao persoal municipal para emular os tempos do “Masa” á hora de gañar votos.

Do arroz e aceite aos libros.
Si naquelas épocas, Alfredo Bea Gondar enchía as urnas con votos comprados con aceite e arroz, Miguel Ángel Pérez dedícase a recuperar esa vella arte de facer política enviando libros aos veciños.

Tarxeta personalizada do Sr. Alcalde entregada aos veciños
que recibiron o libro
A agrupación local de Esquerda Unida fai esta denuncia publica tras ter constancia de que diferentes veciños e veciñas do Grove recibiron, nos últimos días, o libro "O Grove foron outros tempos" editado no 2009 por Teófilo Edicións e a Deputación de Pontevedra, acompañado dunha tarxeta personalizada de puño e letra polo Sr. Alcalde, na que expresa a súa confianza por que o libro sexa do agrado do beneficiario. Todo elo entregado en man por un policía municipal que en acto de servizo percorre as vivendas dos veciños para entregar este peculiar “agasallo”. Unha mostra máis do “barriobaixeira” que pode chegar a ser a dereita con tal de non perder o mando.



Aida butterfly
Non só Miguel A. Perez utiliza a institución para o fins electorais. A Sr. Aida Filgueira aprendeu moito nestes catro anos e, nestas semanas, está a despilfarrar as partidas orzamentarias da súa asignación en numerosas actividades, nunca antes vistas. Entre elas unha exposición de bolboretas na que a concellería de Participación Cidadá inverte preto de 3.000 €.

Foto Todogrove.com
Tampouco o Sr. Alfredo Bea se queda corto na súa particular pre campaña electoral. Nos últimos días asistimos a presentación dunha campaña na que agasallará con diferentes materiais aos veciños e veciñas que participen nas actividades deportivas organizadas pola concellería de Deportes. Tamén ollamos como chega a tempo coa creación do parque canino de agility logo de que en abril de 2013 se aprobara unha moción de Esquerda Unida na que se solicitaba a súa creación.

Unha bochornosa carreira electoral na que o tripartito utiliza os fondos públicos co propósito de que o desgaste do PXOM non provoque unha escorrentada de votantes que os deixe sen a rede clientelar fraguada nestes catro anos.


Asemblea de Esquerda Unida O Grove