martes, 30 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Estado do acceso ao centro de saúde


🚧A veciñanza trasládanos a súa preocupación polo estado do acceso ao centro de saúde.

🏥Subir andando ao centro de saúde sempre foi unha proba de fondo. Pero dende hai unhas semanas converteuse tamén nunha carreira de obstáculos, dificultando a subida aos máis maiores e ás persoas con dificultades para camiñar.

domingo, 28 de xullo de 2019

Esquerda Unida mostra a súa preocupación pola falta de compromiso do goberno municipal coa problemática da violencia machista




Os esquerdistas critican que non se reunira aínda o Consello Local de Igualdade e que no noso concello non se convocase ningunha concentración de rexeite ao asasinato machista de Vilalba (Lugo).

Tamén se mostras críticos ante o anuncio da posta en marcha dun punto morado con persoal cualificado durante as festas do Carme cando “a realidade é que se reduciu a unha mesa informativa con monitores que non recibiron ningún tipo de formación en igualdade”.

O Grove, 27 de xullo de 2019.- Os acontecementos do último mes en relación a violencia machista deixa con seria preocupación ao colectivo local de Esquerda Unida, que critica que dende a conformación do “goberno continuísta do PSOE aínda non se teña convocado ningún consello Local da Igualdade, máxime cando houbo dúas convocatorias estatais de concentracións de rexeite ante actos de violencia machista e a organización dun punto morado durante as Festas do Carme”.

Os esquerdistas indican que “o pasado 8 de xullo convocouse unha concentración en todos os concellos de España como mostra de apoio á vítima da Jauría (a manada de Manresa). Namentres a maioría dos concellos a realizaban ás oito ou nove da tarde, no Grove convocábase para as seis, avisando con menos de seis horas de antelación, unicamente a través das redes sociais e sen informar ás representantes do Consello Local da Igualdade, conseguindo que a afluencia de participantes fose a máis escasa ata o momento”.

“Esta semana, asistimos a un novo caso de asasinato machista, esta vez en Vilalba (Lugo), e tamén se realizaron convocatorias de concentración de rexeite na maioría dos pobos de Galiza, pero no Grove non se fixo nada, polo que nos parece preocupante” sentencian dende Esquerda Unida que tamén consideran que “cando menos no anterior mandato, existía un maior compromiso e contábase con todos os colectivos implicados no CLI”.

Esquerda Unida tamén tacha de “ineptitude e falta de respecto” a actitude do goberno no referente aos puntos morados, pois consideran que se “burlaron” do seu grupo municipal e das veciñas do Grove, ao anunciar un punto morado con persoal cualificado, a raíz da súa solicitude, cando logo “o que realmente puxeron foi unha simple mesa con monitores repartindo folletos e sen ningún tipo de coñecemento dos protocolos a seguir ante un caso de violencia machista”.

Namentres en concellos como Cambados, onde por segundo ano se instalará un punto morado durante a Festa do Albariño, é primordial realizar un curso de 4 horas sobre igualdade para participar como voluntaria no punto morado, Esquerda Unida indica que no Grove “enviouse a monitores do campamento de verán sen ningún tipo de preparación relacionada coa violencia machista e o peor de todo é que anunciaron, tanto dende o concello como da deputación, que o punto grovense contaría con persoal cualificado tal e como se establece”. “A realidade é que non houbo tal persoal” indican os esquerdistas que á vez preguntan “Que pasaría se se dese un caso de violencia machista durante as Festas do Carme e a persoa acudise a esta mesa pensando que podería ser atendida?”.

Esquerda Unida recorda que a propia subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, instaba o ano pasado a todos os concellos á instalación de puntos morados en todas as festas e eventos con afluencia e a propia Deputación de Pontevedra establece que estes puntos deben contar como mínimo con Técnicos/as de Igualdade amais de persoal con un mínimo de preparación.

Para a agrupación esquerdista “isto demostra que o goberno local, e a concellería de igualdade en concreto, actuaron a salto de mata, e instalaron unha mesa informativa dicindo que era un punto morado regulado para cumprir co expediente logo de que o noso grupo municipal instase á súa posta en marcha tal e como manda a moción aprobada en maio do 2018”.

Por ese motivo, o grupo esquerdista pide responsabilidade ao concello e á concellería de igualdade e que cumpran co seu traballo para loitar contra a lacra do machismo, que o fagan contando coas persoas que forman parte do Consello Local da Igualdade, do Centro de Información á Muller e cos grupos municipais, “pois só entre todas lograremos avanzar”.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

venres, 26 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque de Terra de Porto rotos


⚠️Os parques do Grove necesitan mantemento urxente 👩‍🔧🔧.

🚨Este é o estado no que se atopa o parque de Terra de Porto😳

O 5 de xullo adicamos un #fotodenuncia ao parque da Praza do Corgo, que non se arranxou e continúa empeorando o seu estado😤👎

xoves, 18 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Maleza no barrio de Meloxo


🚨Hoxe no #fotodenuncia é a quenda do barrio de Meloxo! Os veciños e veciñas insinten nunha situación realmente preocupante polo estado de abandono no que se atopa este barrio do Grove.

🕵️‍♀️A petición de Esquerda Unida O Grove, fixéronse obras de asfaltado no ano 2016, pero semella que dende o concello nunca máis se preocuparon do estado das rúas nin das necesidades da veciñanza.

Foto denuncia EU - Maleza na rúa de Hortos (Solucionado)


👌Lugar de Hortos xa se ve moito mellor despois de que se limpasen as beirarrúas da zona como reclamaba a veciñanza.

Agora solo queda que a Concellería de Medio Ambiente faga efectivas as duras medidas, que anunciou en prensa a principios de xullo, ante os vertidos indiscriminados de basura.

👉 ver fotodenuncia

mércores, 17 de xullo de 2019

Esquerda Unida acusa de irresponsable ao executivo de Cacabelos no caso da EDAR



A agrupación de esquerdas ve unha clara neglixencia por parte do goberno local ao negarse a facerse cargo da xestión da EDAR situada en Laxe de Rons. Consideran esta decisión unha falta de planificación organizativa e económica.

Dende Esquerda Unida recordan, que a xestión lle corresponde ao goberno municipal, ao igual que está xestionando a EDAR de San Vicente.

O Grove, 16 de xullo de 2019.- O pasado mes de xuño coñecíase, que ante a desatención por parte do Concello do Grove, o ente público autonómico Augas de Galicia facíase cargo da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), situada na Laxe de Rons, por risco de contaminación da Ría de Arousa ante a desatención por parte do Concello do Grove. O goberno municipal, que se nega a facerse cargo da xestión da depuradora, alega deficiencias nas instalacións así como discrepancias no cobro do canon de depuración de augas. Sen embargo, para Esquerda Unida o que se agocha detrás de este conflito é a falta de planificación do servizo por parte do executivo socialista, tanto no organizativo como no económico. Un conflito que aparentemente se estenderá no tempo, pois acabamos de coñecer a prórroga por un ano por parte da Xunta de Galicia na xestión da EDAR grovense, con un custo para as arcas municipais e por conseguinte para os petos da veciñanza, de preto de medio millón de euros.

Esquerda Unida, que dende o ano 2007 defendeu sempre a xestión municipal da EDAR –logo de que por aquel entón o seu concelleiro, Juan Lamelas, solicitara a realización dun informe que determinara a localización máis apta para a estación depuradora–, considera a postura do goberno municipal “totalmente irresponsable”. Segundo os esquerdistas a actitude de inacción do goberno presidido por Cacabelos ante as discrepancias alegadas é “claramente neglixente”. “Se fosen certas as eivas que argumenta o goberno local, deberían traballar para solucionalas e acoller a depuradora, tal e como está aprobado en pleno. Desatender por completo o asunto é unha irresponsabilidade máxima”, indican.

Desde o grupo que lidera José Antonio Otero, recórdanlle a Cacabelos que foi el mesmo quen sendo alcalde presentou a pleno un 26 de decembro de 2007 unha proposta de acordo que incluía o Compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, e de efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución. Unha proposta aprobada pola maioría do pleno cos votos favorables de PSOE, BNG, EU e PG. Tamén lle fan coñecedor ao alcalde que o tratamento das augas residuais é unha competencia propia municipal segundo o artigo 25.2.c) da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local que establece as competencias dos municipios. Así mesmo, dende as filas esquerdistas recórdanlle ao goberno municipal que xa están xestionando dende 1999 a EDAR de San Vicente, polo que non entenden a “teima que ten Cacabelos con que a xestión da EDAR de Laxe de Rons debe ser realizada por Augas de Galicia”.

Por último, en Esquerda Unida consideran a postura do PSOE nesta polémica como “hipócrita”. Para os esquerdistas, non se entende que os membros do PSOE “no pleno de investidura faga alusións ao seu traballo e compromiso co Medio Ambiente e á vez desatendan o tratamento das augas residuais do Grove posibilitando o vertido de augas sen tratar á Ría de Arousa”.
  
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

xoves, 11 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Maleza na rúa de Hortos


📸⚠️Esta vez as fotografías son da Rúa Hortos onde a vexetación ten unha altura considerable e a beirarrúa pasa a converterse en vertedoiro improvisado😳

Esquerda Unida pregunta en que condición asistiu a exconcelleira de Turismo á presentación da Festa do Marisco en Holanda e quen pagou a súa viaxe



José Antonio Otero e Cristina Domínguez queren coñecer o motivo polo que a exconcelleira acudiu a Amsterdam representando ao Concello cando xa non está vinculada ao goberno local.

Solicitan información relativa aos gastos da viaxe a terras holandesas e preguntan se o goberno ten contemplado contratar a exconcelleira como asesora.

O Grove, 09 de xullo de 2019.- O pasado xoves, unha comitiva grovense acudiu a Amsterdam (Holanda), para realizar a presentación internacional da Festa do Marisco. Ademais do Alcalde e o persoal que sempre o acompaña neste tipo de actos, este ano tamén formou parte da comitiva a que, ata o pasado mes de xuño, foi a concelleira de Turismo do Grove. Unha circunstancia que en Esquerda Unida consideran incomprensible e máis aínda cando o Alcalde anunciou nos medios de comunicación que asistía como representante do Concello.

Así, os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero e Cristina Domínguez, queren coñecer o motivo polo que a exconcelleira acompañou ao Alcalde á Amsterdam e quen sufragou os gastos da súa viaxe, máxime cando non ten ningunha vinculación co Concello. Se se confirma que foi o concello quen correu cos gastos desa viaxe, os esquerdistas pedirán responsabilidades pois, entenden que se estaría pagando a viaxe dunha persoa vinculada unicamente ao PSOE con cartos públicos.

Para Otero e Domínguez que a exconcelleira fose a encargada de preparar a presentación antes de abandonar o seu cargo, non é motivo para que acompañe ao Alcalde a Amsterdam e que este a presente como representante do municipio e menos que lle paguen a viaxe con cartos das arcas municipais. Por iso os edís esquerdistas consideran isto como unha mostra do despotismo que ten este goberno de maioría e non entenden que con dez concelleiros/as, o Alcalde teña que recorrer a unha exconcelleira para poder levar a cabo a presentación da Festa do Marisco fora do estado, salvo que contemple outorgarlle un cargo no goberno municipal como asesora.  

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

martes, 9 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Maleza nas beirarrúas da estrada do Sieiro-Campos


☝️Este é o estado das beirarrúas no Lugar de Campos.

📸  A maleza invade o espazo destinado aos peóns. A veciñanza desta zona, cansada desta situación, decidiu enviarnos estas fotografías.

Foto denuncia EU - Maleza nos arredores do parque infantil da Casa da Cultura de San Vicente


Seguimos coa campaña de limpeza!!! 

📸Estas fotografías fáinolas chegar unha veciña de San Vicente descontenta co estado no que se atopan o parque e os arredores da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder.

domingo, 7 de xullo de 2019

Esquerda Unida insta ao concello a activar o “punto morado” durante as Festas do Carme

Punto Morado instalado no pavillón durante o Festival de Comparsas 2019.
Foto CIM O Grove
A concelleira de Esquerda Unida e responsable da área de Muller preguntou por rexistro se o Concello vai poñer en marcha o “punto morado” durante a Festa do Carme.

Os esquerdistas instan a cumprir a moción aprobada en maio do 2018 e poñer durante as festas un punto de información contra a violencia machista con persoal cualificado.

O Grove, 08 de xullo de 2019.- A menos dunha semana de que dea comezo a Festa do Carme, Esquerda Unida non ten constancia se a concellería de Igualdade ten previsto poñer en marcha o “Punto Morado”. Un servizo de información sobre a igualdade entre mulleres e homes e atención para posibles casos de violencia de xénero.

Por ese motivo, a concelleira de Esquerda Unida e responsable da área de Muller, Cristina Domínguez, preguntou por rexistro o pasado xoves si o Concello contempla a instalación dese punto para as festas do Carme e en caso contrario insta a facelo en base a moción aprobada en maio do 2018.

E é que en maio do ano pasado, os esquerdistas elevaron a pleno unha moción na que se pedía, entre outras medidas, a creación de “Espazos Seguros” para as mulleres durante os espectáculos masivos, elaborando un protocolo en colaboración con Consello Local da Igualdade e o Centro de Información á Muller.

Cristina Domínguez recorda que xa nas festas do ano pasado non foi activado ese “espazo seguro” ou “Punto Morado”, a pesar de estar aprobada a moción e que na Festa do Marisco do 2018, logo de ter anunciado a súa posta en marcha, o “Punto Morado” reduciuse a unhas simples mesas con varios dípticos, pero sen persoal que informara. É por iso que Esquerda Unida pide a súa posta en marcha para esta edición das Festas do Carme do mesmo modo que funcionou, trala insistencia do seu Grupo Municipal, no pasado Entroido pero reclama que a partir de agora, aparte das persoas que forman parte do CLI tamén se inclúa persoal cualificado e preparado para informar e atender posibles casos de violencia machista.

Punto Morado instalado na rúa Castelao durante o desfile de disfraces 2019. 
Foto CIM O Grove
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

sábado, 6 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Maleza na beirarrúa da rúa do Conde


📌 Continúan chegando, ás redes sociais de Esquerda Unida, fotos dos veciños solicitando a intervención dos servizos de limpeza. 

📸Esta fotografía fíxose na Rúa do Conde, a maleza case cubre toda a superficie de paso dos viandantes.

Foto denuncia EU - Maleza no acceso ao colexio Valle-Inclán (solucionado)


☝️ Esta semana trasladábamos ao concello unha queixa dos veciños molestos coa maleza nos arredores do colexio Valle Inclán

👌 Hoxe puidemos verificar que a queixa foi escoitada.


venres, 5 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque infantil do Corgo rotos


📷 Unha usuaria do parque infantil do Corgo achéganos estas imaxes onde se pode ollar que un dos seus elementos de xogo está roto. Entre unha imaxe e outra hai 15 días de diferenza, o que demostra que dende o concello non están a solucionar o problema, nin se toman as precaucións precisas para evitar incidentes.

👨‍🔧 Dende Esquerda Unida temos insistido na necesidade dun plan de mantemento continuo nos parques infantís, que procuren repoñer e/ou arranxar os elementos de xogo que se atopen deteriorados ou rotos. Por ese motivo, instamos á concellería delegada para que solucione o problema do parque Infantil do Corgo e, ante o aumento do uso dos parques nestas épocas, se faga unha revisión continua de todos os do Concello.

mércores, 3 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Maleza no acceso ao colexio Valle-Inclán


⚠️ Este é o estado no que se atopa o acceso ao colexio Valle-Inclán por onde, estes meses de xullo e agosto, transitarán cada día numerosos rapaces e rapazas para dirixirse ao Campamento de Verán do Concello do Grove que se desenrola no centro educativo. 

👨‍👨‍👧‍👦Varios pais e nais transmitíronnos as súas queixas sobre esta situación e dende Esquerda Unida xa o puxemos en coñecemento do concelleiro delegado para que se solucione o máis axiña posible.