Tras o
anuncio do traslado do servizo de Vellos Tempos ás Monxas, piden converter o
edificio nunha Casa da Mocidade, destinada ao ocio, formación e creatividade da
xente nova. Destacan a necesidade de adaptar o espazo para actividades
socio-culturais e formativas, involucrando á mocidade na transformación e
asegurando que as súas necesidades sexan atendidas.
Lembran que
existe un acordo plenario de 2017 e advirten que a esixencia non é simplemente
unha petición, senón un requisito para futuras negociacións co goberno local,
sinalando a importancia do compromiso activo co futuro da mocidade no concello.
O Grove, 8
de marzo de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno
municipal un cambio significativo nos plans para a antiga Escola Infantil do
Monte da Vila, logo de que este edificio deixe de acoller o servizo de Vellos
Tempos. Tras o anuncio do Alcalde, no último pleno, de que o servizo será
trasladado ao “edificio das Monxas” no mes de abril, Esquerda Unida ve unha
oportunidade de ouro para converter o edificio vacante nunha Casa da Mocidade.
O voceiro de
Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “é preciso crear un espazo
destinado ao ocio da xente nova, á súa formación e creatividade, así como á
realización de actividades de índole socio-cultural ou formativo, que
repercutan positivamente na integración social da mocidade”. Propoñen así, que
a Casa da Mocidade poida integrar a oficina de Información Xuvenil, a través da
cal, ademais de ofrecer toda a información e asesoramento, se encargaría da
dinamización do espazo.
Dende Esquerda
Unida cren que o edificio debería adaptarse minimamente para crear un espazo
multifuncional coa posibilidade de crear sala de actividades e xogo, espazo
dedicado á informática, sala multimedia, espazo de audiovisuais, sala de
consulta, sala de obradoiro… “De todos modos, entendemos que debe
adaptarse sempre buscando o consenso e as necesidades da propia mocidade”,
afirma Otero.
Esquerda Unida
lembra que existe un acordo plenario de novembro de 2017, tras unha moción do
seu propio grupo municipal na que se instaba a destinar este edificio a unha
Casa da Mocidade. A moción saíra aprobada por maioría absoluta coa abstención
do grupo do PSOE que, ao igual que agora, gobernaba o concello. Finalmente, o
executivo local decidiu destinar o edificio a outras actividades, entre elas a
do programa Vellos Tempos.
Así, co
anuncio de que en breve as persoas participantes deste servizo se desprazarán
ao edificio da Monxas, onde convivirán co Punto de Atención á Infancia (PAI) e
o servizo de persoas con Alzheimer, Esquerda Unida considera que o edificio da
antiga Escola Infantil quedará baleiro e sen practicamente uso. É por iso que
Esquerda Unida recupera esta vella demanda que consideran que é máis que
necesaria no Grove pois, segundo Otero, “a mocidade local urxe dun lugar onde
poder reunirse, realizar actividades, cursos, que conte con información,
asesoramento e cos servizos acordes ás súas necesidades”.
A agrupación
fai fincapé na importancia de involucrar á mocidade na transformación do
edificio, asegurando que as súas voces sexan escoitadas e que os servizos
proporcionados se axusten ás súas necesidades reais. “Procuramos non só un
espazo físico, senón un compromiso activo do goberno municipal co futuro da
mocidade do Grove”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.
Por último,
Otero advirte que “esta non é unha simple petición, senón unha esixencia do
noso grupo municipal”, a cal ten que ser unha realidade, “pois realizala ou non
condicionará futuras negociacións co Goberno local”, especialmente nas que
precise o voto de Esquerda Unida para sacar adiante cuestións de crucial
importancia no Concello, como orzamentos ou proxectos.