venres, 31 de marzo de 2017

Esquerda Unida pide o pintado dos pasos de peóns de Luis Seoane, limpeza nas rúas e outras melloras para os veciños

No  Pleno do pasado luns, o edil do Grupo Municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, fixo unha serie de solicitudes e preguntas ao Goberno no derradeiro punto da orde do día.

O esquerdista volveu esixir, xa o fixera hai dous meses, que se pintasen os pasos de peóns de toda a rúa Luís Seoane (dende Abanca ata a Fonte dos Cabalos de Confín). Otero recordoulle á concelleira delegada que as condicións climatolóxicas que utilizou como escusa no pleno de xaneiro, non foi impedimento para marcar o paso de peóns do cruce do garda nin a sinalización da nova circulación e aparcadoiros do Monte da Vila.

Así mesmo, o edil de EU solicitou que se fixese unha revisión de todos os pasos de peóns do municipio e se pintasen os que estivesen en mal estado, poñendo como exemplo o da entrada da rúa Rosalía de Castro que, segundo indicou, é inexistente.

Continuando coa seguridade vial, o esquerdista pediu que se sinalizasen de mellor modo os lombos das estradas municipais, pois considera que hai ocasións en que é difícil apreciar a súa existencia ata o momento de ter que superalos. Cuestión que pode ocasionar graves problemas para os usuarios e veciños, aínda sen ter superado a velocidade permitida.

Otero tamén solicitou que se fixese un mantemento máis regular das diferentes rúas en canto a limpeza pois hai varias, e puxo como exemplo Rosalía de Castro, que mostran unha imaxe lamentable.

O edil esquerdista interesouse polo número de sancións que o concello tramitou nos dous últimos anos relacionadas coas deposicións caninas. Otero expresou a súa preocupación pola existencia de rúas nas que o seu tránsito se fai imposible sen ter que sortear os numerosos excrementos existentes. Así mesmo pediu contundencia ante este tipo de comportamentos do donos dos cans.

A situación do Centro de Saúde grovense foi outro dos temas que o edil de Esquerda Unida puxo sobre a mesa neste pleno. José A. Otero preguntoulle ao Concelleiro de Sanidade se estaba actuando para defender a sanidade pública no Grove pois, segundo indica, ten constancia do caos que está a provocar a baixa de varios médicos que non son substituídos, debendo facer fronte outros facultativos a un maior número de pacientes, o que ocasiona un problema a hora de resolver as problemática dos enfermos.

Tamén o Portal Cidadá da páxina web municipal foi eco de denuncia por parte do Grupo Municipal de Esquerda Unida, pois non funciona e nin tan sequera se poden descargar documentos.

Por último, Otero recordoulle ao goberno que segue á espera do Informe sobre os Voluntarios da Festa do Marisco. Un documento que, segundo o edil esquerdista, levan agardando máis de 5 meses e que debe elaborar o servizo municipal correspondente, polo que non aceptan as desculpas de falta de tempo da concelleira delegada, xa que iso lles crearía dubidas sobre a súa legalidade.


Cabe destacar que o goberno anunciou que tomaba nota das solicitudes para procurar realizalas, sen responder a ningunha delas no propio pleno. Tampouco dou resposta á pregunta relacionada coas multas por deposicións dos cans, nin se ían actuar con contundencia no tema. A concelleira de Turismo indicou que en breve se lle trasladaría ao Grupo Municipal de Esquerda Unida o documento sobre os voluntarios da Festa do Marisco. En canto ao problema do Centro de Saúde, o concelleiro de Sanidade anunciou que é coñecedor da problemática, pero non dou resposta sobre a actuación municipal neste aspecto, emprazando aos prexudicados a presentar reclamacións no propio centro.

EU rexeita unha Ordenanza de Ruídos que lle ocasionará gastos aos negocios e ao propio Concello

EU opúxose á Ordenanza de Ruídos xa que ocasionará gastos den ata 50 € mensuais aos negocios e preto de 6.000 € ao propio Concello e non solucionará os problemas de perturbación do descanso dos nosos veciños ao carecer de medios materiais e físicos para facela cumprir.

COMUNICADO DE PRENSA

O Grove, 30 de marzo de 2017.- O pasado luns tivo lugar a sesión plenaria do mes de marzo. Na mesma aprobouse con maioría simple a Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica cos votos favorables do PSOE (8) e a abstención do PP (4), mostrando o seu rexeitamento tanto Esquerda Unida (2) como BNG (2).

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida indican que están comprometidos co dereito ao descanso dos veciños do Grove e consideran que un dos deberes deste concello e rematar cos ruídos e molestias que afectan aos mesmos. Pero, logo de ter resoltas as dúbidas técnicas tras unha reunión –impulsada polo propio grupo municipal– coa empresa redactora da ordenanza Virocem Ruidos e tras analizar ao completo a Ordenanza, os esquerdistas atópanse con varios asuntos que lles levou a rexeitar a súa aprobación.

Segundo o seu voceiro, Juan Lamelas, a Ordenanza non axuda a solucionar problemas puntuais de ruídos, xa que “non é unha cuestión de ordenanza senón de medios para facer cumprir a mesma, uns medios dos que o concello a día de hoxe non dispón”.

O esquerdista indica que “un dos problemas máis graves na perturbación dos descanso dos nosos veciños dáse polo ruído xerado a raíz da aglomeracións de persoas as portas dos locais de copas e non polo dos propios locais”. Unha situación que “non se soluciona coa Ordenanza de ruído, tal e como lles indicaron os técnicos da empresa ao voceiros dos Grupos Municipais, senón de orde público” e, segundo Lamelas, “ao carecer de patrulla nocturna de Policía Local seguirá sen ter solución”. Os esquerdistas tamén detectaron “o incumprimento absoluto da ordenanza que se atopaba en vigor; non existen os mapas de ruído esixidos, non se lle obrigou aos locais a cumprir as normas da ordenanza (unha delas tan simple como a instalación dun cartel avisando das posibles lesións permanentes no oído ante a exposición prolongada aos niveis sonoros do interior do local) e outras máis”.

O voceiro esquerdista denuncia que “para máis inri, este goberno vai privatizar un novo servizo, pois a pesar de non haber cambios moi substanciosos na nova ordenanza, será unha empresa privada, por un prezo de uns 500 € mensuais (preto de 6.000 € anuais), a que fará un seguimento da mesma e vixiará que os negocios do Grove se adapten e instalen un sonógrafos-rexistradores de ruído”. Un aparatos que “todos ou a maioría dos negocios do Grove, non só locais de copais e cafeterías como nos quixeron facer crer na reunión, deben instalar pois o artigo 21.2 da nova Ordenanza indica que <Todas as actividades que produzan perturbación por ruído, nas que os niveis de ruídos sexan producidos por máquinas, fontes musicais ou actividades que xeren ruídos, teñen a obrigación de instalar un sonógrafo-rexistrador segundo as características do Anexo I.B.7>”. Isto, segundo Lamelas “supón que aparte dos locais de copas e cafeterías, tamén os talleres, almacéns, panaderías, tendas de conxelados, restaurantes e calquera pequeno negocio con unha radio, televisión, neveira ou outro aparato xerador de ruído terán a obriga de instalar ese aparato que lles suporá un custo de entre 25 e 50 € mensuais”.

Outra das cuestións que criticou o voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida é que a Ordenanza non foi informada aos propietarios dos negocios afectados, xa que “tras unha pequena enquisa comprobaron que ningún deles tiña constancia de que se trataba este asunto no pleno e, cando menos, cremos que se tería que ter enviado unha circular co texto para que estes tivesen coñecemento do documento”. Así mesmo, o esquerdista entende que os 15 días de marxe que teñen os negocios para instalar o sonógrafo-rexistrador son “moi escasos, pois en ese tempo e practicamente imposible que as empresas instaladoras poidan adaptar a todos os negocios do municipio”.

Por último, e aínda que non o trasladaron no propio pleno, Lamelas pregúntase se o Concello “vai poñer a funcionar o Servizo de recollida de lixo en horario de mañá ou tarde, pois o Artigo 14.5  indica que <O Concello promoverá que os servizos de limpeza e/ou recollida de lixo actúen preferentemente durante os períodos diúrno e vespertino. En todo caso, e especialmente en horario nocturno, adoptaranse as medidas necesarias para a redución do impacto sonoro, sempre dentro dos valores legais,...>”.

Por eses motivos, o Grupo Municipal de Esquerda Unida decidiu rexeitar a aprobación da Ordenanza e anuncian que alegarán a mesma en canto se abra o prazo pertinente.

Grupo Municipal de Esquerda Unida