Berrámolo ben alto: o marco político actual do
estado español só pode rexenerarse coa construción da III República.
E cremos firmemente que para propicialo precisamos
previamente dun proceso amplo de consensos no que ten que actuar toda a
esquerda política organizada sobre os parámetros de federalismo, socialismo,
solidariedade e recoñecemento do lexítimo dereito a decidir dos pobos, sen
ambaxes.
Porque o marco actual que queremos tronzar é consecuencia dunha deriva actitudinal e discursiva que favorece a esta monarquía caduca e
corrupta, dun modelo territorial pechado en falso, da herdanza dun capitalismo
monopolista de estado e oligárquico que obviamente dificulta eses necesarios traballos que require a construción da Terceira República.
Sen eses traballos, sen eses alicerces, nada será
posible. A República ten que construírse todos os días a través de accións
políticas concretas. E debe facerse desde a esquerda. A loita pola chegada da
Terceira República debe ser un dos alicerces ideolóxicos fundamentais do
traballo político cotián. Se renunciamos a este campo ideolóxico de batalla, todo será máis difícil. E será un proceso longo e complexo, no que debe figurar de forma clara e concreta un programa político, explicitando as formas e os tempos do novo proceso
constituínte. Porque a República é algo máis que a elección do xefe do Estado.
Cómpre actuar para desfacer as mentiras e renuncias
que impuxeron os pactos de silencio, de esquecemento da idealizada transición.
Cómpre actuar para convencer de que debemos derrgar a Lei de Amnistía, unha
lei que sitúa en rango de igualdade aos verdugos e ás vítimas. Algo impensable
nunha verdadeira democracia. Unha lei que permite a impunidade e ampara o
negacionismo do xenocidio franquista. Cómpre actuar para devolver a
dignidade aos milleiros de persoas que aínda hoxe reclaman e reivindican que
rachemos e denunciemos esa política de silencio e esquecemento. Non se debería
ter aceptado que a suposta e falaz reconciliación se realizase sen xustiza e
reparación para as vítimas de 40 anos de Ditadura. Sen que os vitimarios
asumisen as súas responsabilidades.
Cómpre actuar para persuadir coa forza dos
argumentos e da pedagoxía a toda esa masa da sociedade resignada que defende o
pasado franquista, sen cuestionarse o tipo de Democracia que herdamos, de que
así non se pode crear futuro. Temos que facerlles ver que os perpetradores, os
verdugos e os executores que se apoderaron, de forma egoísta, clientelar e
antidemocrática, das institucións básicas para o exercicio dunha Boa
Democracia. Non só o fixeron obrigándonos a vivir baixo unha Monarquía, senón
que adoraron ao becerro do diñeiro e do mercado capitalista e foron eles os que
nos mergullaron na crise-estafa.
Por iso, vivimos nunha democracia feble, degradada,
atada polo conservadurismo e o clericalismo. Por iso, aínda hoxe, asistimos a
expresivas demostracións de posta en valor do pasado franquista, un pasado
ilexítimo e que debera ser ilegalizado, con todas as consecuencias. Cómpre
actuar recoñecendo os erros do noso pasado republicano para superalos cos
acertos que tivemos e proxectarnos no horizonte mediante un presente
republicano.
Cómpre recuperarmos os discursos e palabras
emancipadoras. A República é unha Utopía. Temos unha tradición antifascista e
unha cultura democrática no noso bagaxe e que foron quen de resistir e animar a
loita pola liberdade e a defensa dos dereitos da clase traballadora.
A nosa Utopía chámase Terceira República. Esquerda
Unida aposta incuestionablemente por construír unha base social ampla,
hexemónica, que sosteña unha mudanza radical nas institucións públicas para
termos unha democracia plena, onde a toma de decisións e a participación sexan
reais. Unha República que remate coa alienación e a explotación que impón o
capitalismo.
Unha República limpa e democrática, asentada na
igualdade entre todas as persoas e pobos e que abranga nun mesmo obxectivo
común de convivencia as demandas feministas, as reclamacións da clase
traballadora, a defensa do medioambiente e a terra, a defensa do dereito a decidilo todo, a xeneración de
novos consensos políticos e de configuración do estado e as reivindicacións de liberdade civil.
14 de abril de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario