A formación leva ao pleno unha moción que aspira a ampliar os medios, recursos e iniciativas contra as violencias machistas no eido municipal e escolar
Solicita que se controlen posibles contidos sexistas na publicidade e na programación municipal de actividades sociais, culturais, lúdicas, deportivas ou festivas
Anima ao Concello a implicarse de xeito activo impulsando políticas encamiñadas á abolición da prostitución; e pide que únicamente os colectivos deportivos que non realicen descriminación por razón de sexo entre os seus membros poidan acceder a financiamento municipal
O Grove, 28 de outubro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida anima ao Concello do Grove a implicarse de xeito máis activo coa loita a favor da igualdade e contra as violencias machistas. Ese é o sentido da moción que a formación á que representan Jose Antonio Otero e Xan Lamelas levarán ao pleno deste luns. Un texto a través do cal solicitarán o apoio dos grupos da corporación para que O Grove sexa declarado Municipio libre de Violencias Machistas. Un nomeamento que, moi lonxe de ser unha simple declaración de intencións, EU quere acompañar de medidas activias que impliquen ao movemento feminista e que doten ao consistorio dun papel máis activo nesta causa.
Moción contra a decision do Tribunal Supremo sobre o imposto das hipotecas
A formación tamén defenderá no mesmo pleno outra moción para que a corporación rexeite “a inaudita e vergoñenta decision do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a súa sentenza” relativa ao imposto das hipotecas. O texto insta ademais ao Concello a habilitar mecanismos de orientación para a veciñanza que desexe esixir a devolución das cantidades indebidamente cobradas polas entidades bancarias en relación a este asunto. Ademais de animar ao goberno central a que impulse a creación dun polo de banca pública, paralizando a venda de Bankia e dirixindo a xestión dos aforros depositados nesta banca pública á atención das necesidades sociais, o desenvolvemento duns servizos públicos de calidde e suficientes e a erradicación do desemprego.
Esquerda Unida quere aproveitar a proximidade do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, para poñer en marcha un paquete de medidas que convirtan ao Concello do Grove nun verdadeiro axente activo na loita contra as violencias machistas. A formación entende que o traballo de prevención, educación e sensibilización da sociedade debe ser o punto de partida no camiño cara á igualdade real, e destaca o papel que as institucións deben xogar no mesmo.
“Esiximos que este 25 de novembro sexa o comezo real das políticas dos feitos, e non só das palabras, contra as violencias machistas”, indica a formación. Por iso, EU pon sobre a mesa unha batería de iniciativas para que O Grove impulse unha verdadeira política activa pola igualdade.
A formación ve necesario que o Concello traballe da man do movemento feminista para coordinar e impulsar un Plan pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero que inclúa a creación de protocolos de actuación contra as violencias machistas dentro do propio Concello; e que amplíe os recursos humanos, técnicos e materiais destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade integrais e participativas.
As propostas de EU inclúen tamén un incremento dos recursos destinados á abolición da prostitución e a loita contra o proxenetismo, a través, por exemplo, de campañas de información e sensibilización ou de medidas destinadas á integración e inserción laboral das mulleres prostituídas. Ademais, a moción anima ao Concello a eliminar a publicidade con contidos sexistas dos espazos públicos; e a velar porque que na programación municipal de actividades sociais, culturais, lúdicas, deportivas e festivas de toda índole non se inclúan contidos sexistas que atenten contra a dignidade das mulleres de ningún xeito.
Esquerda Unida tamén propón que o Concello se implique no desenvolvemento de actividades que fomenten a igualdade dende a infancia no ámbito escolar. E solicita que unicamente os colectivos deportivos que non discriminen por razón de sexo nos seus premios ou recoñecementos poidan acceder a financiamento municipal.