16 setembro 2026

Esquerda Unida reclama ao Concello que corrixa as deficiencias da nova sinalización turística

A formación detecta sinais mal orientados, parcialmente ocultos ou colocados en puntos que reducen a visibilidade dos vehículos, pese a que o proxecto contemplaba expresamente a instalación e o control de calidade dos novos elementos. 

Advirten tamén de paneis nas praias que anuncian aseos, bandeiras sobre o estado do mar ou servizo de socorrismo que son inexistentes.

O Grove, 16 de setembro de 2026.-Esquerda Unida reclama ao Goberno municipal que revise e corrixa as deficiencias detectadas na nova sinalización turística instalada no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “A Gastromeca”, logo de comprobar sobre o terreo diferentes problemas tanto na colocación dos sinais como na información recollida nalgúns dos novos paneis instalados nas praias. 

A actuación forma parte do contrato para a implantación dun sistema integral de información e sinalización turística intelixente. Dentro do proxecto, a sinalización física contaba cun orzamento superior aos 100.000 euros, destinado á fabricación, instalación e control de calidade de 143 elementos distribuídos polo municipio. 

Logo de revisar parte da sinalización instalada, Esquerda Unida comprobou a existencia de sinais parcialmente ocultos, outros colocados en puntos pouco axeitados e indicacións cuxa orientación non se corresponde cos sentidos de circulación das vías. 

Entre os exemplos detectados pola formación atópase o sinal instalado na entrada da rúa Pablo Iglesias, cuxa visión queda parcialmente obstaculizada polas ramas dunha árbore. Na rotonda da Ponte da Toxa, a situación dos novos elementos reduce a visibilidade dos vehículos que acceden á rotonda por dous dos tres carrís, introducindo un problema que consideran especialmente grave ao afectar directamente á seguridade viaria. 

Outro exemplo atópase fonte á parada de taxis, onde os paneis son parcialmente visibles unicamente polos vehículos que circulan nunha soa dirección, o mesmo que sucede en outros puntos do concello. 

Esquerda Unida aclara que estes son só algúns dos exemplos localizados durante a revisión realizada pola formación e que existen máis erros similares noutros puntos do municipio, tanto na orientación dos sinais como na súa situación e visibilidade. 

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, estas situacións resultan difíciles de entender tendo en conta que o proxecto non se limitaba á fabricación dos elementos, senón que contemplaba tamén a súa instalación e o correspondente control de calidade. 

“Estamos falando dunha actuación para a que o proxecto contemplaba máis de 100.000 euros só para a sinalización física e que incluía expresamente a instalación e o control de calidade. Por iso non é razoable atopar agora elementos que non se ven correctamente, que están mal orientados ou que mesmo reducen a visibilidade do tráfico”, sinala José Antonio Otero. 

Paneis que anuncian servizos inexistentes nas praias

Esquerda Unida advirte tamén de deficiencias na información incorporada aos novos paneis situados nos accesos ás praias. En concreto, a formación comprobou que os instalados nos areais do Carreiro e A Mexilloeira recollen servizos que actualmente non existen nestas praias. 

Os paneis informan, entre outras cuestións, da existencia de aseos, bandeiras indicadoras do estado do mar e servizo de socorrismo, cando estes servizos non están dispoñibles nos citados areais. 

Para Esquerda Unida, neste caso o problema vai máis alá dun simple erro informativo, xa que algunhas destas indicacións fan referencia directa á seguridade das persoas usuarias das praias. A sinalización pode levar a unha persoa a interpretar que se atopa nun areal vixiado ou que existe un sistema de bandeiras para advertir das condicións do baño cando realmente non é así. 

“Un panel turístico ten que ofrecer información certa e útil. Non se pode anunciar un servizo de socorrismo ou un sistema de bandeiras nunha praia que non dispón deles, porque estamos trasladando ás persoas usuarias unha información que non se corresponde coa realidade e que, ademais, está relacionada coa súa seguridade”, advirte o voceiro. 

A formación considera que as deficiencias detectadas son perfectamente corrixibles e reclama ao Goberno municipal que realice unha revisión completa dos 143 elementos da nova sinalización, comprobando a localización, orientación e visibilidade dos sinais, así como a exactitude da información incluída nos paneis das praias. 

“Non estamos ante un único sinal mal colocado. Atopamos diferentes erros que se repiten en distintos puntos e por iso o Concello debe revisar o conxunto da actuación, non limitarse a corrixir os casos que nós poidamos sinalar”, insiste Otero. 

Esquerda Unida subliña que non cuestiona a necesidade de renovar a sinalización turística do municipio, senón que reclama que unha actuación destas características se execute correctamente e que o Concello comprobe o resultado. 

“A renovación da sinalización é necesaria e positiva, pero precisamente por iso hai que facela ben. Se o propio proxecto contempla a instalación e o control de calidade, non ten sentido que aparezan sinais que non se ven, outros mal orientados, elementos que reducen a visibilidade do tráfico ou paneis que anuncian servizos inexistentes. O Concello debe revisar os 143 elementos e esixir que se corrixan todas as deficiencias”, indica José Antonio Otero. 

Fiscalización dos fondos europeos 

Esquerda Unida enmarca esta denuncia no traballo de revisión e fiscalización que a formación está realizando sobre a execución dos proxectos financiados con fondos europeos no municipio, co obxectivo de comprobar non só o destino dos recursos públicos, senón tamén que as actuacións se executaron correctamente e cómpren coa finalidade para a que foron financiadas. 

“Os fondos europeos representaron unha oportunidade importante para mellorar O Grove, pero precisamente pola contía dos recursos mobilizados é fundamental facer un seguimento rigoroso da súa execución. Imos continuar revisando estas actuacións, sinalando as deficiencias que atopemos e reclamando que cada euro invertido fose destinado a melloras reais para o municipio”, conclúe o voceiro de Esquerda Unida.

27 xullo 2026

PLENO XULLO 2026

ROGOS E PREGUNTAS

📅 27 de xullo de 2026

▶ Intervención: minuto 1:02:00


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Rúa Batalla de Lepanto

Preguntamos polo estado da obra e polos problemas de circulación e estacionamento denunciados pola veciñanza tras a apertura ao tráfico.

🔻 Ordenanza de terrazas

Insistimos en preguntar se se estaba facendo cumprir a ordenanza municipal.

🔻 Mercado Municipal

Insistimos en coñecer cando se licitaría o posto fixo nº 19-20-21, que xa funcionara anteriormente como cafetería.

🔻 Denuncias a locais de ocio nocturno

Insistimos na entrega da documentación solicitada por rexistro relativa ás denuncias contra locais de copas.

🔻 Aparcadoiro de pago en San Vicente

Preguntamos polas actuacións realizadas polo Concello ante a apertura dun aparcadoiro sen autorización.

🔻 Cambio do céspede do Monte da Vila

Preguntamos polo motivo polo que non se tramitara a modificación de crédito necesaria para executar esta actuación.

🔻 Colonias felinas

Preguntamos polo grao de cumprimento das obrigas municipais no control das colonias felinas.

🔻 Vivenda pública

Preguntamos polo estado da cesión do terreo de Teniente Domínguez e pola solicitude dos terreos da SAREB para a construción de vivenda pública.

🔻 Camiño público da Xesteiriña (Con Roibo)

Preguntamos polas actuacións realizadas para recuperar este camiño público.

🔻 Baños públicos da Lonxa

Preguntamos polo motivo polo que non permanecían abertos todos os días.

🔻 Reforma da rúa Hortos

Preguntamos cando se iniciaría esta actuación.

🔻 Auditorio municipal e local social de Reboredo

Preguntamos polo estado da reclamación das reparacións a través da garantía das obras.

🔻 Auxiliares da Policía Local

Preguntamos polos motivos polos que catro auxiliares fixos descontinuos non foran incorporados, malia existir unha sentenza xudicial favorable.

Rogos e solicitudes

🔻 Desbroces nas rúas

Solicitamos que as empresas encargadas dos desbroces retirasen tamén os restos vexetais xerados polos traballos.

🔻 Aparcadoiro das Pipas

Solicitamos instalar sinalización que identificase claramente este estacionamento como público.

🔻 Pavillón de Conmeniño

Solicitamos atender as reclamacións dos usuarios e repoñer as luminarias avariadas.

🔻 Rúa Alexandre Bóveda

Solicitamos reparar as gretas existentes no primeiro tramo da vía.

🔻 Mantemento do concello antes da tempada estival

Solicitamos intensificar as tarefas de limpeza, desbroce, recollida de residuos e finalización das obras para ofrecer unha mellor imaxe do municipio durante a campaña de verán.

06 xullo 2026

EU leva ao pleno unha moción para garantir a atención temperá e apoiar ás familias con menores con necesidades terapéuticas

A formación reclama unha Unidade de Atención Temperá para O Grove, a creación dunha rede pública de atención postemperá e axudas municipais para aliviar o custo das terapias. 

A moción, que será debatida no pleno do vindeiro mércores 8 de xullo, busca evitar que as crianzas interrompan os seus tratamentos por razóns administrativas ou económicas.

O Grove, 6 de xullo de 2026.- Esquerda Unida defenderá no pleno municipal do vindeiro mércores 8 de xullo unha moción destinada a reforzar a atención ás crianzas con trastornos do desenvolvemento, discapacidade ou necesidades específicas de apoio educativo, reclamando un maior compromiso tanto da Xunta de Galicia como do Concello do Grove para garantir unha atención pública, continuada e de calidade. 

A iniciativa parte da realidade que viven numerosas familias da vila, obrigadas en moitos casos a desprazarse a outros municipios para recibir atención temperá ou a asumir o elevado custo de terapias privadas cando remata a cobertura pública, a pesar de que os menores continúan precisando tratamento por indicación profesional. 

Segundo recolle a moción, no Grove residen máis de 1.100 nenos e nenas menores de 15 anos e arredor de 200 alumnos e alumnas presentan Necesidades Educativas Especiais (NEE) ou Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), unha cifra que evidencia a importancia de contar con recursos públicos suficientes para dar resposta ás necesidades existentes no municipio. 

A moción propón instar á Xunta de Galicia a crear unha Unidade de Atención Temperá no Grove, desenvolver unha Rede Pública Galega de Atención Postemperá que garanta a continuidade dos tratamentos durante toda a idade pediátrica, reducir as listas de espera e reforzar a coordinación entre os ámbitos sanitario, educativo e social. Así mesmo, solicita ao Concello a creación dunha liña municipal de axudas para colaborar co financiamento das terapias especializadas mentres non exista unha cobertura pública suficiente e a constitución dunha mesa de traballo na que participen administracións, profesionais, centros educativos e familias para analizar as necesidades existentes e facer seguimento das medidas adoptadas. 

O concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, sinala que "ningunha crianza debería quedar sen tratamento simplemente por cumprir unha determinada idade administrativa. As necesidades dos menores non desaparecen porque o diga un regulamento, e as administracións teñen a obriga de garantir a continuidade asistencial sempre que exista criterio profesional". 

Meis tamén subliña que "o acceso ás terapias non pode depender da capacidade económica das familias nin do lugar onde viven. Hoxe hai fogares que se ven obrigados a asumir gastos de miles de euros ao ano para que os seus fillos e fillas poidan continuar recibindo a atención que necesitan. Esa desigualdade é incompatible cun sistema público que debe garantir a igualdade de oportunidades". 

Dende Esquerda Unida consideran que a creación dunha Unidade de Atención Temperá no Grove permitiría achegar un servizo esencial ás familias da comarca, evitando desprazamentos continuos e mellorando a conciliación e a calidade da atención. 

A formación confía en que a corporación municipal apoie unha iniciativa que, segundo destacan, "non entende de cores políticas, senón de dereitos das crianzas e de apoio ás familias". O obxectivo da moción é que ningunha persoa menor vexa interrompido un tratamento necesario por falta de recursos públicos ou por limitacións administrativas, garantindo unha atención integral, continuada e en igualdade de condicións para todas as familias do municipio.

[ver/descargar moción]

02 xullo 2026

Esquerda Unida solicita toda a documentación do Plan de Sustentabilidade Turística e reclama explicacións sobre a execución dos fondos europeos

Piden acceso ao expediente completo do proxecto "A Gastromeca", tras rematar o prazo de execución, para comprobar se o Concello executou e xustificou correctamente os 2 millóns de euros dos fondos Next Generation. Advirten de que actuacións como a obra da Praza do Corgo ou a Ruta do Burro Fariñeiro suscitan dúbidas sobre o seu remate dentro do prazo previsto. 

 Lembran que levan todo o mandato realizando un seguimento da execución do plan, advertindo dos atrasos e do risco de perder parte dos fondos europeos por incumprimento dos prazos. Reclaman a convocatoria do Consello Local de Turismo para que o goberno dea explicacións.

O Grove, 2 de xullo de 2025.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de presentar por rexistro unha solicitude de acceso ao expediente completo do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) "A Gastromeca", unha vez rematado o prazo de execución establecido na addenda ao convenio subscrito entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello do Grove en maio do 2025. 

A formación considera que, finalizado o período previsto para executar o proxecto, é o momento de facer un balance rigoroso sobre a utilización dos fondos europeos Next Generation e comprobar se o Concello executou e xustificou correctamente os dous millóns de euros concedidos para este plan. 

Dende a concesión destes fondos europeos, Esquerda Unida realizou un seguimento continuado da súa execución, interesándose en numerosas ocasións polo desenvolvemento das diferentes actuacións, preguntando polos atrasos acumulados e advertindo reiteradamente do risco de que o Concello non fose quen de executar e xustificar integramente o investimento dentro dos prazos establecidos. 

A solicitude presentada polo grupo municipal reclama a relación detallada de todas as actuacións executadas, indicando para cada unha delas o investimento inicialmente previsto e o finalmente realizado, a empresa adxudicataria, as datas de inicio e remate e o seu estado definitivo de execución. 

Así mesmo, solicitan copia das certificacións finais das obras, das actas de recepción, das certificacións emitidas pola dirección facultativa ou polos responsables dos contratos, así como das facturas e pagamentos realizados con cargo ao plan. 

Do mesmo xeito, pide acceso á documentación remitida polo Concello á Axencia de Turismo de Galicia para a xustificación técnica e económica do PSTD, ao expediente de peche do programa e á resolución ou comunicación oficial sobre o resultado desa xustificación, incluíndo, no seu caso, posibles requirimentos, minoracións da subvención ou expedientes de reintegro. 

Segundo explica o seu voceiro, José Antonio Otero, esta solicitude cobra especial importancia porque o prazo de execución rematou o pasado 30 de xuño e existen actuacións que suscitan dúbidas sobre a súa finalización efectiva. 

Entre elas, a formación cita a obra da Praza do Corgo, unha das últimas actuacións iniciadas con cargo ao plan e que, segundo puideron comprobar, continúa sen estar completamente rematada. Así mesmo, tamén expresan dúbidas sobre a finalización da actuación correspondente á Ruta do Burro Fariñeiro, ao non constarlles que todos os traballos previstos estean completamente executados. 

A estas actuacións súmanse outras incluídas na última relación de investimentos facilitada polo propio Concello, respecto das que tampouco lles consta a súa execución definitiva nin, no seu caso, as modificacións ou a súa substitución por outras actuacións. Precisamente por iso solicitan acceso ao expediente completo, co obxectivo de coñecer cal foi finalmente o grao de execución do Plan e como foi xustificado perante a Axencia de Turismo de Galicia. 

"Levamos todo o mandato facendo un seguimento deste proxecto porque sempre tivemos claro que estaba en xogo unha oportunidade histórica para O Grove. Durante estes anos advertimos dos atrasos e da necesidade de acelerar a execución das actuacións para non poñer en risco os fondos europeos. Agora que o prazo rematou e en vista de que existen actuacións que aparentemente non están rematadas, é lóxico preguntarse como se vai xustificar o investimento. E por iso solicitamos toda a documentación. Non queremos especular, queremos coñecer con rigor se todas as actuacións foron executadas, certificadas e aceptadas conforme ás esixencias dos fondos europeos", afirma Otero. 

Dende Esquerda Unida lembran que os fondos Next Generation non rematan coa execución material das obras, senón que requiren unha completa xustificación técnica, administrativa e económica. "Os fondos europeos non se avalían polas fotografías nin polas notas de prensa. Avalíanse mediante certificacións, informes técnicos e unha correcta xustificación económica. Iso é o que queremos comprobar", subliña o voceiro. 

Ademais da documentación, Esquerda Unida solicita ao goberno municipal a convocatoria do Consello Local de Turismo, co obxectivo de presentar un balance público da execución do Plan de Sustentabilidade Turística, informar do grao de cumprimento dos obxectivos previstos e explicar o resultado final da xustificación dos fondos europeos perante os representantes do sector turístico e a veciñanza. 

Para a formación, un proxecto que mobilizou dous millóns de euros de financiamento europeo debe concluír cun exercicio de transparencia e rendición de contas. "Estamos a falar dun dos maiores investimentos públicos recibidos polo Concello do Grove nas últimas décadas. A veciñanza ten dereito a saber canto se executou, como se executou, se todas as actuacións foron aceptadas polos organismos competentes e se existe algún risco de perda ou devolución de fondos. Esa información debe facerse pública", conclúe Otero. 

Esquerda Unida insiste en que a correcta xestión dos fondos europeos non remata coa inauguración das actuacións, senón coa súa completa execución, certificación e xustificación administrativa. Por iso agardan que o goberno facilite, na maior brevidade posible, toda a documentación solicitada e convoque o Consello Local de Turismo para presentar un balance público dun proxecto que supuxo un dos maiores investimentos recibidos polo municipio e sobre o que consideran imprescindible ofrecer a máxima transparencia.

29 xuño 2026

EU volve preguntar pola obra da rúa Hortos e denuncia a desorganización do goberno na execución das obras municipais

Lembran que a actuación en Hortos, comprometida coa súa formación cun orzamento de 280.000, foi licitada por segunda vez no 2025 e continúa sen iniciarse, malia que o goberno asegurou reiteradamente que o atraso se debía ás condicións meteorolóxicas, unha desculpa que xa non consideran válida. 

Consideran que esta situación, xunto cos atrasos na obra de humanización da rúa Lepanto, como na das rúas do Peso, Regato, Fontiña, Horta do Río e Camiño Con do Gato, evidencian un modelo de xestión baseado na improvisación, sen planificación nin control da execución. Denuncian a permisividade do goberno con Marconsa, empresa adxudicataria de todas estas obras.

O Grove, 29 de xuño de 2026.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve preguntar ao goberno local pola situación das obras de remodelación da rúa dos Hortos, unha actuación comprometida coa súa formación e que continúa sen iniciarse malia ter sido licitada ata en dúas ocasións. 

A formación lembra que a remodelación de Hortos, unha actuación incorporada aos investimentos municipais tras o acordo acadado por Esquerda Unida nas negociacións co remanente de 2023, foi licitada inicialmente cun investimento de 100.000 euros, e que posteriormente tivo que volver saír a licitación en 2025, ampliando o seu importe en 180.000 euros. Porén, a día de hoxe, a obra segue sen comezar. 

Segundo explica Esquerda Unida, nas diferentes ocasións nas que a formación se interesou por esta actuación, o goberno municipal atribuíu o atraso ás condicións meteorolóxicas do inverno. Unha explicación que consideran xa difícil de soster. 

"Levamos tempo escoitando que a obra non se puido executar debido ás condicións meteorolóxicas, pero a realidade é que levamos máis de dous meses de bo tempo e a situación segue exactamente igual. O único que medra na rúa dos Hortos é a maleza arredor das tubaxes depositadas na zona", afirma o voceiro municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero. 

Para a formación, a situación da rúa dos Hortos non é un feito illado, senón o reflexo dunha maneira de xestionar os investimentos municipais caracterizada pola improvisación e a ausencia de planificación. 

Neste sentido, lembran que a humanización das rúas Peso, Regato, Fontiña, Horta do Río e Camiño Con do Gato foi presentada a mediados de marzo cun prazo de execución de tres meses e dividida en tres fases. Con todo, a principios de abril comezou a actuación na rúa do Peso, a cal a día de hoxe continúa sen rematar, mentres que o resto das actuacións seguen sen iniciarse. 

A esta situación súmase tamén a humanización da rúa Batalla de Lepanto, iniciada a principios de febreiro e que continúa sen rematar malia superar amplamente o prazo previsto. 

Dende Esquerda Unida consideran que estes atrasos xa non poden explicarse unicamente pola meteoroloxía. "Cando varias obras distintas presentan os mesmos problemas, o que falla non é unha actuación concreta, senón a planificación do goberno", sinala Otero. 

A formación lembra ademais que tanto a obra da rúa dos Hortos como as actuacións nas outras rúas mencionadas foron adxudicadas á mesma empresa construtora, Marconsa, que tamén se encarga da execución da obra do entorno de Bizocas, financiada pola Deputación de Pontevedra e sometida a uns prazos de execución moi estritos. 

Segundo explican, durante estes meses foi habitual comprobar como nas obras do centro urbano, moitos días apenas traballaban dous ou tres operarios, mentres na actuación de Bizocas, condicionada polos prazos, o número de traballadores chegaba a superar a quincena. Un contraste que, ao xuízo de Esquerda Unida, evidencia que a distribución dos medios responde ás prioridades marcadas polos prazos das subvencións e non ás necesidades da veciñanza. 

Para Esquerda Unida, corresponde á Concellería de Obras organizar correctamente a execución dos investimentos e supervisar que as empresas adxudicatarias cumpran cos medios e cos prazos comprometidos. 

"Resulta difícil entender que unha mesma empresa acumule atrasos en varias das principais obras municipais sen que o goberno dea explicacións nin adopte medidas. Esa falta de esixencia acaba trasladando á veciñanza unha preocupante sensación de permisividade e do que moitos veciños xa perciben unha auténtica complicidade coa empresa adxudicataria, mentres soportan durante meses as consecuencias das obras", denuncia o voceiro. 

Para Esquerda Unida, o executivo local pretende agora recuperar en poucos meses o tempo perdido durante anos de falta de mantemento, limpeza e investimentos reais. Esta acumulación de obras, sen unha planificación adecuada nin unha supervisión efectiva dos contratos, está a provocar incumprimentos dos prazos, importantes molestias para a veciñanza e unha utilización pouco eficiente dos recursos públicos. “O que estamos vendo é unha sucesión de anuncios, escusas e atrasos que demostran unha preocupante incapacidade para xestionar os investimentos municipais”, conclúe José Antonio Otero.

19 xuño 2026

Esquerda Unida denuncia a precariedade do servizo de Cultura no verán pola falta de persoal

Alertan de que o servizo quedará con só dúas persoas e un monitor de reforzo, insuficiente para cubrir as necesidades de Cultura, polo que a Biblioteca, a Axencia de Lectura de San Vicente e a Salazón veranse afectados. 

Critican a “falta de previsión” do goberno local ao non cubrir vacantes nin reforzar adecuadamente o departamento de Cultura.

O Grove, 19 de xuño de 2026.- Esquerda Unida vén de denunciar a situación “crítica e de absoluta precariedade” na que quedará o servizo municipal de Cultura durante os próximos meses de verán debido á falta de persoal e á ausencia de planificación por parte do goberno local. 

Segundo explica a formación, este ano o Concello solicitou unicamente unha persoa de reforzo para o departamento de Cultura a través do programa Máis Provincia, cando nos anos anteriores se viñan solicitando dúas contratacións para poder facer fronte ao incremento da actividade estival. Ademais, denuncian que a praza solicitada corresponde á categoría de monitor e non á de auxiliar de Cultura, polo que non poderá asumir boa parte das funcións necesarias para garantir o funcionamento ordinario dos servizos culturais municipais. 

A esta situación súmase a xubilación, prevista para o mes de xullo, dun dos traballadores do servizo de Cultura que, entre as súas funcións, se encargaba da apertura da Axencia de Lectura da Casa da Cultura de San Vicente. Dende Esquerda Unida indican que o propio departamento de Cultura solicitou a creación dunha bolsa de emprego para cubrir temporalmente o posto mentres non se ofertaba a praza mediante concurso, pero, segundo denuncian, “o Concello non deu orde para poñer en marcha esa bolsa, deixando o servizo completamente desatendido”. Coa xubilación deste traballador, o servizo de Cultura quedará reducido a tan só dúas persoas para atender a Biblioteca Municipal, as actividades culturais de verán e o resto dos servizos e instalacións dependentes da área. 

Como consecuencia, a Axencia de Lectura de San Vicente non poderá abrir durante o verán, e posiblemente o que resta de ano, deixando sen este servizo á veciñanza da parroquia nunha época de máxima afluencia. 

A formación tamén alerta da situación da Salazón, que tampouco conta actualmente con persoal fixo despois de non completarse a oferta pública de emprego correspondente. Ademais, o goberno local tampouco solicitou persoal eventual para garantir a apertura regular destas instalacións culturais. 

Dende Esquerda Unida lembran tamén que o Concello pretendía incorporar outra persoa ao departamento mediante unha subvención vinculada ao programa Viogen, pero a solicitude chegou tarde e os fondos xa estaban esgotados. “É unha situación que se repite constantemente: o Concello chega tarde ás convocatorias e quen acaba pagando as consecuencias é a veciñanza”, critican. 

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “o goberno municipal está demostrando unha absoluta falta de previsión e de interese polos servizos culturais públicos”. “Estamos falando de servizos básicos nun concello turístico que multiplica a súa actividade no verán e no que precisamente debería reforzarse o persoal, non reducilo. 

Advirten de que, coa situación actual e cun servizo reducido a dúas persoas, será imposible garantir con normalidade as actividades culturais de verán, o funcionamento da Biblioteca Municipal, a apertura da Axencia de Lectura de San Vicente e da Salazón. “Todos os servizos quedan baixo mínimos e sen capacidade real para atender á veciñanza nin ás necesidades culturais do municipio”, denuncian. 

A formación reclama ao goberno local que adopte medidas urxentes para reforzar o departamento de Cultura, cubrir as vacantes existentes e garantir a continuidade dos servizos públicos culturais. “Non é admisible que un concello como O Grove afronte a tempada de maior actividade turística e cultural cun servizo de Cultura reducido á mínima expresión. A falta de planificación do goberno local está a poñer en risco equipamentos e servizos públicos fundamentais para a veciñanza”, conclúen dende Esquerda Unida.

08 xuño 2026

PLENO XUÑO 2026

ROGOS E PREGUNTAS

📅 8 de xuño de 2026

▶ Intervención: minuto 1:37:58


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se procedería á licitación das bancadas, postos fixos e locais, facendo especial referencia ao antigo local da cafetería.

🔻 Museo da Salazón

Preguntamos cando abriría ao público este espazo, dada a demanda existente por parte de visitantes e veciñanza.

🔻 Denuncias por ruído

Preguntamos polo motivo polo que aínda non se nos facilitara o listado de denuncias contra locais de ocio nocturno solicitado por rexistro e interesámonos polas actuacións realizadas ante as denuncias existentes por exceso de ruído.

🔻 Ordenanza de terrazas

Preguntamos se se estaba aplicando a ordenanza e solicitamos información sobre o control das terrazas e a retirada das estruturas pertencentes a locais pechados de forma permanente.

🔻 Subministración de auga no Altillo

Preguntamos polo motivo polo que dúas parcelas seguían sen conexión á rede de abastecemento catro anos despois de solicitar o servizo e aboar as taxas correspondentes.

🔻 Poda na estrada de Árdia

Preguntamos polo motivo da retirada dos setos existentes na beirarrúa desta estrada.

🔻 Expedientes por limpeza de fincas

Preguntamos se se habilitara persoal específico para tramitar os numerosos expedientes abertos por incumprimento da obriga de limpeza das fincas.

Rogos e solicitudes

🔻 Pragas urbanas

Solicitamos actuar ante a proliferación de cucarachas na rúa Corgo e de ratas na zona da Pratería.

🔻 Praza do Corgo

Solicitamos controlar o estacionamento e circulación de vehículos no carril peonil habilitado entre o parque infantil e as vivendas.

🔻 Sinalización viaria

Solicitamos mellorar a sinalización existente nas inmediacións do Xulgado para evitar que continúen producíndose circulacións en sentido contrario.

🔻 Limpeza de fincas municipais

Solicitamos que o Concello actuase tamén sobre as súas propias parcelas e espazos públicos antes de esixir á veciñanza o cumprimento desta obriga.

03 xuño 2026

PLENO MAIO 2026

ROGOS E PREGUNTAS

📅 3 de xuño de 2026

▶ Intervención: minuto 1:43:53


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Mantemento dos parques infantís

Preguntamos en que parques municipais se actuara para reparar elementos de xogo dende que trasladaramos esta cuestión no pleno anterior.

🔻 Camiño público da Xesteiriña (Con Roibo)

Preguntamos polo estado do expediente de recuperación deste camiño público de acceso á praia de Con Roibo, ocupado por unha empresa privada.

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos pola situación da obra de substitución da tubaxe na Rampla de Meloxo.

🔻 Vivenda pública en Teniente Domínguez

Preguntamos se xa se tramitara a cesión do terreo destinado á construción de vivenda pública.

🔻 Terreos da SAREB

Preguntamos se xa se solicitara formalmente o traspaso dos terreos da SAREB, tal e como se aprobou mediante unha moción presentada polo noso grupo.

🔻 Estacións de carga de vehículos eléctricos

Preguntamos pola posta en funcionamento da estación da rúa Castelao, pola instalación da prevista diante da Confraría e polo tempo durante o que continuará sendo gratuíta a estación situada na rúa Alexandre Bóveda.

🔻 Obra da Praza do Corgo

Preguntamos polo motivo polo que a obra non dispoñía do cartel informativo obrigatorio, especialmente tratándose dunha actuación financiada con fondos Next Generation.

Rogos e solicitudes

🔻 Espello na rúa do Sol

Solicitamos a instalación dun espello na intersección da rúa do Sol coa rúa Holanda para mellorar a visibilidade dos vehículos, atendendo á petición formulada pola veciñanza.

🔻 Paso de peóns de Confín

Solicitamos volver pintar o paso de peóns eliminado polo goberno, xa que os viandantes continúan cruzando por ese punto debido á configuración do espazo.

🔻 Aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda

Solicitamos delimitar as prazas de estacionamento para evitar conflitos entre os usuarios.

25 maio 2026

EU insta ao Concello a ofertar máis prazas e servizo de comedor no Plan Concilia ante a cancelación do campamento da ANPA Conchases

A formación lembra que o campamento que se celebraba no CEIP Rosalía de Castro acollía a preto dun centenar de nenos e nenas, dos que arredor da metade utilizaban o comedor, un servizo que de por si xa debería contemplar o concello. 

Denuncian a falta de planificación do goberno, coñecedor da situación, e consideran que debería ofrecer unha solución xa que moitas familias quedarán sen unha alternativa clave para a conciliación durante o verán.

O Grove, 25 de maio de 2026.- Esquerda Unida vén de reclamar ao Concello do Grove que amplíe os recursos destinados á conciliación familiar e laboral durante o verán, tras coñecerse a apertura do proceso de inscrición do Plan Concilia 2026 e a confirmación de que este ano non se celebrará o campamento organizado pola ANPA do CEIP Rosalía de Castro, suspendido debido ás obras que se están a desenvolver no centro educativo. 

O programa municipal inclúe a Ludoteca, destinada, igual que o ano pasado, a un centenar de nenos e nenas nados entre 2018 e 2022, e o Campamento Deportivo, que mantén as mesmas 200 prazas do pasado ano, dirixido a persoas nadas entre 2012 e 2019. Porén, desde Esquerda Unida consideran que a oferta pode resultar insuficiente para cubrir as necesidades reais das familias do Grove ao non celebrarse o campamento da ANPA Conchases, que acollía a outro centenar de nenos e nenas. 

A situación complícase máis tendo en conta que o campamento que se celebraba no CEIP Rosalía de Castro ofertaba tamén servizo de comedor, do que facían uso preto de 50 familias. “O problema non é só a perda de prazas, senón tamén a desaparición dun servizo fundamental para moitas familias como era o comedor”, sinala concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis. “Estamos falando de pais e nais que durante o verán teñen máis carga laboral precisamente polo incremento da actividade turística e que agora van atoparse con menos ferramentas para poder conciliar”. 

Dende a formación lembran que a necesidade de conciliación xa é importante ao longo de todo o ano, pero intensifícase especialmente durante os meses de verán nun concello como O Grove, onde moitas persoas traballan na hostalaría, no comercio ou en actividades vinculadas ao turismo. 

Esquerda Unida considera que o Concello debería actuar con previsión ante unha situación que xa coñecía, procurando alternativas que permitan ampliar o número de prazas e estudar fórmulas para ofrecer tamén servizo de comedor. Neste sentido, a formación lembra que leva anos defendendo medidas de conciliación máis ambiciosas e sostidas no tempo. 

“Sempre estivemos comprometidos coa conciliación familiar. Por iso levamos anos propoñendo campamentos municipais tamén noutras épocas non lectivas, como Nadal ou Semana Santa, e mesmo con servizo de comedor, especialmente dirixido ás familias máis vulnerables”, explica Meis. 

Neste sentido, consideran incoherente que o Concello sufrague durante o curso escolar o comedor de determinadas familias a través dos Servizos Sociais e que, pola contra, non contemple alternativas similares nos períodos non lectivos. “Non estamos pedindo nada novo nin imposible. Estamos falando de medidas que xa funcionan noutros concellos e que forman parte do modelo de conciliación e apoio social que defendemos desde hai anos”, engaden. 

Ademais, Esquerda Unida entende que a cancelación do campamento do Rosalía non debería asumirse como inevitable simplemente polas obras no centro. “Seguramente, se existise unha colaboración municipal estable, un convenio co comedor ou unha implicación real do Concello, tanto a ANPA como a administración local poderían traballar da man para procurar alternativas, como sucede noutros concellos da contorna”, sinala Meis. 

Por último, advirten de que moitas familias veranse obrigadas a pedir reducións de xornada, reorganizar horarios ou incluso buscar empregos compatibles co coidado dos seus fillos e fillas, o que pode derivar en consecuencias económicas importantes. “Un concello comprometido coa conciliación e coas familias vulnerables non pode mirar para outro lado ante unha situación como esta”, conclúen.

14 maio 2026

Esquerda Unida denuncia o “absurdo” de arranxar baldosas en rúas que van ser abertas en poucas semanas

A formación critica a “improvisación e falta total de planificación” do goberno local no uso dos cartos públicos. 

Lembran tamén o caso do Corgo, onde se prevé retirar elementos instalados hai apenas uns anos dentro dunha actuación presentada como “refuxio climático”.

O Grove, 14 de maio de 2026.-Esquerda Unida denunciou hoxe a “pésima planificación” do goberno municipal tras comprobar que o Concello está a destinar recursos públicos á reparación de baldosas en rúas nas que xa existen actuacións integrais previstas a curto prazo. 

A formación lembra que o pasado mes de marzo o alcalde anunciaba a posta en marcha dun contrato de arredor de 48.000 euros destinado ao mantemento e conservación de espazos públicos, asegurando que o obxectivo era deixar o municipio “en perfectas condicións” de cara á tempada estival. 

Desde Esquerda Unida sinalan que sempre defenderon a necesidade dun plan de mantemento para o municipio, lembrando que “levamos anos denunciando o deterioro das rúas e reclamando actuacións continuadas e planificadas”. Porén, consideran que o problema aparece “cando se executan reparacións sen ningún tipo de coordinación coas obras xa previstas”. 

Como exemplo, a formación pon o caso da rúa do camiño do Con do Gato, onde esta mesma semana se estiveron arranxando baldosas a pesar de que en poucas semanas a vía será aberta por completo para executar substitución de tubaxes e posterior formigonado. 

Lembran que algo semellante produciuse recentemente diante da Casa do Concello, onde tamén se realizaron reparacións de baldosas cando se vai executar unha actuación de maior envergadura. 

“O máis grave é que nin sequera podemos falar de falta de coordinación entre departamentos distintos, porque ambas actuacións dependen da mesma concellería. É dicir, quen ordena arranxar esas baldosas sabe perfectamente que esas rúas van ser abertas ao pouco tempo”, critican. 

Para a formación, esta maneira de actuar “non responde a un modelo serio de mantemento, senón á improvisación permanente e ao malgasto de cartos públicos”. 

Esquerda Unida advirte ademais de que esta situación “non é un feito illado”, lembrando tamén o que sucederá coa obra do Corgo, presentada como un refuxio climático. A actuación contempla o desprazamento e nova instalación dunha iluminación colocada hai apenas ano e medio cun custo próximo aos 100.000 euros, así como a eliminación das “paulonias” plantadas hai só seis anos co mesmo obxectivo climático que agora se pretende xustificar coa nova actuación. Unhas cuestións xa foron expostas polo grupo municipal no pasado pleno. 

“Ao final, as consecuencias destas malas decisións non as pagan quen as toma, senón toda a veciñanza do Grove”, conclúen.

03 maio 2026

COMUNICADO. A Toxa non se pecha

COMUNICADO

A Toxa non se pecha

Dende Esquerda Unida queremos amosar a nosa firme oposición a calquera medida que supoña restrinxir o acceso rodado á illa da Toxa, un espazo que forma parte do patrimonio colectivo de toda a veciñanza do Grove.

A Toxa non é unha propiedade privada ao uso, senón un símbolo da nosa identidade e un dos principais activos turísticos do municipio. Pretender limitar o acceso público supón un paso máis cara á privatización dun espazo que a presión social acabou por consolidar como público e accesible. Dar agora pasos atrás nese camiño sería un erro histórico.

Esta proposta, que sae á luz estes días, non é nova. Consideramos que esta idea parte do Grupo Hotusa, tendo en conta o crecente protagonismo deste grupo na illa e os movementos que xa se produciron nos últimos anos para asumir un maior control da súa xestión.

Non en balde, hai case un ano, Hotusa tentou facerse co control da Illa impulsando un borrador de estatutos para a creación da Entidade Urbanística de Conservación que contemplaba, entre outras cuestións, estas medidas restritivas. Isto xerou unha importante oposición entre propietarios da propia illa, preocupados por quedar á marxe das decisións. Entendemos que se agora se volve poñer enriba da mesa é porque se produciu un xiro nos acontecementos e existe un traballo de convencemento sobre unha parte significativa dos propietarios.

Dende Esquerda Unida xa solicitamos no mes de setembro, por rexistro, o borrador dos estatutos que supostamente estaban en elaboración conxuntamente co Concello. A día de hoxe, esa documentación non foi facilitada, o que resulta difícil de entender e nos fai sospeitar que houbo unha vontade intencionada de non compartir información sobre un asunto de grande relevancia pública.

Estamos, polo tanto, ante unha estratexia continuada que responde máis a intereses particulares que ao interese xeral.

Consideramos que unha cuestión desta relevancia debería ter contado cun rexeitamento claro por parte do goberno municipal dende o primeiro momento. Porén, esa posición non se produciu, o que evidencia unha preocupante falta de firmeza, condicionada pola relación de proximidade existente co grupo empresarial. Compre lembrar que, nos últimos anos, actos de promoción tan relevantes como as presentacións da Festa do Marisco en territorio estatal tiveron lugar en establecementos deste mesmo grupo.

A solución non pasa por pechar, senón por ordenar. É posible xestionar os fluxos de visitantes, mellorar os servizos e garantir a convivencia sen recorrer a medidas excluíntes.

A Toxa non pode converterse nun espazo exclusivo para uns poucos.

É, e debe seguir sendo, un lugar aberto para todos e todas.


27 abril 2026

PLENO ABRIL 2026

ROGOS E PREGUNTAS

📅 27 de abril de 2026

▶ Intervención: minuto 15:44


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Mantemento dos parques municipais

Preguntamos se o Concello contaba cunha empresa encargada do mantemento dos parques, logo do falecemento a finais do ano anterior do responsable da empresa que viña prestando este servizo.

🔻 Marquesiña de Árdia

Preguntamos novamente polo motivo polo que continuaba sen instalarse a marquesiña, malia as reiteradas respostas do goberno anunciando a súa próxima colocación.

🔻 Fonte da rúa Concepción Arenal

Preguntamos novamente pola reinstalación desta fonte pública, que continuaba sen executarse a pesar das reiteradas solicitudes formuladas polo noso grupo municipal.

🔻 Praza do Corgo – Refuxio Climático

Preguntamos por diferentes aspectos relacionados coa obra do Corgo, catalogada como Refuxio Climático. Cuestionamos o investimento de preto de 700.000 euros nun espazo de titularidade de Portos de Galicia, cando anteriormente se argumentaba que non era posible investir fondos municipais por non ser de titularidade local. Tamén preguntamos pola compatibilidade da actuación coa futura construción dun tanque de tormentas para solucionar as inundacións da zona, polo traslado dunha luminaria instalada apenas un ano antes cun investimento próximo aos 100.000 euros, pola conservación das árbores existentes e pola inclusión desta actuación dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).

08 abril 2026

PLENO MARZO 2026

ROGOS E PREGUNTAS

📅 8 de abril de 2026

▶ Intervención: minuto 1:33:40


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Control da limpeza de fincas

Preguntamos se xa se designara un Policía Local para supervisar o cumprimento da ordenanza de limpeza de fincas, tal e como anunciara a concelleira de Medio Ambiente meses antes, co obxectivo de que estivese operativa antes do inicio da tempada estival.

🔻 Ordenanza de patinetes

Preguntamos cal fora a recadación obtida polo Concello a través da aplicación da ordenanza reguladora dos patinetes eléctricos.

🔻 Festa dos Maios

Preguntamos se o Concello tiña previsto recuperar a celebración da Festa dos Maios, suspendida dous anos antes co compromiso de reformular o seu formato.

🔻 Acceso a Boibas

Preguntamos cando se actuaría no acceso a Boibas dende a Estrada do Conde, que permanecía parcialmente valado tras o afundimento da calzada.

🔻 Recollida selectiva de residuos

Preguntamos polos problemas existentes no servizo de recollida selectiva, xa que os colectores de plástico, cartón e vidro permanecían durante varios días sen baleirar en diferentes puntos do concello.

🔻 Marquesiñas de Árdia e Balea

Preguntamos novamente polos motivos polos que as marquesiñas continuaban sen instalarse, malia que, segundo manifestara a concelleira responsable, permanecían almacenadas nas dependencias municipais dende o mes de xaneiro.

Rogos e solicitudes

🔻 Alumeado público no Altiño

Solicitamos solucionar as deficiencias do alumeado público nesta zona, unha demanda reiterada pola veciñanza sen resposta por parte do Concello.

🔻 Rotonda de Terra de Porto

Solicitamos a reposición das luminarias existentes nas inmediacións da rotonda.

🔻 Colector de aceite usado

Solicitamos baleirar e poñer en funcionamento o colector de recollida de aceite, que levaba meses desbordado.

🔻 Praia de Terra de Porto

Solicitamos a limpeza da praia ante a acumulación de toalliñas e outros residuos.

🔻 Aldea Grobit

Solicitamos reparar as portas das casiñas deste espazo.

🔻 Monte Xaquín Álvarez Corbacho

Solicitamos instalar carteis informativos de maior tamaño na zona dos burros para advertir da prohibición de alimentar aos animais.

🔻 Campo de fútbol Monte da Vila

Solicitamos reparar o sistema de rego, avariado dende había semanas e que estaba dificultando a actividade dos clubs usuarios da instalación.

🔻 Pavillón de Conmeniño

Solicitamos solucionar os problemas de iluminación da instalación, que estaban afectando aos clubs deportivos e ao alumnado do centro educativo.