mércores, 30 de agosto de 2023

EU pide que se convoque o Consello Local de Turismo para traballar de cara a Festa do Marisco

 
Queren coñecer como se están desenvolvendo os preparativos da sesaxésima edición e apurar a publicación das diferentes licitacións: carpas de degustación, cafetería, posto de colareiras, merchandising ou artesanía, así como os diferentes produtos.

Propoñen unha serie de medidas en diversos ámbitos, dende accesibilidade e seguridade ata actividade cultural, co obxectivo de facer da Festa do Marisco unha experiencia memorable e inclusiva para todos os asistentes.

O Grove, 30 de agosto de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida solicita a convocatoria do Consello Local de Turismo co propósito de coñecer en que estado están os preparativos de cara á Festa do Marisco que se celebra dentro dun mes e que este ano chega á súa 60 edición. 

Logo de ver a semana pasada que dende o Concello xa están á procura de empregados para o evento, a concelleira da agrupación de esquerdas, Susana Millán, indica que hai máis aspectos que se deben poñer en marcha canto antes, como as diferentes licitacións: as carpas que acollen aos comensais, a cafetería, o posto das colareiras, o de merchandising, o de artesanía, o viño ou algúns dos produtos que se serven durante a festa. Millán lembra que "sempre se chega xusto coas licitacións e o ano pasado existiron problemas para lograr o abastecemento de algún dos produtos, coma o viño", polo que pide a Cacabelos, como responsable de Turismo, que reúna canto antes o Consello Local "co propósito de coñecer o estado no que se atopan as diferentes licitacións e se traballe conxuntamente dende xa nos preparativos da festa para evitar problemas de última hora”.

Para Esquerda Unida, a Festa do Marisco deste ano ten que significar un gran cambio respecto ao evento do pasado ano, no que a imaxe mostrada non foi a mellor. "Tendo en conta que este ano se cumpren seis décadas, cremos preciso facer un esforzo maior e colaborar entre tod@s na procura dun evento acorde a esta circunstancia", asevera Susana Millán que quere que se inclúan as propostas que levan realizado nas tres últimas edicións, relativas á accesibilidade, seguridade e actividades, pero tamén novas suxerencias relativas á mellora do evento en canto a infraestruturas e novas actividades paralelas. Así mesmo, piden que este ano se introduza o sistema de pago con pulseira, xa que está contemplado na subvención do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) con orzamento para o actual exercicio. “Este sistema funciona en numerosos eventos gastronómicos e musicais e, ademais de axilizar o método de pago e recollida de produtos, reduciría considerablemente as numerosas colas na caixas”, explica a concelleira.

Tendo en conta que este ano se celebra o 60 aniversario da Festa do Marisco, Esquerda Unida pide que o evento estea a altura, por iso propoñen un maior contido de actividades paralelas ao evento, da que se poida aproveitar tanto visitantes como a veciñanza, nas horas de tarde nas que están pechadas as carpas de degustación. A potenciación de espazos coma o Museo da Salga con visitas guiadas é outra das alternativas propostas polos esquerdistas, que tamén instan ao goberno a instalar unha carpa institucional na que se poidan expoñer os carteis das 60 edicións da Festa e realizar charlas e proxectar vídeos dos diferentes momentos das seis décadas do evento gastronómico máis importante de Galicia. 

En canto ás propostas que levan realizando nos últimos anos, as encamiñadas a mellorar os aspectos de accesibilidade pasan pola instalación dunha caixa a nivel do chan para facilitar a retirada de tickets ás persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida. Tamén dispoñer de persoal de asistencia para retirar os pratos a estas persoas en caso de solicitalo, pois entenden que “o recinto é totalmente inaccesible, tanto para a retirada de tickets, como a zona onde se serve a comida, o que dificulta que as persoas en cadeira de rodas poidan desfrutar da festa nas mesmas condicións que o resto”. A instalación de mesas adaptadas, o acercamento das cadeiras para as persoas que o soliciten, ou achegar ao recinto os baños adaptados, son outras das medidas relativas de accesibilidade. Ao igual que en anos anteriores, dende Esquerda Unida tamén solicitan a recuperación da carta de produtos en formato braille e que na zona de lactación se incorpore un cambiador e un microondas.

Xa no relativo á seguridade, insisten na importancia de solicitar apoio a outros concellos para aumentar as forzas públicas, Policía Local e Garda Civil, durante a Festa, “ao igual que fan concellos como Cambados, Vilagarcía ou Vigo durante as súas festas grandes”, lembra Susana Millán que non quere esquecer tamén necesidade da instalación do Punto Morado, cando menos, durante os eventos musicais. “Na pasada edición tan só se puxo en dous concertos, pero consideramos esencial que estea o maior número de días posible”. Así mesmo, volverán instar ao goberno para que evite que os autobuses permanezan na zona portuaria e sexan derivados ao aparcamento da Lanzada, “co propósito de garantir un maior número de prazas de estacionamento para turismos”, indica a esquerdista que lembra que “na maioría das cidades e vilas os autobuses xa teñen prohibido estacionar dentro do casco urbano e tan só fan o servizo de descarga e carga de pasaxeiros. Por que aquí enchemos o Corgo con autobuses?”.

Descentralizar as actividades culturais e de ocio, levando estas a outras zonas e barrios do concello e que se potencien outros espazos da vila como San Vicente, A Siradella, Moreiras ou o Monte Central da Toxa aproveitando o funcionamento do Grobus, son propostas que tamén fixeron na pasada edición e que agardan que nesta ocasión, aproveitando a celebración do 60 aniversario, si se poidan realizar.

Dende Esquerda Unida agardan que o Alcalde co voque canto antes o Consello Local de Turismo para traballar dende xa na preparación da Festa e se poidan introducir todas estas medidas que propoñen, así como as que poidan xurdir do resto das agrupacións que forman parte do órgano consultivo.

sábado, 12 de agosto de 2023

Esquerda Unida considera unha burla que o Alcalde fale de taxa turística tal e como ten a vila


O Grove, a 12 de agosto de 2023.- A principios de semana, o Alcalde do Grove facía unhas declaracións sobre a necesidade de crear unha taxa turística no concello grovense a raíz das noticias sobre a aplicación da mesma na capital galega. Afirmaba que en moitas cidades españolas e europeas xa se aplica este tipo de taxa e que estaba valorando a aplicación no Grove. Unhas palabras que Esquerda Unida considera "desproporcionadas e unha burla". 

Para a concelleira e responsable de turismo da agrupación esquerdista, Susana Millán, “querer comparar a nosa vila con urbes que ofrecen aos visitantes servizos que aquí nin se abordan, parécenos desproporcionado. Unhas vilas e cidades que contan durante todo o ano con transporte público, estacionamentos vixiados ou actividades de ocio, deportivas, culturais, congresos, exposicións,...”  

Así, Esquerda Unida considera “unha burla que o Alcalde e o seu equipo de goberno cheguen a falar deste tipo de canon e menos dunha aplicación a curto ou medio prazo despois dos últimos catro anos de nula xestión turística que levou a O Grove a un estado de abandono que enfada por igual á veciñanza e aos turistas”. 

Susana Millán opina que non se pode falar de taxa turística “mentres non exista consenso co sector e contemos con un Plan de Desenvolvemento Turístico, un departamento de turismo con persoal, unha oficina de turismo aberta durante todo o ano,  unha páxina web de turismo actualizada, bolsas de estacionamento, unha ordenanza municipal actualizada que regule as terrazas, unha que regule as vivendas de uso turístico, o estacionamento de autocaravanas, os ruídos, as zonas de carga e descarga dos buses turísticos,...”. 

Segundo Millán, “agora que xa estamos na metade do mes de Agosto e vendo como se preparou a nosa vila para a chegada do verán podemos afirmar que, outro ano máis, o que identifica a este goberno é a falta de previsión e interese polo sector turístico”.  “Moitas das labores de mantemento, limpeza e desbroce, reparacións de infraestruturas, continúan pendentes. Incluso un dos servizos máis demando nos meses de verán como o de socorrismo nas praias, estivo a piques de desaparecer”, denuncia a esquerdista, que considera que o goberno municipal “non aposta polo sector turístico a pesar de presumir de que é un dos eixos económicos máis importantes da nosa vila, e a mostra está en que non existe unha liña real de traballo”. 

Por estes motivos, dende Esquerda Unida ven a proposta de aplicación dunha taxa turística, como “unha burla e un afán meramente recaudatorio de Cacabelos” e instan ao Alcalde a “traballar para ofrecer primeiramente uns servizos de calidade ao nosos visitantes e logo poderemos ver de aplicar a taxa correspondente”.

 

mércores, 2 de agosto de 2023

EU reúnese co concelleiro de limpeza e mantemento de espazos públicos para coñecer a realidade dos servizos e trasladar as súas propostas

O Grove, 2 de agosto de 2023. O pasado mércores, os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, reuníronse co concelleiro delegado de Limpeza, Mantemento de Espazos Públicos e Mercado, Juan Ramón Outeda, co propósito de coñecer de primeira man a situación na que se atopan os servizos tanto o de limpeza como o de mantemento dos parques e outros espazos públicos, xa que nos últimos meses están recibindo numerosas críticas veciñais. Así mesmo, os esquerdistas aproveitaron a xuntanza para trasladar unha serie de propostas de actuación nos diferentes ámbitos.

En canto ao servizo de limpeza, dende Esquerda Unida solicitaron o de limpeza que realizan os operarios municipais durante a semana, “para coñecer a cobertura que este servizo está prestando ao municipio, pois son numerosas as queixas veciñais indicando que as súas rúas non están sendo visitadas polos varredores”, indica Otero. Logo de finalizar o proceso de estabilización, no servizo de limpeza incorporáronse 10 operarios pero, tal e como lles confirmou o concelleiro delegado, tan só 6 están destinados á limpeza de rúas, unha cifra que os concelleiros de Esquerda Unida consideran insuficiente, polo que pediron que se procurase o incremento de persoal nesta área.

A falta de recibir e revisar o plan de traballo que están realizando os varredores, dende Esquerda Unida propuxeron que se procurase o desvío puntual de algún dos operarios da zona do casco urbano a outras rúas e barrios máis esquecidos. Ademais, tras confirmar a incorporación de persoal para desbrozar, insistiron na limpeza inmediata dos beirais de diferentes rúas e que se continuase co traballo iniciado nos barrios co propósito de eliminar canto antes a maleza existente. Otero, Millán e Meis lembran que estas cuestións estaban incluídas no acordo do pleno de órganos e que “tendo en conta que xa deberían ter feito este traballo hai varios meses, ollamos como dende a sinatura do acordo foron realizando esa limpeza de maleza, tanto nas rúas como nos barrios. Aínda así, insistimos en que aínda quedan moitas zonas nas que é preciso actuar de inmediato”.

Por outro lado, dende o grupo municipal, tamén en base ao acordo alcanzado, quixeron coñecer a situación na que se atopa o mantemento dos parques infantís e insistiron na urxencia á hora de dar solución ao arranxo dos diferentes elementos que se atopan deteriorados, “pois estamos nunha época na que a demanda é moito maior debido ao bo tempo e ao período vacacional”, recalca o voceiro esquerdista, que tamén reiterou a necesidade de executar canto antes a mellora do firme exterior do parque de Terra de Porto, “xa que temos constancia de varias persoas, pequenas e maiores, que debido ao estado do firme sufriron caídas de diferente gravidade, polo que é preciso tomar cartas no asunto o máis axiña posible”.

Otero, Millán e Meis tamén solicitaron a limpeza habitual nos arredores dos colectores de lixo, “sobre todo os que se atopan nas zonas próximas a locais de hostalería, xa que adoitan estar graxentos e provocar malos cheiros, máxime nesta época estival”. Outra das demandas foi relativa á posibilidade de reformar a vella depuradora do Corgo, que é utilizada polos servicios de xardinería e limpeza, co propósito de mellorar o espazo de almacenaxe e traballo para os operarios municipais. Por último, dende Esquerda Unida pediron que se procurase a vixilancia da parte traseira da Lonxa nas xornadas de mercadillo, “pois debido ao mal estacionamento de moitos usuarios, a estrada, que se convirte na única opción de circulación, queda reducido a un só carril, provocando enormes atascos e inconvenientes para os vehículos que se ven obrigados a transitar por esa zona”.

O concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, valoraron positivamente a xuntanza co concelleiro de Limpeza, Mercado e Mantemento de Espazos Públicos, “pois púxonos ao día sobre a situación das súas áreas, resolveunos as dúbidas e acolleu con gratitude as propostas que lle trasladamos”. Así, indicaron que este é o inicio dunha serie de xuntanzas cos diferentes concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, “pois cremos que é o mellor modo de coñecer a situación das súas áreas, se é o caso, mostrar o noso desacordo co traballo que se realiza e, sobre todo, trasladar directamente as propostas do noso programa co propósito de mellorar os servizos”.