Xam
Lamelas solicitou, no pleno do mércores, a retirada da moción presentada polo
goberno tripartito ao considerar que perdeu a pouca credibilidade e autoridade
que podía ter en materia urbanística.
O concelleiro de Esquerda Unida argumentou, cos
incumprimentos do pacto tripartito, a desastrosa xestión municipal deste
goberno que rematou nos últimos meses coa desfeita do PXOM.
Momento da sesión plenaria do pasado mércores. Foto: Todogrove.com |
O Grove, 30 de xaneiro de 2015- Na sesión plenaria do pasado mércores, onde se decidía o futuro do
Plan Xeral (PXOM), o concelleiro de Esquerda Unida, Xam Lamelas, solicitou a
retirada da moción presentada polo tripartito ao considerar que “este goberno
perdeu a pouca credibilidade e autoridade que podía ter nesta materia”.
Ademais, tal e como indicou Lamelas, a moción presentada pola Plataforma de
Afectados polo PXOM reflectía moito mellor as demandas sociais da veciñanza,
polo que consideraba innecesaria a proposta polo goberno. A petición non foi
aceptada e por iso Esquerda Unida decidiu non votala, contando esta só co apoio
do PSOE. Non sucedeu o mesmo na moción da Plataforma, que si foi referendada
por toda a corporación e que pedía entre outras cousas, responsabilidades
políticas. Esquerda Unida agarda ver cales considera este goberno que son as
responsabilidades e quen son os responsables desta situación, que levou a
xuntar a máis de 4.000 persoas nunha manifestación en contra do documento e a
practicamente o mesmo número de alegacións a un PXOM que finalmente se agochará
no caixón.
O concelleiro de Esquerda Unida expresou a súa
desconfianza no goberno tripartito aludindo os “tombos” que este foi dando nas
últimas semanas a raíz da gran mobilización social que xurdiu en contra do Plan
Xeral, indicando que iso “son síntomas dun goberno acabado, que non pode seguir
decidindo sobre as cuestións importantes que atinxen á vida dos veciños do
Grove”.
Para
argumentarse, Lamelas relatou os incumprimentos do propio acordo de goberno
asinado polos tres partidos que forman o mesmo e amparado polo Presidente da
Deputación, Rafael Louzán, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores
Tourís. Un incumprimento total que deixa catro anos de mandato de Miguel Pérez
“ineficientes e autoritarios”. O centro de día e o centro de saúde, tiraron
abaixo os proxectos do anterior mandato; Auditorio, anunciouse un proxecto sen
financiamento, as obras da EDAR, iniciadas polo anterior goberno e aínda non se
coñece data de finalización; as obras do pavillón municipal, con numerosos
atrancos e sen rematar; desdobramento da vía rápida, seguimos igual; inversións
da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, inexistentes ata o momento.
Unha longa lista de promesas que demostran a “desastrosa xestión municipal” que
ven de rematar nestes días coa “desfeita do Plan Xeral de Ordenación
Municipal”, outro dos puntos estrela dese pacto tripartito.
Un
Plan Xeral que no pacto anunciaban que tería rematado (aprobación inicial,
aprobación provisional e definitiva, relataba) pero que, tras saír a luz na
primeira das fases, se tivo que volver gardar no caixón pola presión veciñal,
xa que comezaron a xurdir todos os intereses ocultos que se estaban agochando
na súa planificación, cuestión esta xa advertida polo concelleiro de Esquerda
Unida no pleno da súa aprobación.
É
por iso que Esquerda Unida considera que o actual tripartito non se atopa
lexitimado para tomar decisións de goberno, e menos en materia de urbanismo,
desconfiando incluso de que o propio goberno poida garantir o cumprimento das
súas propias propostas, “pois téñennos acostumados a todo o contrario”.