xoves, 22 de febreiro de 2018

EU pide o apoio da corporación á Folga Feminista do vindeiro 8 de marzo

O Grupo Municipal de Esquerda Unida presenta unha moción para que o pleno do Concello do Grove se comprometa a apoiar a Folga Xeral das Mulleres facilitando o seu desenvolvemento, que facilite con todos os medios materiais, persoais e de difusión as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoquen as asociacións de mulleres no 8 de marzo e que a Casa do Concello enarbore a bandeira feminista como símbolo de apoio á loita das mulleres. 

A proposta debaterase no pleno do vindeiro luns 26 de febreiro

MOCIÓN COMPLETA

DE APOIO Á FOLGA FEMINISTA. 8 DE MARZO DE 2018

Esquerda Unida demanda que o Concello aplique a ordenanza de terrazas

Os edís de Esquerda Unida no Grove, Juan Lamelas e José Antonio Otero, reclamaron na xuntanza mantida para a modificación da ordenanza de terrazas que o Concello faga cumprir a mesma.

Esquerda Unida leva desde que se aprobou hai catro anos e medio esixindo o seu cumprimento.

O Grove, 21 de febreiro de 2018.- Os grupos municipais do Concello do Grove reuníronse onte pola tarde para valorar a proposta de modificación da ordenanza de terrazas. Trátase dunha proposta do goberno municipal, presidido José A. Cacabelos, que engade un modelo estético diferente á recentemente remodelada rúa Castelao.

Nesta xuntanza, o voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas, fixo fincapé en algúns dos problemas ocasionados polo incumprimento de funcións por parte do Concello á hora de facer cumprir a ordenanza que diferentes veciños lles teñen trasladado, e que son coñecidos polo alcalde, sen que este teña tomado ningunha medida ata agora para darlles solución. Así mesmo, tamén foi trasladado por parte dos edís esquerdistas consideracións sobre a modificación da ordenanza fiscal polo uso de terreo público que ocupan estas instalacións, ademais da importancia que teñen as terrazas na vida económica e social deste concello, e que a convivencia entre veciños, peóns e hostaleiros, é perfectamente compatible coa aplicación da ordenanza.

En case tres anos de mandato do señor Cacabelos, nada se ten feito por parte do Concello para facer cumprir esta ordenanza” explica Lamelas. “Agardamos que agora que propoñen esta pequena modificación por fin se poñan a facer o seu traballo” conclúe.

O outro asunto importante desta xuntanza foi o relativo ás terrazas que ocupan terreos portuarios. Hai un consenso absoluto no arco municipal respecto de que Portos de Galicia debe aplicar os criterios aprobados polo Pleno do Concello do Grove no que respecta a este tipo de instalacións en zona portuaria.

Grupo Municipal de Esquerda Unida
O Grove

luns, 19 de febreiro de 2018

Esquerda Unida denuncia que Cacabelos deixou sen financiamento o Auditorio



Trala modificación do destino de 1,5 millóns, aprobada no pleno de xaneiro, faltan máis de 400.000 euros para completar o custo total da obra segundo denuncian os edís de EU.

Lamelas e Otero indican que o goberno vai destinar millón e medio de euros a actuacións sen proxectos e sen concretar a súa execución.Tachan a Cacabelos de actuar de modo electoralista.

O Grove, febreiro de 2018.- No pleno do mes de xaneiro, onde se aprobou o cambio de destino dos 1,5 millóns do crédito destinado inicialmente para o auditorio, o voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas, denunciou que con esa modificación o goberno deixaba a obra do auditorio municipal sen a totalidade do orzamento preciso para a súa construción, pois agora mesmo faltan mais de 400.000 euros. Os edís esquerdistas non entenden cal é o motivo para tal actuación "pois pasaron de ter cartos de mais a quedarse sen a totalidade do orzamento do auditorio". Consideran que "este goberno traballa a golpe de ocorrencias e son incapaces de recoñecer os seus propios erros" motivo polo que cren que o Alcalde continuou co trámite a pesares da advertencia de Esquerda Unida ao respecto.

Así mesmo, indican que esta modificación confírmalles o que levan denunciando dende que se aprobou a solicitude da subvención da deputación, "que non era preciso ter os cartos antes da solicitude, pois agora mesmo non se cumpre o 4 punto, o do compromiso de achegar pouco mais de 2.800.000 €. O que ven sendo o mesmo, que se podía solicitar a subvención e logo un crédito moito menor, sen ter que endebedarnos tanto". Pero tamén din que entenden a actitude de Cacabelos "pois dende hai preto dun ano o Alcalde só pensa de forma electoralista e atópase inmerso na súa propia campaña electoral, gastando todos os seus cartuchos vendo que non foi quen de cumprir as promesas que o levaron a gañar as eleccións".

Por outro lado, os esquerdistas indican que non votaron a favor da modificación do destino do crédito, porque o consideran "un fraude e unha proposta irreal e a saber si realizable" pois, segundo indican os edís "o mesmo alcalde confirmou no pleno que ningunha das cuestións ás que se pretenden destinar as partidas están pechadas, contan con proxecto e cos permisos precisos para executalas", polo que "non podemos apoiar algo que non sabemos si se vai facer ou si os cartos que se destinan son de máis ou insuficientes"