sábado, 16 de febreiro de 2019

Esquerda Unida solicita explicacións sobre o posible funcionamento irregular da Escola de Música

O Concello aínda non sacou a concurso a adxudicación do servizo, a pesar de que o contrato polo que se rexe o funcionamento do centro municipal xa finalizou

A formación solicita información detallada sobre o estado do procedemento e insta ao goberno local a garantir a continuidade das ensinanzas musicais dentro da legalidade

O Grove, 15 de febreiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida alerta do posible funcionamento irregular da Escola de Música e insta ao Concello a garantir a continuidade das ensinanzas musicais que presta o centro municipal, de acordo coa legalidade vixente. A pesar de que o contrato do servizo finalizou o pasado mes de novembro, o goberno local non ten iniciado o procedemento para acometer a nova adxudicación do mesmo. Motivo polo cal EU insta ao goberno local a explicar a situación e a axilizar os trámites que puideran ser precisos para restablecer a legalidade.

Esquerda Unida amosa a súa preocupación sobre a posible situación irregular da Escola de Música, así como sobre as consecuencias que esta puidera ter sobre o funcionamento do centro. En  novembro  finalizou  o  contrato  de  dous anos  dun  servizo que, de acordo cos prazos do mesmo, adoitaba sacarse a concurso contra o mes de outubro. Sen embargo, de acordo coa información dispoñible, este ano o Concello non acometeu aínda o necesario procedemento para a renovación do servizo.

O prego de condicións para a licitación do servizo da Escola de Música Municipal non figura non na web de Contratos Públicos de Galicia nin en ninguna das actas da Xunta de Goberno de finais de ano. Motivo polo cal Esquerda Unida teme que o centro puidera estar funcionando de xeito irregular, ou mesmo ver comprometida a súa continuidade. 


Aínda que xa hai quince días que a formación que lidera José Antonio Otero solicitou ao goberno local información detallada sobre o estado do procedemento, así como sobre as condicións nas que está a prestarse o servizo, ata o de agora o grupo do PSOE non facilitou dato algún ao respecto. “Solicitamos  se  nos  indique  se  foi  licitada  a  contratación  do  servizo  para  a  Escola de  Música  Municipal,  e en caso  afirmativo  queremos saber en  que  termos  e  condicións  se  licitou”, explica o responsable local de EU, que insta ao Concello a facilitar copia  do  expediente.  “En  caso  de que o servizo non se teña  licitado  ata  o  momento, queremos saber  cal  é  o  motivo, e instamos ao goberno local a explicar con claridade se a Escola de Música se atopa paralizada, tendo  en  conta  que o contrato co anterior adxudiatario finalizou. De  non  ser  así,  como  é  posible  que  se  continúe  prestando  o servizo  logo  de  ter  rematado  o  contrato  e  non  ter sido  sometido  a  unha nova licitación pública?”, pregunta a formación.

venres, 8 de febreiro de 2019

Esquerda Unida chama a participar na manifestación en defensa da sanidade pública do domingo


A formación anima á cidadanía a acudir a Santiago de Compostela para denunciar a política sanitaria impulsada polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia

O grupo municipal lamenta que, a pesar do consenso existente na corporación, o Concello non peña habilitado autobuses para facilitar a participación na mobilización

A situación do centro de saúde do Monte da Vila é un exemplo dos recortes impostos, que derivan en falta de médicos suficientes, na precarización das condicións de traballo do persoal sanitario e nunha perda da calidade asistencial

O Grove, 7 de febreiro de 2019.- Esquerda Unida anima á cidadania a participar na mobilización en defensa da sanidade pública convocada para o domingo en Santiago de Compostela. A formación fai un chamamento para que as e os grovenses secunden de xeito masivo unha manifestación que permitirá evidenciar o enorme malestar existente polo deterioro do sistema sanitario provocado polos recortes do goberno da Xunta. Unha perda da calidade asistencial da que o centro de saúde do Monte da Vila é bo exemplo; pero que, lamentablemente, se extende á  atención primaria e especializada e ás urxencias de toda Galicia. 

Unhas semanas despois de que a corporación do Concello do Grove aprobase de xeito unánime unha moción para denunciar as carencias do centro de saúde da localidade, Esquerda Unida anima á poboación local a participar na gran manifestación coa que o colectivo SOS Sanidade Pública quere denunciar unha problemática que afecta a hospitais, PACs e consultas de atención primaria de toda Galicia. A formación lamenta que, a pesar do consenso existente a nivel local, o goberno grovense non teña dado aínda paso algún de cara á convocatoria da manifestación local pola que avogaba Esquerda Unida, así como outros grupos da corporación. Así como o feito de que o Concello non teña habilitado ningún tipo de transporte que facilite a participación da cidadanía do Grove na manifestación do domingo. 

“Os recortes matan, non ao negocio coa saúde” é o lema co que persoal sanitario,  organizacións políticas e sindicais e cidadania denunciarán o domingo os recortes de persoal sanitario, camas e orzamentos impostos polo Partido Popular ao sistema galego de saúde. “A Xunta de Galicia basea a súa política en recortar gasto, reducir as prazas de persoal, pechar camas, privatizar os novos hospitais, incrementar a concertación co sector privado, suprimir áreas sanitarias, desmantelar hospitais comarcais, marxinar á atención primaria e aos PACs, eliminar pediatras, deteriorar servizos de urxencias, poñer a investigación, a innovación e a formación en mans de multinacionais, precarizar as condicións dos novos especialistas favorecendo a súa emigración, e acabar coa participación social no control dun sistema que pagamos entre todas e todos”. Así explica SOS Sanidade Pública as razóns dunha convocatoria que partirá da Alameda compostelana, e que Esquerda Unida considera fundamental para deixar constancia clara do fartazgo e do malestar que os reiterados ataques do goberno da Xunta á sanidade pública teñen provocado na sociedade.

Esquerda Unida anima á poboación local a congregarse ás 11:40 á altura da estatua das Marías para participar conxuntamente na marcha que arrincará ás 12 para esixir dotacións de personal e medios axeitados e suficientes para PACs, servizos de urxencias e centros de atención primaria. Entre as reclamacións figura tamén a recuperación das áreas sanitarias e dos hospitais comarcais, así como dos servizos e centros privatizados; e a fin dos recortes e da precariedade laboral. 

mércores, 6 de febreiro de 2019

Esquerda Unida insta ao Concello a actuar para rematar cos problemas do transporte escolar


A formación anima á Concellería de Educación a impulsar o antes posible accións conxuntas e coordinadas coas ANPAS, as direccións dos centros e a oposición

Consideran intolerable que unha empresa de autobuses condicione os horarios das clases e obstaculice as posibilidades de conciliación 

O Grove, 5 de febreiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao Concello a tomar a iniciativa para tentar solventar os continuos problemas que están a producirse nas liñas de transporte escolar. A formación considera intolerable que as condicións impostas por unha empresa de autobuses obriguen ao alumnado a chegar tarde a clase un día tras outro; ou condicionen os horarios dos centros de ensino e obstaculicen as necesidades de conciliación das familias. A formación considera que a situación non pode prolongarse por máis tempo, e anima á Concellería de Educación a actuar para formar unha fronte común e esixir solucións.

Hai meses que familias e persoal docente veñen alertando do deficiente funcionamento do transporte escolar no Grove. E é que o sistema actual, que permite combinar liñas para que un mesmo autobús preste servizo a centros diferentes, non semella contentar a ninguén máis que á propia empresa que o presta. As problemáticas derivadas desta circunstancia están a afectar tanto aos centros de primara como aos institutos da localidade. Centros nos que, segundo alerta a comunidade educativa, en ningún caso o transporte está a funcionar de xeito adecuado.

Esquerda Unida considera que o Concello debe tomar cartas no asunto e poñerse á fronte das reclamacións. A formación, que xa ten trasladado a súa postura ao goberno local, insta á Concellería de Educación a convocar coa máxima urxencia ás direccións dos centros educativos e ás ANPAS da localidade, así como aos grupos da oposición, para abordar as carencias e idear unha estratexia de presión conxunta e coordinada. 

Esquerda Unida entende que non é de recibo que unha empresa de transporte sexa quen marque os horarios dos centros educativos e coarte a adaptación de xornada que nalgúns casos reclaman as familias; ou que posúa potestadade para decidir adiantar a hora de chegada do alumnado dun instituto 20 minutos. A formación considera que o servizo debe adecuarse ás necesidades educativas e de conciliación, primando en todo caso o benestar dos menores aos que atende. Nese senso, o grupo de EU considera que non caben excusas, e insta ao Concello a actuar para esixir que a Xunta de Galicia se implique e obrigue á concesionaria a adaptarse e a prestar un servizo de calidade e acorde a eses parámetros.