25 de Novembro de 2017
Día Internacional contra a Violencia Machista
Fronte á violencia patriarcal: igualdade
radical
A violencia machista é unha vulneración dos
dereitos humanos das mulleres, que afecta á sociedade en todas as súas
estruturas. O número de vítimas asasinadas en Galicia va construíndo un relato
vergoñento: dende 2010 as cifras de feminicidio elévanse a 54. Mentres contamos
mulleres asasinadas, comprobamos con asombro que algunhas institucións lanzan
campañas que, lonxe de pular pola igualdade, reflicten e repiten conductas
patriarcais nas que se impón a desigualdade.
Ano tras ano lembramos que os datos falan
por si mesmos e sitúan as declaracións institucionais e as leis aprobadas en
constatacións do desinterese continuo por parte da administración en dotar de
medios estes acordos para facer efectivo o seu cumprimento.
A violencia machista perpetrada nos
asasinatos de mulleres é a expresión violenta máis visible, pero existen
múltiples violencias non tan evidentes que de seguro responden a unha
insoportable cultura patriarcal. A educación en igualdade é un dos piares
imprescindibles para traballar cara a erradicación desta lacra
Non podemos consentir que existan escravas
traficadas para consumo sexual dos homes. A prostitución é unha forma lexitimadora
da violencia machista onde se aluga o uso do corpo de mulleres e nenas,
lexitimando con iso á consideración da muller como un ser inferior susceptible
de ser usado e comprado. As agresións sexuais non só aumentan senón que,
nalgúns casos, pasaron de ser actos criminais individuais a formas grupais cada
vez máis presentes nas nosas festas e noutros acontecementos masivos. Exemplo
disto é o que está a acontecer estes días co xuízo das presuntas violacións dos
“sanfermins”, e a exposición mediática na que á vítima se presenta como
responsable da agresión na que se cuestioana a súa conduta só por ser muller.
A notoria expansión que está adquirindo a
demanda de aluguer dos ventres de mulleres, non só ten un significado ostentoso
de diferenza de clase e xenófobo, senón tamén de que o patriarcado, cada vez
con menos escrúpulos, pretende comerciar legalmente cos nosos corpos, valéndose
da necesidade e amparándose na desigualdade.
Tentar lexislar a custodia compartida
imposta sen acordo das partes e obviando a situación de vulnerabilidade e
violencia á que poden estar sometidas as mulleres e os menores é unha
irresponsabilidade.
A fenda salarial existente entre mulleres e
homes en traballos de igual valor é a fórmula que o Estado opresor ten para
manifestar que seguimos sendo cidadás de segunda clase, condicionando a nosa
autonomía económica para manternos subordinadas.
Precisamos políticas transversais, contundencia e decisión
política para aumentar os recursos económicos e humanos destinados ao desenvolvemento
de políticas de igualdade activas, integrais e participativas.