ALEAS-EU INSISTE NA NECESIDADE DE CREAR UNHA UNIDADE DE ACCIÓN ENTRE OS
COLECTIVOS E ACTIVISTAS LGTBI
ALEAS-EU CRE QUE O EXEMPLO DA PLATAFORMA FEMINISTA GALEGA É O MILLOR
ESPELLO ONDE REFLEXARSE
Un ano máis achégase o 28 de Xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI,
no que se conmemoran os disturbios de StoneWall de 1969 en New York. Un ano
máis, miramos cara o noso pasado e sentimos non só Orgullo da nosa identidade,
senón tamén Orgullo da nosa historia, orgullosas e orgullosos de onde vimos e
cara onde vamos.
Son moitos os espellos nos que mirarse. Moitos referentes que loitaron
antes e outros que seguen loitando por un mundo para todas e todos, respectuoso
coa diversidade e con admiración pola beleza que iso significa, un mundo
plural. Pero tamén é moito o traballo que queda por diante, xa que as agresións
van en aumento e aínda que os pasos dados non son en vano, quédanos moito polo
que pelexar e seguir na rúa.
Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida
(ALEAS-EU) non podemos máis que seguir insistindo en dous eixes: a procura do
compromiso institucional real en canto á loita e conquista de dereitos LGTBI, e
a procura dunha maior unidade dos colectivos e activistas LGTBI, unha unidade
de acción dende a diversidade que nos caracteriza, seguindo o gran exemplo do movemento
feminista galego e do nacemento da Plataforma Feminista Galega.
Unha maior unidade mobilizadora non só nos permitiría consolidar os
avances acadados, senón incluso profundar neles, algo necesario no xa máis que
coñecido exemplo da Lei 2/2014 do 14 de Abril de 'igualdade e non
discriminación LGTBI' do goberno da Xunta do PP, a cal quedou baleira de
contido coas súas emendas e agora, unha vez aprobada, apenas ten uso.
Unidade LGTBI, para comezar, pero sen obviar o que vén despois, maior
coordinación entre os movementos feministas e de liberación sexual galegos, así
como a colaboración e apoio entre outros espazos, de cara a unificar loitas e
conseguir mudalo todo.
Dende ALEAS-EU sempre defenderemos esta idea, a necesidade de seguir
sumando, de seguir aumentando alianzas, de facer músculo para poder seguir
avanzando. Unidas somos máis fortes, unidas só podemos vencer!
MOCIÓN NO GROVE
Cabe destacar que no Grove, o Pleno da corporación municipal aprobou por
UNANIMIDADE, na sesión do 30 de maio, unha moción do Grupo Municipal de
Esquerda Unida –refundida coa presentada polo PGD– na que se instaba a:
1- Contribuír, nas competencias
que lle son propias a este Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas
as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por
orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade
de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar,
escolar, laboral, social e/ou político.
2- Fomentar as condicións de
posibilidade para o fortalecemento e o crecemento do asociacionismo LGTBI
reivindicativo, entendendo a este como un protagonista clave na loita contra a
homofobia, transfobia, bifobia e lesbofobia.
3- Promover o coñecemento e o
compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral da
administración local, especialmente entre os corpos policiais, a través de
campañas de sensibilización e cursos de formación desenvolvidos polos propios
colectivos.
4- Apoiar e difundir as
convocatorias contra as agresións que realizan os colectivos LGTBI en todos os
espazos que competen á administración local, especialmente nos lugares de
lecer, educativos, asistenciais, administrativos e de transporte.
5- Garantir atención integral a
todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de
odio, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.
6- Recoñecer a determinante
contribución de todas aquelas persoas e colectivos que veñen defendendo durante
décadas os dereitos de lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais.
7- Estender, durante o día 28
de xuño, día internacional do orgullo gai, unha ensina coas cores da bandeira
arco iris, representativa do colectivo LGTB, na fachada principal do edificio
do concello, xunto ao resto de bandeiras institucionais.
8-
Instar á Xunta ao
cumprimento das 5 recomendacións urxentes da Valedora do Pobo. Así, urxe a
existencia dun documento transitorio de identidade para os maiores de idade no
que se recolla o seu nome elixido sen ter que esperar ata “dous anos” para ese
cambio; así como cambiar no nome nos cartóns sanitarios de menores transexuais.
Maior pedagoxía en escolas; aumentar a formación de profesionais da educación,
sanidade e administración; e desenvolvemento dun protocolo de Atención Primaria
no Sergas para asistir de “forma certa e segura”. Paso previo dunha lei galega
de igualdade e diversidade.
9- Convidar a FELGTB, ou no seu
caso galega, a realizar charlas nos institutos da súa campaña “Escuela sin
armarios” (www.escuelasinarmarios.com)