luns, 23 de maio de 2016

Esquerda Unida solicita medidas municipais contra a LGTBfobia



Os esquerdistas consideran que a LGTBfobia persiste na sociedade mostrándose con diversas caras xa que a discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal, debe ser denunciada e condenada. Presentan unha moción na que solicitan implicación municipal no rexeitamento a toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar.

Ademais, o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterán a debate unha declaración institucional relativa ao futuro en liberdade do pobo saharauí e que se demande dos EEUU o levantamento do bloqueo a Cuba.


O Grove, 20 de maio de 2016.- O pasado 17 de maio, en Galicia festexouse o Día das Letras Galegas, pero a nivel mundial nesa mesma data  tivo lugar a celebración do Día Internacional contra a LGTBfobia, un día de loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero. Segundo Esquerda Unida, a LGTBfobia persiste na sociedade, mostrándose con diversas caras, pois consideran que a discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal, debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade como polos propios poderes públicos.

Os edís esquerdistas, Juan Lamelas e Jose Antonio Otero coidan que existe LGTBfobia cando se patoloxizan as identidades das persoas transexuais e se invisibiliza a realidade das e dos maiores LGTB, cando a igrexa ataca a diversidade sexual, se recorren os dereitos de LGTB ante o Tribunal Constittucional e se tolera o “Bullyng” o acoso escolar LGTBfóbico, cando se condena ao colectivo LGTB ao paro e á precariedade, se aproban recortes en sanidade que afectas especialmente ás persoas transexuais e se elimina a dotación orzamentaria que sostén o Plan Nacional sobre o Sida.

Tanto Lamelas como Otero consideran que a educación é o instrumento máis eficaz na loita contra a discriminación e a intolerancia, polo que entenden que é preciso defender unha educación pública, laica, humanista e inclusiva que contribúa a poñer fin a esta lacra social e a promover o respecto á dignidade cidadá de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.

É por iso, que o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará ao pleno deste mes de maio unha moción na que solicitará que o Concello do Grove contribúa ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, social e/ou político.

Así mesmo, piden que dende a administración municipal se fomente e fortaleza o asociacionismo LGTBI, se promovan o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral, se apoie e difundan as convocatorias que realizan os colectivos LGTBI e se garanta a atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, prestando especial atención aos colectivos máis vulnerables.

Ademais desta moción e as xa anunciadas –implantación dunha Carta de Servizos municipal e declarar O Grove como municipio contrario ao TTIP– o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterá a debate no pleno deste mes de maio dúas propostas máis. Na primeira os edís esquerdistas pedirán que se demande dos EEUU de América o levantamento do bloqueo a Cuba e se remita ese acordo ao Parlamento de Galicia e ao Consulado de Cuba en Galicia e na segunda solicitarán a aprobación dunha declaración institucional relativa ao futuro en liberdade do pobo saharauí.
 
Grupo Municipal de Esquerda Unida
  

[ver/descargar moción declaración institucional futuro en liberdade pobo saharauí]

Prensa:

EU súmase á reclamación de medidas para previr a "LGTBfobia" [ver noticia web]

xoves, 19 de maio de 2016

EU presenta unha moción para que O Grove sexa municipio oposto ao TTIP


Os edís esquerdistas propoñen que o Concello do Grove se declare municipio contrario ao acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP).

O Grove, 19 de maio de 2016.- No día de onte, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexistrou unha moción para que o pleno do mes de maio se pronuncie e declare O Grove como municipio contrario ao acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP). Os esquerdistas consideran que este acordo de liberación do comercio e investimentos, que a Unión Europea e o Estados Unidos están a negociar de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos, supón un serio perigo para a democracia, a soberanía e a debida protección dos dereitos humanos e a natureza, antepondo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais ao interese xeral.

Un tratado que segundo Esquerda Unida suporá a “mercantilización absoluta das nosas vidas e o sometemento total da soberanía dos estados aos interese das grandes corporacións”. Consideran que o TTIP persegue a liberación total dos servizos públicos e a apertura da prestación dos mesmos ás empresas transnacionais, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, o que supón por en perigo todos os servizos e compras públicas, en todos os niveis de poder, e comprometer a habilidade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades, así como promover a industria, emprego e iniciativas locais.

Segundo os esquerdistas, a aprobación do TTIP contribuirá, no caso do Estado español, á planificada ofensiva do neoliberalismo conservador do goberno estatal de desmantelamento dos municipios, que baixo o nome de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local pretende tres obxectivos básicos: Restrinxir a democracia e a autonomía local, suprimir competencias e servizos públicos locais e privatizar de xeito total os servizos municipais.

É por iso que os edís de Esquerda Unida someterán a debate e aprobación do pleno do mes de maio a declaración de municipio oposto ao TTIP, defendendo os servizo públicos básicos para a solidariedade e redistribución social. Tamén propoñen solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Goberno de España o apoio ás iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles e a derrogación da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración local para lexislar unha nova normativa enfocada ao desenvolvemento da economía local. Así mesmo, solicitar do Ministerio de Economía e Competitividade a suspensión das negociacións do TTIP e outro acordos comerciais similares como o TISA (Acordo Multilateral para a Liberalización e Privatización de Servizos Públicos, a non ratificación do CETA (Acordo de Libre Comercio entre Canadá e a UE), que mecanismos como o ISDS, o ICS ou similares non sexa incluídos en ningún outro tratado e sexan eliminados dos tratados en vigor, que se evite a participación directa ou indirecta das Empresas Transatlánticas nos procesos reguladores ou normativos da UE, que o tratado non se limite a obxectivos meramente económicos, que non se perdan competencias e que se lles dea a mesma importancia e consideración aos obxectivos sociais e ambientais, e que se faga pública a documentación e se abra un debate público na UE e os seus respectivos parlamento nacionais.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

[ver/descargar moción completa]

Prensa: 

EU pide ao pleno que se posicione en contra o acordo de comercio que necocian Europa e EEUU [ver noticia web]

EU quiere que O Grove se declare municipio contrario al TTIP [ver imaxe da noticia]


  

martes, 17 de maio de 2016

DEFENDAMOS A NOSA LINGUA.

DEFENDAMOS A NOSA LINGUA
SE BUSCAS GALICIA /
EN TI TES QUE ATOPALA
Manuel María

Neste 17 de maio de 2016, ante o desleixo deste goberno de dereitas, a sociedade galega ten que seguir sendo o alicerece sobre o que se cimente o futuro da nosa lingua. A presión constante, a reivindicación, a denuncia ante situacións que vulneran un dereito básico rebulen na conciencia do pobo ante os permanentes ataques que sofre a lingua galega. Un pobo dono de si debe ser dono da posibilidade de vivir en galego, feito hoxe imposible debido á errada e planificada política lingüística da Xunta de Galicia.

O IV Informe da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, aprobado en xaneiro de 2016, advirte das nefastas consecuencias que están tendo os recortes orzamentarios e a nula vontade da Xunta de Galicia de querer inverter as tendencias desgaleguizadoras. A Xunta demostra de forma permanente que ten unha estratexia e esta non pasa pola normalización da lingua galega. O decreto mal chamado do plurilingüismo debe ser derrogado e debemos repensar entre todas e todos, a partir do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no 2004, cal debe ser o camiño para que a lingua galega non sexa sentida como unha lingua estranxeira na súa propia terra. Só así poderemos inverter a perda de falantes en galego e recuperarnos de forma paseniña da perda de relevo interxeracional.

O galego non pode ser un obxecto etnográfico de museo, querido e coñecido, mais reducido no seu uso a desequilibradas situacións dunha diglosia cada vez máis ideoloxizada, que tingue de prexuízos e estigmas a lingua galega.

O galego non pode lanzarse ás redes da falacia cinetífica e política do bilingüismo harmónico, onde, de forma análoga a un proceso de devastación colonial, a nosa lingua vese desprazada e relegada polo imperio e dominio do castelán.

Un proceso que mesmo está erosionando as características internas da nosa lingua, cada vez máis debilitada pola penetrabilidade do castelán nas súas características lingüísticas.

Rematamos con esta perfecta sentenza poética do homenaxeado das letras galegas deste 2016,

Manuel María: "Galicia somos nós: /
a xente e maís a fala!"

17 de maio de 2016

mércores, 11 de maio de 2016

Esquerda Unida propón a creación dunha Carta de Servizos municipal



Os edís esquerdistas propoñen mellorar e valorar a calidade dos servizos municipais a través dunha Carta de Servizos municipal. Levarán a proposta ao pleno do mes de maio.

O Grove, 10 de maio de 2016.- No propósito de mellorar a calidade dos servizos que ofrece o noso concello, o grupo municipal de Esquerda Unida ven de rexistrar unha moción para que o pleno deste mes debata e poida aprobar a creación dunha Carta de Servizos municipal.

Segundo os edís de Esquerda Unida, as Cartas de Servizos son documentos públicos, a través dos cales o Concello fixa obxectivos e estándares de calidade que supoñen un compromiso fronte aos cidadáns. Por tanto, establece e comunica os servizos que ofrece e as condicións nos que os efectúa; as responsabilidades e compromisos de prestalos cuns determinados parámetros de calidade; os dereitos da cidadanía e os usuarios e usuarias dos mesmos; as responsabilidades que, como contrapartida, contraen ao recibilos e os sistemas de participación establecidos, có obxectivo de garantir unha mellora continua dos servizos públicos.

A pesar de que o proceso de elaboración e implantación das Cartas de Servizos nos organismos do Estado e da autonomía veñen definidos e regulados no Real Decreto 1259/1999, do 16 de xullo e no Decreto 117/2008, do 22 de maio, respectivamente, as entidades locais galegas non dispoñen de normativa reguladora. A Federación Española de Municipios e Provincias editou en xaneiro de 2011 un documento que define a Elaboración e Xestión dunha Carta de Servizos na Administración Local i é sobre eses criterios, nos que os edís esquerdistas consideran que se debe elaborar a Carta de Servizos para o Concello do Grove, coa posibilidade de incluír calquera suxestión por parte dos grupos políticos representados na corporación municipal así como dos colectivos, cidadáns ou organismos relacionados coa finalidade.

É por iso polo que o grupo municipal de Esquerda Unida, rexistrou a moción co propósito de que o Concello do Grove poida contar nun futuro próximo cunha Carta de Servizos co fin de acadar unha mellora na calidade dos servizos públicos que presta e uns resultados adecuados na satisfacción da cidadanía.

Grupo Municipal de Esquerda Unida
  

[ver/descargar documento da FEMP do 2011 para a elaboración de Cartas de Servizo]

Prensa

Esquerda Unida persigue mayor calidad en la prestación de los servicios municipales [ver noticia web]

EU reclama que se elabore una carta de servicios del Concello [ver imaxe noticia completa]

sábado, 7 de maio de 2016

Esquerda Unida solicita unha xuntanza de voceiros para tratar as peonalizacións das rúas do casco urbano


Os esquerdistas, favorables á peonalización, queren coñecer os proxectos para as rúas Luis Seoane e Castelao, o desvío alternativo do tráfico e as alternativas de aparcadoiro que manexa o executivo local.

Rúa Castelao (Catorse) cortada ao tráfico polas obras
O Grove, 6 de maio de 2016. O Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitou por rexistro unha xuntanza de voceiros para abordar o tema da peonalización de rúas do casco urbano. Logo das novas en prensa nas que se indicaba que o Concello ten previsto peonalizar en breve a Rúa Luis Seoane e no mes de outubro a Rúa Castelao, concretamente o tramo coñecido como a Catorse, Juan Lamelas e José Antonio Otero solicitaron unha reunión co Alcalde para coñecer de primeira man cal é o proxecto que executará o goberno municipal, a alternativa que ten previsto para a perda de máis de 50 aparcadoiros e a nova circulación que  se propón tralo peche ao tráfico destas dúas rúas.

A pesar de mostrarse favorables á peonalización das citadas rúas, xa que ademais de supoñer unha seguridade para os viandantes pode ocasionar un incremento económico para os negocios alí instalados, os edís esquerdistas consideran que antes de pechalas ao transito de vehículos é preciso contar cun proxecto que mostre as alternativas de circulación e estacionamento, cuestión que nestes intres descoñecen por completo si existe. Tampouco teñen claro si o goberno tratou o asunto con veciños e comerciantes, principais implicados xa que serán os maiores beneficiados ou prexudicados por estas actuacións.

Por ese motivo, os edís esquerdistas agardan que Alcalde atenda á petición realizada por rexistro e convoque aos voceiros dos grupos municipais para abordar este tema, que consideran de crucial importancia, xa que se trata de pechar ao tráfico unha das arterias principais do concello.

Así mesmo, cabe recordar que Esquerda Unida xa se mostrou contrario e criticou no  anterior mandato ao goberno tripartito pola supresión de aparcadoiros realizada en rúas como A Praza de Arriba, Alcalde Xacobe Barral (antiga Cándido Acuña), Vilavella ou o Corgo, xa que naquel entón foron eliminadas máis de 30 prazas de aparcadoiros sen contar cunha alternativa. Situación que finalmente derivou no aluguer, de forma sospeitosa e irregular, dunha finca privada na zona de Beiramar. 

Prensa

EU solicita unha xuntanza de voceiros para abordar o novo mapa do tráfico [ver noticia web]


EU pide una reunión para abordar la peatonalización deCastelao y Luis Seoane [ver noticia web]

Esquerda Unida apoya las peatonalizaciones pero pide que se garanticen los aparcamientos [ver noticia web]


EU pide una reunión de portavoces para hablar sobre las peatonaliaciones [ver imaxe da noticia completa]