O
Grove, 22 de xaneiro de 2016.-
A agrupación local de Esquerda Unida sae ao paso das declaracións do
concelleiro do PGD, Alfredo Bea, nas que acusaba ao grupo municipal esquerdista
de participar xunto co goberno municipal na privatización de servizos públicos
no Concello do Grove, chegando incluso a afirmar que os edís de Esquerda Unida
forman parte do goberno como socios.
Estas afirmacións non sentaron nada
ben nas filas de esquerdistas que, tras reunir á súa militancia, decidiron saír
ao palestra para dar resposta a esta estas acusacións. A Asemblea Local da
agrupación de EU diríxese ao concelleiro galeguista para indicarlle “que estea
tranquilo señor Bea, pois en Esquerda Unida seguimos manténdonos firmes na
defensa dos servizos públicos e na necesidade da prestación dos mesmos de xeito
directo”.
En canto ás acusacións de ser socios
de goberno do PSOE, dende a propia asemblea móstranse “sorprendidos de que se nos acuse
de formar parte do goberno en calidade de socios” e afirman que “seguramente
é polo feito de que estamos facendo o noso traballo no Concello e acadamos que
algunhas proposta do noso programa electoral foran aprobadas e asumidas polo
goberno”. Así mesmo indican que “outros parecen non ter propostas e por iso
recorren a atacar e difamar de quen si ás ten”.
Esquerda Unida sinala que dentro do
paquete de propostas que os edís do Grupo Municipal trasladaron ao goberno
municipal estaba a recuperación para a súa xestión directa de varios servizos
municipais, cuestión que non foi aceptada polo goberno socialista, polo que consideran
incomprensible e inaceptable que se lles acuse de privatizar servizos cando,
segundo indican, “fomos o único grupo que solicitou e seguirá solicitando a recuperación
dos servizos privatizados”.
Os esquerdistas séntense “gabados
polo papel que o señor Bea nos quere conceder de grandes axitadores sociais”
–en referencia ao suposto silencio da agrupación nas redes sociais que antes
non se producía– “pero cremos que se nos está sobrevalorando nesta faceta”
sinalan con sorna dende EU.
Finalmente, os esquerdistas rematan
cun convite ao concelleiro galeguista e ao seu partido, “estaremos encantados de que o
Señor Bea e os membros do seu partido se reúnan con nos e lles exporemos con
agrado o noso programa electoral e as nosas propostas e o traballo realizado en
defensa dos servizos públicos”. Un traballo que, segundo a agrupación
local, están realizando de forma correcta os seus dous edís pois, “ademais
de solicitar por activa e por pasiva a recuperación dos servizos externalizados
fomos quen de arrincar no seu momento un compromiso do goberno municipal para
non privatizar os que actualmente son públicos”. “Agora é o Alcalde o que terá
que explicar por que incumpre os compromisos acadados coa nosa agrupación”, sentencian
dende Esquerda Unida.
Asemblea Local de Esquerda Unida
prensa:
Esquerda Unida niega su interés por privatizar servicios públicos y dice reafirmarse en su programa [ver noticia web]