luns, 20 de abril de 2020

Esquerda Unida pide que se exonere a taxa do mercado e se aprace a do IVTM e Vaos


Os esquerdistas presentaron alegación aos anuncios de cobro da taxa das bancadas e mercado para o segundo trimestre e á do imposto de vehículos de tracción mecánica, entrada de vehículos e reserva de espazo.

Consideran que nesta situación é preciso exonerar ás propietarias e propietarios dos postos do mercado e retrasar o pago do IVTM e vaos, cuestións que xa solicitaron o pasado 25 de marzo.

Anuncian que apoian as medidas tomadas ata o momento polo goberno municipal, que están a súa disposición e que seguirán realizando propostas económicas e sociais para superar esta situación.

O Grove, 20 de abril de 2020.  O Grupo Municipal de Esquerda Unida O Grove ven de presentar alegacións aos dous anuncios municipais de cobranza da taxas publicadas a principio de mes no Boletín Oficial da Provincia. Unha corresponde ao cobramento da taxa de bancadas e mercado no seu segundo trimestre e a outra relativa á taxa do imposto de vehículos de tracción mecánica, entrada de vehículos e reserva de espazo.

En relación á primeira das alegacións, o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, explica que consideran necesario que o concello suspenda o cobramento da taxa de bancadas e posto do mercado municipal e exonere ás propietarias e propietarios dos mesmos do pagamento do segundo trimestre. Entenden os esquerdistas que este é un trimestre no que as vendas baixaron considerablemente no mercado municipal debido á Alerta Sanitaria e algúns postos están pechados dende o decreto emitido polo Estado. Así mesmo, Otero  indica que a pesar de que se contempla o fin da Alerta Sanitaria para o vindeiro 9 de maio, o mercado tardará en recuperar a súa actividade normal moitos meses polo que esta sería unha pequena medida de axuda que está ao alcance do concello.

Por outro lado, dende Esquerda Unida tamén solicitan o aprazamento do pagamento da taxa de vehículos de tracción mecánica, vaos e reserva de espazo, pois o concello continuou co calendario fiscal municipal sen atender á situación que se está a vivir debido á Alerta Sanitaria. O voceiro esquerdista considera que non é de recibo cobrar esta taxa o día 4 de maio, como está indicado no anuncio, cando numerosas veciñas e veciños se encontran inmersas nun ERTE e non contarán cos ingresos correspondentes á metade de marzo e todo abril, como mínimo ata o 10 de maio. Así mesmo indican que son numerosos os negocios e autónomos que pararon a súa actividade dende o 14 de marzo e non contan con ingresos dende ese momento, polo que para os esquerdistas sería consecuente que o concello, cando menos, retrasara o pago desta taxa, como mínimo ata o 1 de xuño.

Por último José Antonio Otero recorda que o pasado 25 de marzo enviaron un escrito por rexistro no que solicitaban unha serie de medidas económicas nas que se atopaba o aprazamento destas taxas e exoneración das mesmas en algúns dos casos, e que non só non obtiveron resposta a esta solicitude, senón que vén como se segue aplicando o calendario fiscal do mesmo modo que sempre.

Otero finaliza indicando que Esquerda Unida apoia e apoiará todas as medidas que se estiveron e se están tomando en relación ao estado de Alerta Sanitaria dende o Concello, tanto na limpeza e desinfección de rúas, o traballo desenvolto pola policía local e emerxencias, as axudas prestadas ás persoas vulnerables dende o departamento de servizos sociais, axudas a familias para realizar as tarefas educativas... recordan que están a disposición deste goberno para o que se precise, pero tamén alerta que seguirán facendo e defendendo propostas económicas, sociais e laborais para axudar a paliar esta situación no noso concello tanto a curto como a longo prazo.

Alegación-Solicitude Mercado
Alegación-Solicitude IVTM-Vaos

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove