venres, 26 de febreiro de 2016

Esquerda Unida anima ás xentes da comarca a participar na manifestación en defensa do sector do mar este sábado en Compostela

A agrupación comarcal de Esquerda Unida celebra a vitoria das xentes  do mar en contra da Lei de Acuicultura, pero fai fincapé na necesidade de manter a mobilización social para mellorar as condicións dun sector  tan importante na comarca.

Vilagarcía de Arousa, 24 de febreiro de 2016.­ Dende Esquerda Unida celebran a retirada  do anteproxecto de Lei de Acuicultura, mediante a cal a Xunta pretendía entregar o litoral e  as augas interiores galegas ás multinacionais; aínda que, segundo recordan na organización de esquerdas, neste eido fica moito por mellorar como, por exemplo, no referente á mellora da lei de pesca ou co problema do cerco e a defensa da pesca artesanal, entre outros.

Segundo explica Juan Fajardo, membro da dirección de EU e deputado de AGE, “as facilidades para a instalación das multinacionais e as súas prácticas monopolistas   facían deste texto unha bomba perfecta para esnaquizar o noso mar e a economía do  noso sector primario. Tan só a protesta unánime da sociedade lograba, nun primeiro  momento, paralizar a lei e, esta mañá ​(polo martes), a catro días dunha manifestación  multitudinaria, foi posible que o Goberno galego aceptara finalmente retirar o  proxecto de Lei de Acuicultura​”, expón.

“Se ben a presión da sociedade e a manifestación convocada polas confrarías, foron factores decisivos para forzar á Xunta de Galicia a este cambio, o xesto do Goberno non acabará coa manifestación deste sábado e a convocatoria manterase, xa que agora é  o tempo de buscar solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca  artesanal, da rexeneración das nosas rías ou de mellorar a lei de pesca; desafíos aos  que a conselleira Quintana non está preparada, polo que seguimos a esixir a súa dimisión​”, di Fajardo.

Así, dende Esquerda Unida Arousa fan un chamamento ás xentes da comarca a mobilizarse  este sábado en Santiago de Compostela en defensa do sector do mar, “un sector  produtivo clave na nosa comarca​” en palabras do coordinador de EU en Arousa. Segundo Bueno “é unha excelente noticia a gran cantidade de autobuses que sairán  desde as distintas localidades este sábado para manifestarse en defensa dun sector que  dá emprego a milleiros de persoas na nosa comarca e en contra do cal se situou o goberno do PP na Xunta que prefire posicionarse en defensa dos intereses das multinacionais  fronte aos intereses das traballadoras e traballadores do mar​”.

sábado, 20 de febreiro de 2016

EU trasladou as súas propostas para os orzamentos 2016

Os concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida trasladáronlle ao alcalde José A. Cacabelos as propostas da asemblea para incorporar nos orzamentos municipais do 2016.

Foto Todogrove.com
O Grove, 18 de febreiro de 2016.- Os concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas e José Antonio Otero, reuníronse co alcalde do Grove, José A. Cacabelos, na rolda de contactos que este está a realizar para conquerir os apoios necesarios para a aprobación dos orzamentos municipais para o vixente ano 2016.
Nesta xuntanza, realizada na casa consistorial e sen presenza de outros grupos (o goberno optou desta volta por reunirse por separado cos distintos grupos), os representantes da esquerda no Concello recibiron as explicacións sobre as modificacións que xa ten sufrido o borrador que lles foi facilitado, sobre todo no tocante ao relacionado co persoal municipal, para a continuación expoñer as propostas que desde Esquerda Unida consideran necesarias incorporar ao documento para obter o voto favorable para a súa aprobación en pleno.
As propostas, debatidas pola asemblea local de EU, foron realizadas tanto no apartado de gastos como no de ingresos. No tocante a estes últimos, desde a agrupación de esquerdas preguntaron polas fontes de financiamento conqueridas ou negociadas polo goberno municipal para sufragar os gastos en diferentes servizos e inversións, como as emerxencias municipais, plan de obras da Deputación Provincial ou plans de emprego. Así mesmo, trasladaron ao alcalde a necesidade de baixar as dietas por asistencias a plenos, xuntas de goberno e comisións (EU votou en contra o ano pasado cando Cacabelos propuxo a suba) e a condición de negociar a modificación das taxas e impostos municipais baixo os eixos da moción presentada polos esquerdistas en pleno e rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do goberno.
Partidas de obras para A Graña, a rúa do Curruncho e a pista do Monte das Flores, a posta en marcha e negociación dunha RPT ou a contratación dun técnico municipal de turismo son algunhas das propostas que o goberno deberá ter en conta se queren o apoio de EU aos orzamentos. Destaca a proposta de eliminar a figura dos voluntarios da Festa do Marisco, e transformalos en persoal laboral eventual, proposta que ven sendo defendida por Esquerda Unida desde hai anos.
Outras propostas, para as cales xa se conta co financiamento adecuada, serían a dotación de persoal para a grúa municipal e a municipalización do servizo de atención a domicilio, agora mesmo xestionado de xeito privado, caducando a concesión este ano 2016.
Fora dos orzamentos, pero que desde Esquerda Unida queren incluír como elemento na negociación, está a creación dunhas bases de contratación para todo o persoal do Concello, tal e como propuxeron en disintas ocasións, a última no pleno do mes de xaneiro.
Todo está aberto nestas negociacións, pois segundo os concelleiros de EU “algunhas propostas foron ben recibidas, pero dubidamos que vaian querer aceptar algunhas outras” de todos os xeitos “quedamos en que nos comunicarían as impresións do goberno nos vindeiros días”.

Prensa:
Esquerda Unida-O Grove exige garantías en la política decontratación de personal
EU condiciona su apoyo a los Presupuestos a la rebaja porasistencias a Plenos y comisiones
EU propone rebajar las dietas de los políticos y contratar un técnico de turismo [Sen formato online]