A pesar de tela solicitado por rexistro, a formación aínda non puido
acceder á documentación do plan urbanístico redeseñado polo goberno de
Cacabelos
Cre que non é de recibo que o alcalde pretenda eludir a segunda
exposición aprobada por unanimidade en pleno para un proxecto que recibiu 4.000
alegacións
O Grove, 24 de abril de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida reclama
valentía, seriedade e traballo conxunto para conseguir que O Grove conte, dunha
vez por todas, cun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Despois da xuntanza
mantida hai uns días co alcalde, a formación á que representan Juan Lamelas e
José Antonio Otero critica o proceder do rexedor; que nos case tres anos que o
Concello leva traballando na modificación do planeamento mantivo á marxe aos
grupos da oposición; que a estas alturas continúan sen coñecer o contido do
PXOM.
“Os
grupos da oposición atopámonos nunha situación de total desinformación no que
respecta ao PXOM”. E é que as xuntanzas mantidas co goberno local en todo este
tempo foron “escasas, carentes de contido e, no mellor dos casos, con
información obsoleta”. Así o explica o grupo esquerdista, convencido de que o
xeito de actuar do goberno de Cacabelos nun asunto de tal relevancia para o
conxunto dos e das grovenses non é de recibo.
“Nunca
un alcalde e un goberno municipal tiveron tanta manga ancha para traballar no
PXOM”; asegura Esquerda Unida. Que lamenta que, a pesar da “total liberdade”
que a oposición lle concedeu ao goberno local, “cando solicitamos por rexistro
a información sobre o plan foinos negada”.
“Neste
momento poderiamos estar todos remando no mesmo sentido” e colaborando para dotar
ao municipio do tan necesario plan urbanístico. Pola contra, o alcalde pretende
levar a pleno un documento que a oposición descoñece por completo, pois non
tivo acceso á planimetría nin se lle deu a oportunidade de colaborar
activamente ou de facer achegas. “Vémonos nunha situación de total
desinformación, sen poder ofrecer nada aos veciños”, indican os edís de EU;
convencidos de que a aprobación definitiva do documento non pode chegar sen a
pertinente segunda exposición pública (que o pleno xa aprobou por unanimidade e
que, agora, o alcalde pretende eludir).
Un PXOM novo
“Aínda
que este PXOM é a continuación do aprobado inicialmente polo goberno de Miguel
Ángel Pérez, polo pouco que coñecemos parece tratarse dun plan totalmente
distinto. Polo que, de manterse as pretensións de Cacabelos, atopariámonos ante
un PXOM sen exposición pública nin período de alegacións veciñais. Esa é a
participación do PSOE”, indica EU. Que, ademais, destaca que en todo este tempo
non se puxo a funcionar a Comisión de Urbanismo; “motivo polo cal descoñecemos
se o traballo realizado foi, efectivamente, no sentido das alegacións
presentadas polos veciños”.
Todo
elo, unido “á alta contestación popular que tivo este planeamento e ao elevado
número de alegacións presentadas”, fai que a segunda exposición pública formal
sexa, ao entender dos esquerdistas, elemento indispensable.
“Desde
EU observamos unha nova fuxida cara adiante do goberno de Cacabelos. Vemos dúas
vías posibles: ou que o PSOE busque un parvo útil que lle asine un cheque en
branco co que poder levar adiante o seu plan sen a aprobación popular; ou ben
que pretenda culpar á oposición do fracaso, no caso de non ser capaces de sacar
adiante o documento”. “Todos os partidos políticos queremos un PXOM para o noso
Concello. Pero a única forma de facelo posible pasa pola aprobación popular;
que unicamente pode darse con totais garantías cunha nova exposición pública
que nos permita coñecer a opinión do pobo a través das correspondentes
alegacións. O resto son estratexias electoralistas que nada teñen que ver con
defender os intereses xerais do pobo”, remachan os edís de EU.
Área de
Comunicación
Esquerda Unida O
Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario