xoves, 24 de outubro de 2013

24O Folga Xeral no ensino



O vindeiro xoves 24 de outubro, está convocada unha folga xeral no ensino contra a contrarreforma educativa do

PP.

Esquerda Unida une a súa voz á gran maioría da comunidade educativa para esixir a retirada do proxecto da LOMCE. Ante unha lei imposta, sen debate previo e de costas á comunidade educativa, unha lei mercantilista xa que somete a educación a intereses economicistas onde tamén inclúe aos “axentes privados” como parte do sistema educativo.

A executiva nacional de Esquerda Unida manifesta que esta contrarreforma serve para seleccionar futuras elites dirixentes, excluíndo a quen precisa máis apoio, restaura itinerarios segregadores e suprime competencias da comunidade educativa na xestión de centros. Está é a imposición dun goberno que goberna para unha minoría interesada en restaurar a mala educación do pasado.

Ramón Vázquez deputado de AGE e membro da área de educación de EU, manifesta que “a crise é a escusa para privatizar e desmantelar o sistema educativo, é unha vontade política o feito de rescatar a bancos mentres se recorta en servizos públicos”. O PP facendo seguidismo das políticas antipersoas, insiste e colabora activamente na degradación da escola pública, para elo entre o peche de centros no rural, repago de comedores escolares, menosprezo da lingua, descenso do profesorado de apoio, etc. Con todo isto o PP pretende que só poidan estudar aqueles que teñan con que pagar, a educación deixa de ser un dereito para ser un privilexio.

Por todo isto, Esquerda Unida fai un chamamento á participación nas mobilizacións previstas para o 24 de outubro, e que tamén dende a rúa loitemos polos nosos dereitos, por unha educación pública, laica e de calidade.

O PP comprométese con AGE a reparar a cuberta do pavillón do CEIP Rosalía de Castro de O Grove cun investimento de 40.000 euros


O deputado Ramón Vázquez presentou unha iniciativa en comisión na que se instaba á Xunta de Galicia a asumir os seus compromisos e levar a cabo as urxentes obras de acondicionamento no centro.


Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013.- 

Alternativa Galega de Esquerda levou a comisión parlamentar unha iniciativa na que se esixía á Xunta de Galicia a realización das obras de mantemento e acondicionamento que precisa de xeito urxente o CEIP Rosalía de Castro de O Grove e que lembran foron comprometidas por parte da Consellería de Educación cos responsables do centro que como tantas outras promesas do goberno galego están sen cumprir. O Partido Popular pese a non apoiar co seu voto esta iniciativa alegando que era algo que xa estaba previsto facer, comprometéronse en sede parlamentar a reparar a cuberta do pavillón do centro unha das principais reivindicacións da comunidade educativa xa que o estado actual do mesmo impide o seu uso nos días de choiva. 

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, sinalou na súa intervención a necesidade de que o goberno galego cumpra coas súas promesas e obrigas e realice canto antes as obras de reparación dos baños do colexio xa orzamentadas pero aínda sen executar entre as que se suman outras actuacións como o arranxo da fachada do edificio ou a colocación dos elementos precisos para a adaptación do centro educativo á normativa de seguridade e prevención de riscos actual. 

Ante o compromiso formulado por parte do PP na comisión de Educación, o deputado de AGE, Ramón Vázquez, manifestou a súa intención de vixiar que o Partido Popular, desta volta, si cumpra as súas promesas e acometa as obras comprometidas.   




 

martes, 15 de outubro de 2013

Galicia contra a Troika


Este próximo sábado, día 19 de outubro, terá lugar o acto "Galicia contra a Troika", organizado por Esquerda Unida ás 10 horas na Faculdade de Ciencias Empresarias no Campus Norte da Universidade de Santiago de Compostela.

Neste acto tomarán a palabra o economista e deputado de IU Alberto Garzón, o economista de Comisións Obreiras Manuel Lago e o profesor de economía aplicada na Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias.