O Grove, 25 de novembro de 2021.- O vindeiro luns, o pleno do Concello do Grove aprobará previsiblemente –dada a maioría absoluta do goberno– o aumento da dedicación exclusiva do Concelleiro de Deportes e con iso unha suba na súa asignación salarial. Será un aumento da súa dedicación parcial, pasando dun 25% da xornada a un 50%, obtendo un aumento na súa retribución anual bruta de 7.000 € (17.021,06€) repartidos en 14 pagas. Esta circunstancia é tachada polo grupo municipal de Esquerda Unida como unha burla, pois entenden que “cando máis acrecentan as críticas cara o concelleiro por parte dos clubs deportivos, debido ao desleixo mostrado cara o deporte local, o Alcalde prémiao cunha subida salarial”.
Cabe recordar que a principios de mes, os clubs pertencentes a Asociación do Deporte Meco (ADM) lanzaron un comunicado no que afirmaban sentirse “ninguneados” polo goberno municipal. No mesmo, mostraban o seu malestar co Alcalde e o Concelleiro de Deportes logo de ver como se mantiña, por segundo ano consecutivo, a redución na contía para as subvencións deportivas tras afirmar que este ano se recuperarían os 96.000 €. Tamén criticaban a tardanza na saída das bases para esas subvencións, pois prometéraselle publicalas no primeiro trimestre e saíron no cuarto, e tachaban de menosprezo o feito de non atender as peticións de reunións, namentres os chamaban para organizar eventos como o campamento deportivo de verán. Esta situación foi tamén denunciada por Esquerda Unida que, tras intervir no pleno e reunirse coa ADM, a pasada semana enviaba á prensa un comunicado tachando de desdén o trato do goberno municipal ao deporte local.
Esta non é a única crítica que dende os esquerdistas se ten lanzado cara o Concelleiro de Deportes, pois tal e como recorda o seu voceiro, José Antonio Otero, “no anterior mandato e neste, son numerosas as ocasións nas que temos denunciado as accións e actuacións do concelleiro”. Otero recorda que “xa temos denunciado o cobro ilegal polo uso das Pistas de Pádel e as burlas e enfrontamentos co club, pedido en innumerables ocasións a convocatoria do Consello Local do Deporte para a renovación dos cargos, denunciado o abandono de instalacións deportivas ou retraso nas obras do Club de Remo Mecos”. Unhas críticas que exceden o político, como mostran as denuncias feitas polos propios clubs, o de Pádel no seu momento e os da ADM nesta última ocasión, polo que os esquerdistas non entenden que no lugar de terlle retirado as competencias ao concelleiro delegado, o Alcalde o compense con un aumento das súas retribucións.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove