O grupo municipal comparte a necesidade dunha infraestrutura que
demandan colectivos e veciños, pero denuncia a mala praxe do grupo de goberno
Destaca
o atraso que xa acumula o proxecto, e que podería poñer en risco o
financiamento da obra
O
Grove, 17 de abril de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida ve con
preocupación a xestión que o goberno local socialista está a realizar en relación
ao auditorio proxectado para o Monte da Vila. Logo da xuntanza mantida co
alcalde e cos demais grupos da corporación para abordar este asunto; os edís
esquerdistas teñen constatado o sobrecusto de 140.000 euros que a obra acumula
xa antes de ter comezado sequera. Un incremento orzamentario provocado pola
mala planificación e as présas do executivo de Cacabelos; que hai máis dun ano
presentou un proxecto para unha parcela de titularidade e delimitación
incertas.
Neste
momento “confírmase a falsidade de todos os argumentos esgrimidos polo alcalde”
cando, hai máis dun ano, propuña a formalización dun crédito de 4,5 millóns de
euros para o auditorio. “Chantaxe” é a palabra que empregan os esquerdistas
para referirse ao proceder do rexedor; que quixo poñer á oposición entre a
espada e a parede para forzar a aprobación dunha operación de crédito que “nen
era necesario realizar antes de ter solicitada a subvención da Deputación, nen
se axustaba a unha previsión de gasto real”.
“Tal como
denunciamos no seu día, o Concello iniciou un proxecto sobre unha parcela que
non estaba clara. Algo que ven de ocasionar cambios significativos no proxecto,
aumento dos custes e retraso na tramitación”, indica o edil Juan Lamelas.
A máis
importante desas mudanzas sería o feito de ter pasado dun auditorio de 700
prazas a un de 464. “Pasamos de ter auditorio, almacéns e escola de música nun
mesmo andar a telos repartidos en dous diferentes”, explican dende EU.
Máis aló
da dilación temporal que estas modificacións teñen ocasionado, Esquerda Unida
destaca o incremento do gasto. E é que aos 4,5 millóns nos que inicialmente se
valorara a obra téñense sumado case 20.000 máis pola modificación do proxecto
(imprescindible para axustalo á orografía e aos límiteis reais da parcela). E outros
120.000 en concepto de dirección de obra e seguridade. “Se desde o principio se
fixeran as cousas ben, non tería sido necesario recalcular toda a estrutura
para adaptala á realidade da parcela”, lembran dende o grupo municipal de EU.
A
formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero tamén ve con
procupación o retraso que acumula a tramitación do proxecto. “Máis dun ano
despois de iniciado o proceso, aínda está sen aprobar o proxecto de execución,
e tampouco se ten iniciado a adxudicación da obra”, explican. E non se trata
unicamente dunha cuestión formal; xa que, tal e como destacan os edís
esquerdistas, os prazos marcados pola Deputación bótanse enriba. “Dende EU
vemos con preocupación que o Concello teña que acabar devolvendo o millón e
medio de euros pola terquedade do alcalde en relación a este asunto. Os prazos
están moi apurados, tendo en conta que o 30 de xuño
de 2019 a obra debería estar acabada”,
destacan.
Esquerda Unida denuncia ademais o “financiamento
irregular” que o goberno local ten acadado “coa escusa do auditorio”. “O
goberno municipal conta con máis dun millón de euros de libre disposición a
crédito (que pagamos todos os veciños) co beneplácito de Félix Lamas e o
Partido Galeguista Demócrata”, asevera a formación.
“No pleno no que se cambiou de destino 1,5 millóns de
euros do crédito para o auditorio para libre disposición do alcalde, Esquerda
Unida denunciou que o goberno acababa de deixar sen financiamento ao auditorio.
Concretamente faltaban 418.000 euros. Algo que o goberno local confirma agora,
ao destinar esa mesma cantidade do Plan Concellos” á construción desta
infraestrutura cultural.
Área de Comunicación
Ningún comentario:
Publicar un comentario