O Grove, 4 de abril de 2018. - Coa Semana Santa recén rematada, o grupo
municipal de Esquerda Unida quere denunciar a absoluta falta de iniciativa do
Concello en relación co eido turístico. A pesar de tratarse do período que
inaugura a tempada alta para a hostalaría grovense; os visitantes que nestes
días festivos se achegaron ata O Grove non atoparon unha oferta cultural e de
ocio alternativa; nin tampouco un
servizo de información acorde á relevancia destas datas. A falta de
planificación do goberno local fixo que a oficina municipal de turismo non
cumprise cos horarios propios da época debido á falta de persoal. E, dous anos
despois de que a concelleira responsable desta área convocase ao sector para
poñer en marcha o tan anunciado novo Plan Estratéxico de Turismo; quedou de
manifesto que ese documento non foi máis que un brinde ao sol.
Xa dende o inicio do mandato, o grupo municipal de Esquerda Unida ven demandando
a incorporación á plantilla municipal dun Técnico de Turismo. Un profesional
capaz de dotar a un Concello turístico como é o do Grove dunha xestión anual
planificada; cuxa contratación, a día de hoxe, o goberno local continúa sen
acometer.
A formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero lamenta
que o goberno local non dote de estabilidade a unha área de importancia capital
para a economía local. E é que, se ben para o 2017 o orzamento municipal
incluíu, grazas á insistencia da oposición, unha partida para acometer esa
contratación durante seis meses; esta nunca chegou a executarse.
Esquerda Unida critica ademais as recentes declaracións da edil de
Turismo; que ao comezo desta Semana Santa incidía ante a prensa na variada
oferta que o municipio ofrece aos visitantes. Palabras baleiras, pois o
Concello non traballou para dar forma a ningún tipo de actividade de interese.
E a programación municipal para este período vacacional foi inexistente. “Non
houbo actividades municipais, publicidade nin propostas para os visitantes. A
concelleira fala de que O Grove reúne nos seus 22 quilómetros cadrados todo o
que un visitante pode buscar en Galicia, pero iso non se ve reflectido nunha
actividade promocional axeitada, con folletos e guías con presenza en hoteis e
restaurantes”, indican dende EU. “Por outra banda, nada volveu saberse do Plan
Estratéxico de Turismo que ela mesma comezou hai dous anos, e que quedou
paralizado ou gardado nun caixón. Como tampouco se volveu saber absolutamente
nada sobre a renovación da obsoleta web de turismo, anunciada e presentada aos
hostaleiros na Casa da Cultura. Non só iso, senón que neste momento dita web
atópase baleira de contido; segue sen estar adaptada para móbiles; e, o máis
grave de todo: segue anunciando que O Grove conta con praias con Bandeira Azul
a pesar de que non é certo”.
Esquerda Unida lamenta que as intencións do goberno local queden en
palabras que leva o vento; como aconteceu tamén no caso da renovación da
oficina de turismo do Corgo realizada hai un ano. E é que, a pesar de que
daquela se anunciara a instalación dun aseo para os empregados dese servizo;
este continúa sen estar operativo.
A formación esquerdista tamén pon o foco nos
cambios de rumbo e criterio no que respecta á actividade promocional da área de
Turismo do Concello. “Non entendemos que levou á
concelleira a facer acto de presenza en Fitur este ano, cando en anteriores
ocasións afirmara; de xeito reiterado e mesmo en resposta a preguntas realizada
en pleno; que non servía para nada e que se trataba dun gasto inútil”.
Área Comunicación
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario