Os esquerdistas alertan que esta situación, tal e como recolle a Lei de Turismo da Xunta de Galicia, pode causar a perda da condición de Municipio Turístico despois de 22 anos.
Acusan ao goberno local de desidia na área de turismo e piden que se poñan as pilas e abran a Oficina de Turismo durante todo o ano, que contraten o Técnico/a de Turismo e que convoque o Consello Local de Turismo para traballar de forma conxunta nunha planificación turística anual.
O Grove, 11 de xuño de 2022.- Calquera persoa que nestas semanas se achegase ata O Grove para visitar a súa contorna e precisase de calquera tipo de información turística, marchou igual que chegou, pois o único que puideron e poden atopar ao chegar á Oficina de Turismo municipal é a porta pechada e un cartel no que se indica que “Esta oficina permanecerá pechada ata novo aviso”.
Unha situación que denuncian dende a agrupación local de Esquerda Unida, pois non entenden que “un concello como O Grove, que ostenta a condición de Municipio Turístico dende hai 22 anos teña a súa Oficina de Turismo pechada ao público.” Así, os esquerdistas alertan de que “ter pechada a oficina pode supoñer a perda desta condición”, pois a Lei 7/2011 do 27 de outubro do Turismo de Galicia no seu punto E do artigo 28 indica que unha das condicións mínimas para ser declarado Municipio Turístico é a de prestar a atención e orientación aos usuarios e usuarias turísticas mediante unha oficina de información que ten que estar aberta todo o ano, “cuestión que claramente no Grove non se cumpre”, apuntan dende Esquerda Unida que fan referencia ao punto C do artigo 30 onde se indica que o incumprimento dos servizos mínimos é un dos motivos para perder a condición de Municipio Turístico.
Do mesmo modo, dende Esquerda Unida denuncian tamén a desidia do goberno municipal en canto ao traballo turístico, “que parece que tan só se centra na Festa do Marisco, como se non existisen outros asuntos nos que traballar”. Neste aspecto, os esquerdistas seguen agardando pola convocatoria do Consello Local de Turismo co propósito de traballar de forma conxunta nunha planificación turística para todo o ano, “tal e como se comprometera o Alcalde alá polo 2020”. Pero dende Esquerda Unida non se estrañan desa parsimonia e desa falta de interese, pois segue sen cumprir co acordo ao que chegaron no 2016, cando se comprometeu a cubrir a praza de Técnico/a de Turismo.
Así, dende Esquerda Unida piden ao executivo local que se poñan as pilas, que abran a Oficina de Turismo de forma permanente como marca a lei, que cubran a praza de Técnico/a de Turismo e que convoque o Consello Local de Turismo para traballar de forma conxunta nunha planificación anual.