martes, 27 de novembro de 2012

O sector gandeiro galego en loita contra o seu exterminio

Comunicado e propostas da XCG e o PCG ante a situación do Sector Lácteo na Galiza
O pasado 28 de agosto reuniuse a Mesa do Sector Lácteo (composta por Industria, produtores e distribución), presidida polo ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete. As principais esixencias dos sindicatos eran establecer un prezo digno do leite por riba dos custos de produción, así como a regularización dos contratos entre gandeiros/as e empresas do sector, cunha duración mínima dun ano. Tamén se falou da Política Agraria Común (PAC) e do Plan Europa 2014-2020, que inflúen directamente no sector.

A pesar das declaracións feitas a posteriori polo Goberno, que parecía atender a parte das peticións feitas, o pasado 27 de setembro coñecemos a aprobación do Real Decreto de impulso ao sector lácteo, que non cumpre en absoluto as esixencias dos sindicatos e dos gandeiros/as, facendo unha lectura “propia” dos acordos tomados na Mesa.
Diferentes sindicatos pediron xa que non se estableza a obrigatoriedade dos contratos por considerar que se trata dunha medida errónea que fará que se afonde aínda máis na crise de prezos que padece o sector, especialmente na Galiza, sendo o prezo do leite en orixe un dos máis baixos da Unión Europea, ao manterse nunha media de 27-28 céntimos por litro. Isto ocorre porque non existen os axeitados mecanismos de negociación entre os gandeiros e a industria, é dicir, son as empresas as que impoñen o prezo, quedando desprotexidos os produtores, que nin tan sequera poden elixir o comprador.
O Real Decreto nin fixa uns índices de referencia para os prezos, nin remata co proceso de constitución das organizacións de produtores lácteos (OPLs). Deste xeito, estáselle dando á industria unha poderosa ferramenta de coacción fronte ás produtoras e produtores, que se verán na obriga de vender o seu produto a prezos ruinosos impostos nos seus contratos.
En Galiza, primeiro produtor de leite do Estado (37% do total no ano 2010), esta realidade afóndanos máis na crise do sector e do sistema capitalista, ao depender zonas enteiras do interior da produción láctea (especialmente na provincia de Lugo). O número de explotacións lácteas reduciuse nos últimos vinte anos en 17.000 explotacións, pasando de haber en 1992 unhas 34.500 a existir tan só 17.000 no ano 2008. Só no ano 2010, pecharon 722 desas explotacións.
Isto supón a necesidade de emigrar para moitas mozas e mozos cara as grandes urbes, provocando o envellecemento das poboacións rurais e a desarticulación de toda a infraestrutura dos servizos sociais e públicos, que se viron fortemente recortados e afectados polas últimas medidas dos gobernos de PSOE e PP.
A Xuventude Comunista e o Partido Comunista de Galicia fan súa a loita dos e das traballadoras do sector lácteo e rexeita as medidas levadas a cabo en Europa dende a creación da PAC no ano 1962 e a súa inclusión no Estado español no ano 1986, comezando así a decadencia e futuro desmantelamento do sector en Galiza. Desde a XC e o PCG cremos que son urxentes medidas de recuperación e a reestruturación do sector nun cambio de modelo económico radical, xa que entendemos que non é posible no sistema capitalista.
Galiza, onde predomina o minifundio, é un dos territorios máis atacados polo Plan Europa 2014-2020, é dicir, pola progresiva desarticulación do minifundio en beneficio das grandes empresas madeireiras (como así demostra a recente Lei de Montes aprobada pola Xunta).
Por todo o dito anteriormente a Xuventude Comunista e o Partido Comunista de Galicia propoñen:
1- Que o goberno estableza un prezo mínimo de 36 céntimos por litro para a venta do leite, e cree os mecanismos necesarios para que sexan os gandeiros/as quen decidan a quen e por canto venden os seus produtos. Tamén pedimos a inmediata derrogación do real decreto por crer que a súa aplicación supoñerá o desmantelamento total do sector.
2- Rexeitamento inmediato da PAC vixente e futura por crer que soamente beneficia ás grandes empresas do sector e a eliminación das axudas, xa que supoñen un dos grandes argumentos que as grandes empresas lácteas utilizan para baixar o prezo do leite.
3- Creación dun banco público de terras que permita aos gandeiros e gandeiras acceder a terras que na actualidade non se traballan e deste xeito permitirlles o acceso ás materias primas, abaratando os custos de produción dos seus produtos e facer que sexan menos dependentes das grandes empresas de alimentación gandeiro. Ademais a creación dun banco de terras permitirá e axudará a que non se siga a desaproveitar terra produtiva agrícola en Galiza. Tamén esiximos que se derrogue a nova lei de montes aprobada no Parlamento de Galiza por favorecer de forma descarada a creación de montes mancomunados controlados polas grandes empresas madeireiras en vez de favorecer a creación de novas zonas de cultivos agrícolas.
4-Creación dun Banco Público de Crédito Agrícola SEN FINS ESPECULATIVOS, para favorecer que os gandeiros/as poidan acceder ás melloras tecnolóxicas que precisa o sector para aumentar a produción e achegarnos aos niveis de produción europea.
5-Recuperación de todos os servizos que durante os últimos 30 anos se foron perdendo no Medio Rural (reapertura de centros de ensino, centros médicos...), para garantir o acceso á educación, sanidade...
Desde a XC e o PCG estamos seguros de que estas medidas, orientadas a un futuro cambio de modelo económico e político, evitarán a desaparición deste estratéxico sector en Galiza e evitarán a emigración da mocidade do campo cara as urbes, evitando deste xeito a desaparición de centos de pobos.
Por último, volvemos a amosar o noso total apoio e solidariedade ás e aos traballadores do sector lácteo que coa convocatoria da folga indefinida responden aos ataques que sufren por parte das políticas neoliberais.
POLO FUTURO DO CAMPO, FOLGA GANDEIRA!
FOLGA DE CONSUMO E SOLIDARIEDADE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario