O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega
de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que
continúe a vaga de desafiuzamentos e as súas dramáticas e mortais consecuencias
no noso país.
Os membros do Grupo Parlamentar consideran
intolerábel a situación social que se vive no noso País, resultado da vaga de
desafiuzamentos que enchen a cotidianeidade dramática das familias
traballadoras. Esta situación imponnos a esixencia de desenvolver as oportunas
actuacións públicas para evitar unha problemática inxusta que está a causar
alarma social, pobreza e marxinalidade, e mesmo mortes. Os datos semellan un
berro elocuente encol dunha realidade que antepón o lucro privado aos dereitos
recollidos na Constitución e no Estatuto.
Alternativa Galega de Esquerda acredita a
urxencia de modificar a legalidade de maneira que resolva tanto a situación das
familias que están a piques de sufrir a perda da súa vivenda canto permita
atender a situación das familias que xa a perderon.
No noso País a media de desafiuzamentos
diarios é de 16, segundo os datos proporcionados polo arquivo estatístico do
Consello Xeral do Poder Xudicial, que recolle a perda da vivenda ou local
comercial por parte de 3.037 propietarias e propietarios no primeiro semestre
do ano. Os datos son moi superiores aos dos anos pasados a causa tanto da
dureza da crise canto da veracidade e completitude dos mesmos, en canto
recollen tamén os lanzamentos acordados nos xulgados de primeira instancia. Nos
primeiros seis meses deste ano formalizáronse 1.320 casos de execucións
hipotecarias. As cifras oficiais, nada sospeitosas de tentar provocar alarma
social, son estarrecedoras: dende 2008 ordenáronse 7.367 execucións que
remataron en desafiuzamentos en 5.994 dos casos. Estas cifras impóñennos actuar
a favor das persoas e familias afectadas por esta problemática.
Os últimos pronunciamentos públicos de
diferentes entidades oficiais apuntan á urxencia para reformar unha lexislación
que ampara hoxendía múltiples abusos do poder financeiro. As propostas
presentadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial ou a iniciativa da Avogacía
Xeral da Unión Europea dan razón aos grupos políticos e ás entidades de loita
social que vimos denunciando e contrapropoñendo diversas iniciativas neste
senso dende hai varios anos.
Por iso, o Grupo Parlamentario de
Alternativa Galega de Esquerda acredita na necesidade de modificar en
profundidade a lexislación para evitar inxustizas flagrantes e escandalosos
procedementos sumarios para botar as persoas das súas casas, para protexer aos
debedores fronte os abusos das entidades financeiras que socorremos de cote con
milleiros de millóns de cartos públicos, de xeito que sexa efectivo o dereito
constitucional a unha vivenda digna en todos os supostos de desafiuzamentos por
insolvencia das persoas residentes.
O Grupo Parlamentario considera que cómpre
tramitar con urxencia e participadamente as medidas suficientes que eviten que
ningunha persoa máis fique na rúa, sen un teito, e para que ningunha persoa
afogada polo drama da perda da súa vivenda se suicide. “Se non modifican
políticas que levan á xente a suicidarse, estamos santificando políticas
criminais” concluíron.
Por iso, o Grupo Parlamentario de
Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de Lei na que se establecen
os seguintes puntos:
1.- que a Xunta de Galiza suspenda por un
período de cinco anos todas as actuacións xudiciais do IGVS que se realicen
para desafiuzar a calquera persoa residente nunha vivenda deste Instituto en
atención á situación de depresión económica na que nos atopamos e ás súas
secuelas en termos sociais e económicos.
2.- que se constitúa unha Comisión Galega
contra os Desafiuzamentos coa participación dos grupo políticos e entidades
sociais que traballan nesta problemática para mediar nos casos en que o
procedemento ameace coa perda da vivenda a persoas afectadas e achegue solución
en todos os casos para evitar o desafiuzamento.
3.- que se inste ao Goberno do Estado a
modificar a Lei de Enxuizamento Civil, cunha disposición transitoria para que
nos procedementos de execución hipotecaria que afecten á vivenda habitual do
debedor ou dos seus familiares directos, que tiveran rematado coa resolución
que comporte o desafiuzamento, o xuíz ou xuíza, a petición das persoa afectada
ou das administración públicas competentes na materia dos servizos sociais ou
de oficio, deberá decretar a suspensión da dilixencia de desafiuzamento, ate
que as partes intervintes ou as administración públicas competentes non
presenten un acordo ou proposta que garanta o dereito da persoa afectada a
seguir a dispor da mesma ou distinta vivenda nas debidas condicións de
habitabilidade e vecindade, mediante título que asegure estabilidade
residencial por un período mínimo de cinco anos e nas condicións económicas
axustadas ás posibilidades da persoa afectada.
4.- que esta suspensión se acordará tamén
nos procedementos nos que xa se tentara unha ou máis veces o lanzamento e
queden pendentes de practicalo.
5.- que se introduza un procedemento
incidental, polo que as persoas titulares de vivendas nas que teñan a súa
residencia habitual ou a dos seus familiares directos, e que se atopen
hipotecadas, poidan instar á suspensión temporal do pagamento das cotas, sen
acreditación de novos intereses, por xusta causa consistente en situación de
paro, accidente laboral, larga enfermidade, desgraza familiar ou infortunio
semellante, sen ingresos mínimos suficientes para atender ás necesidades
alimenticias e as cotas hipotecarias, e namentres se manteña a situación de
emerxencia ou as autoridades competentes en materia de servizos sociais e de vivenda,
presenten unha solución que garanta o dereito a dispor dunha vivenda digna.
6.- que se introduzan as medidas legais e
regulamentarias necesarias para que NOVAGALICIA BANCO, en tanto que entidade
financeira intervida polo Estado e que inclúe activos inmobiliarios
residenciais, poña de xeito inmediato a disposición das autoridades galegas e
locais o dereito de uso- por un tempo máximo de cinco anos- das vivendas
baleiras e que reúnan as condicións de habitabilidade cando así sexan requiridas
por resolución que xustifique a necesidade de dispor das mesmas para atender as
necesidades de aloxamento de persoas e familiares que perderan o uso dunha
vivenda ou se atopen en risco inmediato de perdela por causa dos procedementos
de desafiuzamentos xa executado ou por desafiuzamentos arrendaticios.
7.- que tanto para a elaboración da
normativa que se propón nesta Proposición non de Lei canto para a reforma
lexislativa instada se faga partícipe ás Plataformas de Afectados pola Hipoteca
(PAH) que polo seu traballo social desenvolto nestes anos nos procesos de
solidariedade coas familias afectadas coñecen en profundidade a súa realidade e
as necesidades derivadas da mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario