Seis meses
despois da peonalización da Catorse, o pivote que regula o acceso de vehículos
aínda non foi posto en funcionamento
O grupo
municipal solicita que se convoque a comisión do Plan de Mobilidade Urbana
Sostible e que se propicie a participación de cidadanía e colectivos
Lembra que o
alcalde anunciara sistemas similares con tarxetas de acceso para os residentes
doutras zonas, como Peralto, O Montiño ou A Tafona
O Grove, 26 de maio de
2018.- O
grupo municipal de Esquerda Unida quere denunciar o feito de que, unha vez
máis, o goberno local se teña perdido nas súas propias previsións. Anuncios ao
vento e globos sonda semellan tónica habitual nun Concello que, en demasiadas
ocasións, se amosa máis preocupado por acaparar fotos e titulares que polo
servizo real que presta á cidadanía. A denuncia da formación á que representan
Juan Lamelas e José Antonio Otero ven motivada, desta volta, polo flagrante
atraso que acumula a posta en servizo do pivote instalado para controlar o
acceso de vehículos á rúa Castelao. Un vial que se pechou ao tráfico hai xa
seis meses. E onde, ata o momento, ese mecanismo de control continúa sen
poñerse en marcha. Pero as necesidades do Grove en materia de mobilidade non
rematan aquí, polo que EU solicita a convocatoria da Comisión do Plan de
Mobilidade Urbana Sostible e a súa apertura a colectivos e representantes das
distintas entidades sociais.
O
mes pasado coñecíase o dato de que a Policía Local tramita medio cento de
multas a condutores por circular indebidamente polo treito da rúa Castelao máis
coñecido como a Catorse. Unha conduta irresponsable que, sen embargo, non tería
cabida se o goberno local tivese cumprido en tempo cos seus propios anuncios.
Pasado
medio ano dende o remate da obra de peonalización dese vial, o nomeado pivote
permanece baixado e aínda non foi estreado. E das tarxetas de acceso que ían
repartirse a residentes, usuarios de garaxes e responsables de establecementos
comerciais nada se sabe tampouco.
Pero
non é este un problema que afecte unicamente a esta rúa. E é que en decembro
entrou en vigor a Ordenanza de Tráfico deseñada, precisamente, co obxectivo de
regular o acceso aos distintos entornos de prioridade peonil do casco urbano.
Un texto que fai referencia a Pratería, Peralto, O Corgo, Outeiriño, Alcalde
Xacobe Barral, Santo Antonio, Matadoiro, Concepción Areal, e As Bouzas, ademais
de á xa nomeada Castelao; e que o goberno local anunciou como o instrumento
necesario para mellorar a convivencia entre viandantes e vehículos.
Lamentablemente,
ás portas do verán as anunciadas tarxetas para usuarios e residentes seguen
sendo unha quimera; na Catorse, co correspondente pivote inutilizado xa no seu
lugar; e tamén nos demais barrios para os que o alcalde anunciou ese mesmo tipo
de sistemas. Barrios, cabe destacar, nos que a circulación indebida constitúe
un problema dende hai tempo; pois basta un pequeno paseo por Peralto ou pola rúa
do Hospital para comprobar a cantidade de coches que empregan estas áreas,
teoricamente peonís, para estacionar e circular.
Esquerda
Unida lamenta que; a pesar dos pasos directamente relacionados co deseño do
mapa de mobilidade do municipio que o Concello xa está a dar; ata o de agora
non se teña convocado a comisión sobre un asunto de tal relevancia. Cabe
sinalar que no pleno deste mes debaterase un anexo ao Plan de Mobilidade que
contempla a obra, “anunciada e xa contratada”, da rúa Alexandre Bóveda.
En
relación con iso, EU critica tamén a improvisación do goberno do PSOE; que
escasos meses despois de que se aprobara en pleno a solicitude de subvención
para a obra de Beiramar cambia de plans e propón destinar eses cartos ao
proxecto de Alexandre Bóveda. Uns feitos que “ratifican, unha vez máis, o
exposto desde EU: que temos un goberno municipal que actúa sen planificación e
a salto de mata”.
Os
esquerdistas lembran que a convocatoria da comisión de Mobilidade está
contemplada na propia redacción do Plan; que establece unha primeira fase de
toma de decisións participativa, na que se teñan en conta as aportacións dos
distintos actores sociais. “Neste senso, o Concello está a incumprir o
aprobado, demostrando que para o PSOE as palabras participación e transparencia
non son máis que elementos propagandísticos, pois os feitos demostran que a súa
acción de goberno se basea no despotismo e na improvisación, impedindo toda
posibilidade de debate sobre as cuestións de relevancia para o futuro do
municipio”.
Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario